Investigación das caixas: arqueoloxía financeira a partir de febreiro

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

A enésima foi a vencida. Máis dun ano despois de que a oposición parlamentaria -o PSdeG, concretamente- reclamase formalmente a creación dunha comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforro galega, o seu proceso de fusión, a creación de Novagalicia Banco e as indemnizacións dos antigos directivos, o PP accedeu á súa creación. Nas actas parlamentarias ficará reflectido que esta comisión é creada á iniciativa do propio PP, se ben no propio pleno deste martes, o primeiro ordinario da nova lexislatura, tamén se discutía unha solicitude idéntica dos socialistas. Cuestións formais á marxe -se se aprobasen as dúas iniciativas sería obrigatorio crear dúas comisións- a unanimidade da Cámara deulle luz verde á comisión, que comezará a traballar en febreiro.

Na xornada en que o Goberno central ratificou que o valor de Novagalicia Banco é o dun buraco de 3.091 millóns de euros os conservadores explican por boca do seu voceiro, Pedro Puy, que agora consideran acaído indagar no sucedido en Caixa Galicia e Caixanova porque xa está "definida a capitalización" da entidade que agora encabeza José María Castellano. Ademais, asegura, fano porque eles tamén están "indignados" coas "malas prácticas na comercialización das famosas preferentes" que derivaron en "estafas" e mais coas "indemnizacións e salarios obscenos".

Nas actas ficará reflectido que foi o PP quen impulsou a comisión, aínda que no mesmo pleno tamén se discutiu unha proposta do PSdeG

Todas estas cuestións serán abordadas nun momento no que o Goberno central ratifica que a entidade resultante da fusión, Novacaixagalicia, non poderá manter manter o 6,84% que aínda ten na propiedade de Novagalicia Banco, empresa que pola súa banda non é, nin moito menos, quen de garantir que máis pronto que tarde non remate formando parte dun dos grandes grupos bancarios españois. Neste contexto, a comisión preséntase como unha caste de arqueoloxía político-financeira que, a xuízo dos grupos da oposición, chega notablemente tarde e despois de episodios que precisan máis dunha explicación, caso por exemplo, di o socialista Abel Losada, da "auditoría do millón de euros" encargada pola Xunta para avalar a fusión. Cómpre saber se foi "pura simplemente un engano, en caso de que exista", xa que o Goberno nunca amosou.

"O padriño fundamental desa fusión foi Feijóo", que "brindou con champán" coas mesmas "persoas que levaron indemnizacións indecentes" e por iso, di, debe comparecer na comisión -o PP xa sinalou que o presidente acudirá-. "Tarde mal e arrastro", considera tamén o nacionalista Francisco Jorquera, quen lamenta que o PP "agardase a que se consumase a liquidación do sistema financeiro galego" para activar a investigación. "Faise agora, que o dano é irreparábel". Así e todo, para non caer na devandita "arqueoloxía" o voceiro do Bloque chama a "investigar a fondo as causas, responsabilidades e consecuencias de todo o que aconteceu nas caixas e coas caixas". Tamén a ter en conta que "estamos a tempo de evitar o espolio do noso aforro" coa creación dunha banca pública.

"Hai urxencias extremas que non poden agardar", di Beiras sobre as preferentes

"Érguete e anda, como en Islandia, como en Islandia", readaptou Jorquera os versos de Alfredo Brañas para apelar ao control público das finanzas e tamén a lograr que os ex directivos respondan por cuestións como as preferentes. As preferentes son tamén unha prioridade para o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, en cuxa opinión "hai urxencias extremas que non poden agardar" a febreiro. Os afectados "ao final deste ano atópanse nunha situación no que á chantaxe chega ao seu límite", advirte o histórico nacionalista: "Teñen que tomar unha decisión inmediata e senón, a súa actuación será criminal", advirte. Así e todo, Beiras non dubida de que o PP está incurso nun "crime de lesa cidadanía" pola súa actuación neste ámbito.

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.