Ir ao Senado para non facer nada

Vista dun pleno no Senado © Senado

O Senado é, xunto ás deputacións, unha das institucións da estrutura política do Estado máis frecuentemente cuestionada. Concibida inicialmente como un foro de representación territorial, a Cámara Alta adoita limitarse a reproducir mecanicamente as decisións tomadas no Congreso dos Deputados. Así e todo, o labor dos senadores e senadoras si pode traer consigo a introdución de novos preceptos nas leis, así como a obtención de información da actividade do Goberno central. No caso da representación galega no Senado, este traballo realízase de maneira dispar, e vai dende unha actividade máis ou menos abondosa ata a nada máis absoluta, título de dubidosa honra que ostenta un senador lugués do PP.

Armando Castosa, alcalde de Cospeito e membro do Senado dende as eleccións xerais de 2011 leva un ano e nove meses sen facer absolutamente nada no que a iniciativas e intervencións se refire. Isto é, cando menos, o que reflicten as bases de datos da propia Cámara Alta, nas que é posible consultar o traballo de cada un dos senadores e senadoras. Castosa presentou a súa primeira iniciativa na primavera de 2012, unha pregunta sobre o grao de execución dos Orzamentos estatais na provincia de Lugo que aínda non foi contestada. Dende ese momento non se lle coñece ningunha iniciativa máis malia ser secretario na comisión de Entidades Locais e vogal na comisión de Facenda, cargos que, xunto á propia condición de senador raso, lle dan dereito a unha remuneración mensual duns 3.500 euros ao mes.

Armando Castosa (PP) non realiza actividade ningunha dende marzo de 2012, cando formulou a súa única iniciativa

Na actual lexislatura só houbo un senador entre os galegos cunha taxa de inactividade comparable á de Castosa. Quen a protagonizou foi José Manuel Romay Beccaría, senador por designación do Parlamento de Galicia ata maio de 2012, cando pasou a ocupar a presidencia do Consello de Estado. O único trámite parlamentario que realizou o histórico dirixente da dereita galega e española e mentor político de Alberto Núñez Feijóo foi o da súa toma de posesión.

Os máis activos

Na banda contraria á de Castosa atópanse, como adoita acontecer, os representantes da oposición, neste caso representada unicamente polo PSOE. O senador galego máis activo é o lucense Ricardo Varela, con 1.584 iniciativas e intervencións, 1.551 delas nos últimos doce meses. A continuación sitúase Miguel Fidalgo, de Ourense, con 1.303 iniciativas e intervencións no último ano e 1.556 dende o comezo da lexislatura. O terceiro posto é para Javier Losada, o ex alcalde socialista da Coruña que xa formulou 1.269 actividades parlamentarias, 881 dende decembro de 2012. Por tras de Losada está Ángeles Marra, elixida polo PSOE de Pontevedra con 539 iniciativas dende o inicio do mandato, 507 nos últimos doce meses.

O senador galego con máis actividade é o socialista Ricardo Varela

Despois deste grupo de senadores máis activos sitúase a tamén socialista Paula Fernández, ex alcaldesa de Silleda. Malia ter escano no Senado só dende o pasado mes de xuño, cando a designou o Parlamento, as súas 63 iniciativas e intervencións sitúana por diante de todos os representantes do PP, cuxa membro máis activa é Elvira Larriba, de Pontevedra, con 42 actividades dende o inicio da lexislatura e 39 entre decembro de 2012 e decembro de 2013. Todos os demais senadores e senadoras do PP están entre as 10 e as 20 iniciativas agás Juan Manuel Jiménez Morán (9), José Luis Rivera (8), Dámaso López (5) e o devandito Armando Castosa.

Castosa (esquerda), nun mitin con José Manuel Barreiro © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.