Jorquera debuta cunha chamada á "insubmisión" e ao "dereito a decidir" de Galicia

Jorquera, no Parlamento © Parlamento de Galicia

Non era doado o papel de Francisco Jorquera no seu debut no primeiro gran debate parlamentario da lexislatura. O portavoz do BNG na Cámara chegaba, como admitiu dende a tribuna, tras un "forte revés electoral" que debe levar a súa formación a "cambiar e mellorar". "Pero demándolle a vostede esa mesma humildade", reclamou de Alberto Núñez Feijóo, quen, coida, non está "lexitimado pola sociedade para continuar coas políticas de saqueo", xa que "só un de catro cidadáns inscritos no censo electoral votou o PP". Foron estes os piares sobre os que o nacionalista asentou un discurso de ton programático, encamiñado a bosquexar aquilo "polo que traballará o BNG ao longo desta lexislatura", unhas aspiracións que, afirman, teñen como horizonte que o país poida exercer a súa "soberanía" e a "autodeterminación".

En plena crise global o Estado das Autonomías sofre a súa propia, é "irreversíbel" e "só ten dúas saídas: "ruptura do Estado ou a súa reformulación" en clave plurinacional. E, nese contexto, explica, a cidadanía galega debe exercer o dereito "a decidir libremente sobre os seus asuntos e xesitonar, no seu beneficio, os seus propios recursos". Non fala o voceiro do Bloque de "independencia, por moito que sexa unha opción plenamente lexítima", senón dunha capacidade de decidir "plena e permanente".

Jorquera chama a "renegociar a débeda e, se Bruxelas non quere, simplemente non pagala", suscitando risas no PP e aplausos no BNG e en AGE

E esa capacidade, para que? Para que Galicia, di Jorquera readaptando o poema de Alfredo Brañas, responda ao chamamento de  "érguete e anda", pero non "como en Irlanda", senón "como en Islandia", abandonando os males de ser "unha colonia dunha colonia" e declararse "insubmisa" ante "os homes de negro" e "a troika", expuxo, nunha afirmación que suscitou as risas explícitas na bancada popular e do seu candidato, así como o aplauso na do Bloque e tamén na de AGE: "O camiño ten que ser outro, renegociar a débeda e, se Bruxelas non quere, simplemente non pagala", resumiu. "A valentía -enfatiza- non consiste en espremer os de abaixo para defender os intereses dunha minoría", especialmente se esta se corresponde coa banca, di.

"Galiza corre o risco de morrer do seu éxito electoral", dille o voceiro do Bloque a Feijóo

Sobre estas esixencias para o marco xeral, explica Jorquera, o BNG tentará sacar adiante a súa aposta "alternativa" pola "economía para as persoas" e a "rexeneración democrática". Porque Galicia, asegura, "corre o risco de morrer do éxito electoral" de Feijóo mentres padece indicadores "propios dun país baixo os efectos dunha guerra", no caso demográfico e onde cabe preguntarse "que fixo" Feijóo durante catro anos, ademais de ser "cómplice" do "deseño europeo e estatal que condena a Galiza á condición de periferia económica e de país dependente". Na súa opinión, o líder conservador non fixo "nada", agás "desfacer políticas" herdadas, en ámbito como o naval, o lácteo e os demais sectores produtivos. Tampouco no sector financeiro, nin para lograr que os "responsables da pillaxe, chámense Méndez ou Gayoso" respondesen polos seus actos.

Durante estes anos, conclúe Jorquera, o BNG tentará emendar os seus propios erros mentres procura que Galicia poña en práctica "a vontade, como pobo, de sermos protagonistas da nosa historia". Porque o contrario, o que representa o PP, afirma, supón condenar o país "á irrelevancia política" e a "ser espectador dócil do que outros deciden por nós".

Jorquera, no Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.