Jorquera: "Feijoo vive nos seus papeis, non na Galiza real"

Jorquera, esta mañá no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

"Este vaise e aquel vaise e todos, todos se van; Galicia sen homes quedas que te poidan traballar...". Francisco Jorquera utilizou a Rosalía en varias ocasións na súa intervención para falar da emigración, pero tamén do espolio ou a falta de vivenda ("Nin pedra deixaron en donde eu vivira; sin lar, sin abrigo, moréi nas curtiñas; ó raso cas lebres dormín nas campías"). "Hoxe teríamos que dicir: 'Galiza sen mozas e mozos quedas'. Galicia desángrase", engadiu o voceiro do BNG aludindo aos máis de 60 mil mozos e mozas que emigraron nos últimos anos, "aínda que quizais vostede prefira dicir como Fátima Báñez, que 'optaron pola mobilidade exterior”, rematou.

En definitiva, o discurso de Jorquera tivo unha forte compoñente económica: do paro aos recortes, pasando polos repagos. E tamén fixo fincapé nas "cortinas de fume" coas que, ao seu xuízo, Núñez Feijoo busca decote "ocultar a realidade": "Feijóo vive no seus papeis, non na Galiza real", "Que a realidade non me estrague un titular, agacha a realidade tras o muro da propaganda da TVG", repetiu en varias ocasións.

Tamén aludiu a "submisión" de Feijoo ante as decisións do Goberno central: "vostede prefire obedecer a Rajoy a defender aos nosos doentes e aplica o copago", "a posición do PP e de Feijoo levan a Galiza á irrelevancia política, económica e social. Son colaboradores para o espolio galego".

"A posición do PP e de Feijoo levan a Galiza á irrelevancia política, económica e social. Son colaboradores para o espolio galego"

Outro dos argumentos que presidiu o discurso de Jorquera foi a reivindicación da soberanía para a defensa da economía galega e dos seus sectores produtivos. Afirmou, por exemplo, que "a cota pesqueira galega é cada vez máis pequena pq outros deciden por nós" e preguntouse "Por que importamos leite? Porque non importamos nada". Neste senso, sinalou que "a integración na UE foi ruinosa para Galiza" e destacou que "o nacionalismo xa o dixo no seu momento". En definitiva, reclamou "capacidade de decisión para decidir sobre os seus sectores produtivos" e concluíu que "non é posibel enfrontarse á globalización sin soberanía" pois "as bandeiras non dan de comer mais si non tes unha bandeira cómente".

No plano económico, o BNG propón que a Xunta impulse unha autonomía fiscal plena para Galicia, de xeito que poida recadar e xestionar todos os impostos que pagan os cidadáns e empresas en Galicia, territorializando o imposto de sociedades, o que segundo Jorquera achegaría máis de mil millóns.

De igual xeito, demandou "unha tarifa eléctrica galega" e propuxo: "paguemos menos pola electricidade, xa que a producimos e pagamos os custes ambientais". E referiuse a Pemex: "vostede mentiu, enganou á sociedade galega dicindo que os contratos de Pemex eran firmes", ás caixas: "cando chegou á presidencia Galiza tiña dúas caixas e tres bancos. Agora Galiza vai quedar sen sistema financeiro" e mesmo á recente paralización do proxecto de Corcoesto: "a medalla da paralización de Corcuesto é da sociedade que loitou, non súa, señor Feijoo".

"O señor Feijóo é presidente dun país no que non cree, mentras deixa que Galiza viva por debaixo das súas posibilidades"

En definitiva, Jorquera fixo un percorrido por boa parte dos conflitos sociais abertos en Galicia, nos que acusou a Feijoo de non ter solucións e de ocultar a realidade detrás do márketing e a propaganda. "O señor Feijóo é presidente dun país no que non cree, mentras deixa que Galiza viva por debaixo das súas posibilidades", rematou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.