Jorquera garante que "se do BNG depende, o PP non vai gobernar"

Jorquera, con Guillerme Vázquez durante o coloquio CC-BY-NC-SA BNG

Que vai pasar en Galicia se o PP perde a maioría absoluta? Esta, con diferentes formulacións, é unha das preguntas máis recorrentes das formuladas aos representantes das forzas políticas distintas dos conservadores de cara ás eleccións do 21 de outubro. Experiencias anteriores de goberno ou a máis que posible ampliación do arco parlamentario están por tras dun cuestionamento que este martes lle tocou ao candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, no marco dun almorzo informativo celebrado en Compostela. A Jorquera preguntóuselle e, á marxe da configuración do escenario postelectoral, xa ofrece unha primeira resposta: “se do BNG depende, o PP non vai gobernar en Galiza”.

"Non son inxenuo, non vou pensar nunha explosión electoral que lle permita ao BNG gobernar con maioría absoluta"

Pero, implica iso  a conformación automática dunha coalición co PSdeG se a aritmética parlamentaria o permite? Non necesariamente. “Por diante de calquera outra consideración” estará “un acordo programático” encamiñado a un “cambio profundo”, di, partindo ademais da base de que “eu tampouco renuncio a que o BNG goberne en solitario”, xa que a formación frontista, afirma, “concorre a estas eleccións coa convicción de que as políticas que defendemos son as que precisa” o país. Así e todo “non son inxenuo”, matiza, e o candidato nacionalista non vai pensar “en que haxa unha explosión electoral que permita que o BNG goberne con maioría absoluta, iso sería unh afalta de realismo”. Por iso, explica, “cantos máis escanos teña o BNG, máis capacidade de influír nas orientacións” dese eventual Executivo para levar adiante unha “nova política económica”, “defender o ensino e a sanidade da privatización progresiva” e “pular por máis autogoberno”.

Podería incluír ese virtual pacto á Alternativa Galega de Esquerda, preguntóuselle tamén a Jorquera, máis concretamente a respecto de Esquerda Unida. “Que eu saiba, a coalición pola que concorre non defende un concerto económico para Galiza nin está insistindo na necesidade de reforzar o autogoberno nun contexto de profunda recentralización”. Así e todo, as portas non están pechadas. “O que poida pasar en escenarios posteriores, xa o veremos”. En calquera caso, garante, “o BNG non vai facer o que fixo IU en Extremadura, entregarlle o goberno ao PP” nin tampouco gobernará “para aplicar recortes como en Andalucía -cun Executivo do PSOE con IU-”.

Concerto económico

Un dos “piares” programáticos que o Bloque defenderá nesas posibles negociacións será o do concerto económico, isto é, que Galicia recade todos os impostos xerados no seu propio territorio, sen prexuízo de que despois achegue a parte “que lle corresponda” á caixa común do Estado. Este modelo, argumenta, é maís necesario ca nunca porque “as transferencias do Estado son cada vez máis insuficientes, debido á política de desarme fiscal”.

Pero, “mentres ese novo modelo de financiamento” non se implante, explica, o BNG procurará aplicar unha “reforma fiscal” que implique camiñar “na mesma dirección nos impostos propios e cedidos”, con mudanzas como unha “maior progresividade”. Isto, explica, ten que combinarse cunha política de Goberno que implique que dende a Presidencia da Xunta non se actúe como "escudeiro de Rajoy", actitude que, asegura, é a que vén mantendo Alberto Núñez Feijóo dende o cambio de Goberno no Estado.

Jorquera, nun intre do almorzo informativo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.