Jorquera propón unha lei de consultas para que a cidadanía decida "cuestións cruciais"

Jorquera, no encontro celebrado en Cambre CC-BY-NC-SA BNG

Un dos retos cos que o BNG afronta a campaña electoral do 21-O é a do coñecemento do seu candidato á Presidencia da Xunta. De dilatada traxectoria política tanto en cargos internos como en postos de representación institucional -no Senado e no Congreso-, Francisco Jorquera non dera ata este 2012 o salto ao primeiro plano partidario e mediático. Esta semella un dos factores que inspira o formato elixido polo Bloque para este primeiro treito de precampaña. Despois de lanzar a candidatura de Jorquera en dous actos multitudinarios, a convención nacional de maio e a manifestación do Día da Patria, o candidato da formación frontista desenvolve agora unha intensa axenda de actos de pequeno formato, concentrados en sectores ou puntos de poboación moi concretos. Neste esquema enmárcase os encontros a pé de rúa que o Bloque comezou a pasada semana e que este domingo levou a Jorquera ata Cambre. Sen atril e micrófono en man o nacionalista expuxo algunhas das liñas básicas do programa nacionalista, precisamente as centradas na participación política da cidadanía.

Jorquera está a protagonizar actos de pequeno formato que implican contacto directo coa veciñanza

Despois de vir reclamando durante meses que o máis que posible rescate total ao Estado español se decida nas urnas Jorquera bosquexa a aposta do BNG para canalizar a voz do electorado en decisións coma esta: unha Lei de Consultas Populares, para que "en cuestións de transcendencia, sexa a sociedade a que teña a última palabra. "A democracia ten que volver ser o poder do pobo", di o candidato do Bloque, nun contexto no que "se está acabando coa democracia cando vemos como os gobernos se poñen de costas á xente que os elixiu" e a súa política se limita "á que lle ditan os grandes poderes económicos". Isto, asegura, é que acontece "nos gobernos de Rajoy e Feijóo". "Para eles iso que chaman mercados e que son especuladores son máis importantes que as persoas".

Actitudes como as que para Jorquera amosan os Executivos do PP provocan, na súa opinión que a "democracia se transforme en plutocracia, no goberno dos grandes poderes económicos, utilizando goberno formalmente democráticas como axentes transmisores das súas políticas". Así, por exemplo, o memorando do rescate financeiro español -no que se establecen os recortes a aplicar" é "un documento sobre o que se informou e se debateu no Parlamento de Alemaña, pero non no Congreso dos Deputados". É neste punto onde "o BNG defende a rexeneración democrática, que pasa por exercer a transparencia, por respectar o pluralismo político, por asegurar o dereito á información e "por incentivar a participación real da sociedade na toma de decisións". Neste sentido, di, unha lei de consultas permite "contar permanentemente coa xente" e, "sempre que se discutan aspectos que afectan ao futuro dun país", sométense "a consulta vinculante".

Reforma electoral e dos medios públicos de comunicación

"O balance do bipartito é inmensamente mellor que o de Feijóo"

Neste mesmo apartado de "rexeneración democrática" Jorquera sitúa tamén a necesidade de reformar a lei electoral galega. O obxectivo desta modificación debe ser "asegurar que no Parlamento de Galiza" se reflicte "a pluralidade existente na sociedade, creando unha circunscrición única a nivel de Galiza" e "suprimindo o límite do mínimo de 5% dos votos para participar no reparto de escanos". Do mesmo xeito, abonda, no programa electoral nacionalista figura tamén unha nova reforma "que asegure que a TVG e a Radio Galega sexan públicas" tanto na súa forma legal como para evitar que "sexan un instrumento ao servizo do Goberno de quenda".

Jorquera realizaba estas propostas nunha xornada na que protagonizou varias entrevistas radiofónicas. Nunha delas, na Cadena SER, Jorquera non pechou a porta a pactos e coalicións tras o 21-O, sempre que estes sexan para levar adiante cambios "profundos". Neste sentido o candidato nacionalista admite que no bipartito co PSdeG na Xunta "cometéronse erros e hai que aprender deles", pero "o balance do bipartito é inmensamente mellor que o de Feijóo", di.

Jorquera, no encontro celebrado en Cambre CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.