Jorquera suxire que non será o próximo portavoz nacional do BNG

Jorquera, con Montse Prado, este luns en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Semanas antes da última Asemblea Nacional do BNG, celebrada a finais de xaneiro de 2012, era público e notorio quen optaría á portavocía nacional da formación. Tamén o foi en 2009, xusto despois das eleccións que supuxeron a saída dos nacionalistas da Xunta e que, como na Asemblea que a formación frontista celebrará o vindeiro 17 de marzo, supuña unha remuda segura no liderado, toda vez que o actual portavoz nacional -daquela Anxo Quintana, hoxe Guillerme Vázquez- non opta á reelección. Cando faltan menos de semanas para o plenario da asemblea a discreción segue a ser, con contadísimas excepcións, a tónica dominante. A toma de postura pública máis clara ata o momento chegaba este luns por boca do voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, e non para postularse, senón máis ben para descartarse case por completo.

Preguntado pola prensa a respecto de se entra nos seus plans ser portavoz nacional, Jorquera optou non por pechar a porta completamente, pero si por facelo o suficiente como para que haxa pouca marxe para a dúbida. O nacionalista "entendeu" sempre a política "como un compromiso colectivo" e por iso, como "sempre", está "á disposición" da organización "para desempeñar as funcións nas que os compañeiros e compañeiras consideren que podo ser máis útil". Pero, dito isto, Jorquera argumenta o autodescarte: dende 2009 o BNG "apostou por diferenciar referentes orgánicos e institucionais" e el concorda con ese modelo.

Jorquera defende a separación de referentes "institucionais e orgánicos" e declárase "satisfeito" no Parlamento

"Nun contexto dunha auténtica crise sistema" é aínda "máis importante que unha forza" con vontade "transformadora" non "reduza o traballo político" ao ámbito institucional, senón que "preste moita atención ao traballo organizativo e social". Polo tanto, vén dicir, non cabe compatibilizar o traballo de encabezar o grupo parlamentario, como fai actualmente, e facer o propio co conxunto do BNG. Así as cousas, Jorquera só sería portavoz nacional se abandonase a portavocía parlamentaria, pero "eu síntome totalmente satisfeito co labor que desempeño" na actualidade e ademais "confundiríamonos se reducísemos o debate ás "persoas".

Descartado case por completo dunha eventual carreira polo liderado Jorquera desbota tamén profundar na que se presenta como maior fronte de friccións no proceso, o desacordo coas teses políticas da Asemblea manifestado dende o colectivo Abrente que lidera Carlos Aymerich. "O que máis nos preocupa é como mellorar e perfeccionar o BNG para ser unha ferramenta útil e contestar o proceso de involución democrática" os "ataques aos dereitos sociais básicos e revitalizar o proxecto nacionalista en Galiza". No marco dese proceso, resolve, é "lexítimo que distintos compañeiros formulen os seus puntos de vista".

Nas últimas semanas circularon extraoficialmente nomes como os de Carme Adán ou Xavier Vence

Así as cousas, a trece días da Asemblea as eventuais candidaturas permanecen, cando menso polo momento, no ámbito dos ruxerruxes. Neses falares en voz baixa ecoou durante algún tempo o nome da deputada Carme Adán e nos últimos días cobra forza o do economista Xavier Vence, quen tivo especial peso na redacción dos textos da asemblea e quen ademais nunca ocupou ningún cargo orgánico de primeira liña política. En calquera caso, no seo do Bloque dáse por feito que o panorama comezará a clarexar a medida que se achega a asemblea, especialmente despois do vindeiro Consello Nacional. A resposta, en calquera caso, o 17 de marzo en Compostela.

Jorquera, con Montse Prado, este luns en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.