'La España en Marcha': a extrema dereita busca reorganizarse

Os participantes no ataque fascista levaban bandeiras de Alianza Nacional, La Falange e Democracia Nacional © El Diario

A policía detivo o xoves doce persoas pola súa participación no ataque fascista contra os asistentes aos actos institucionais da Diada en Madrid que se produciron na libraría Blanquerna. Aos asaltantes impútanselles uns delitos de danos, desorde pública e atentado contra os dereitos fundamentais. A agresión, na que se puideron ver bandeiras de Falange, Democracia Nacional, Alianza Nacional e o Nudo Patriota Español, englóbase nunha nova vía que estes grupos de extrema dereita tentan tomar ante a escasa representatividade que teñen no panorama político español.

A iniciativa que enmarca estas accións denomínase La España en Marcha ou LEM, usado como acrónimo, e que comezou tras moitos achegamentos e reunións coa emisión dun manifesto conxunto asinado por varios partidos coa intención de presentar unha candidatura única que aspire a mellorar os exiguos resultados que a día de hoxe tiveron.

La España en Marcha nace cun ideario común de 16 puntos: a derrogación da Constitución, a prohibición das ideas secesionistas, o cesamento da inmigración, a oposición ao aborto e a eutanasia, a abolición do matrimonio homosexual e a eliminación das autonomías

O manifesto, presentado o pasado mes de xullo e asinado pola Falange, Nudo Patriota Español, Alianza Nacional, Movimiento Católico Español e Democracia Nacional busca establecer unha nova política unitaria para gañar peso no panorama político español. La España en Marcha nace cun ideario común de 16 puntos, entre os que destacan a derrogación da Constitución Española, a prohibición das ideas secesionistas, o cesamento da inmigración, a oposición radical ao aborto e a eutanasia, a abolición do matrimonio homosexual e a eliminación das autonomías. Eduardo Arias, membro de Nudo Patriota Español e un dos promotores da iniciativa, aspira a que sexa unha formación que teña influencia en futuros pactos de goberno.

A presentación desta unión de partidos terá a súa posta en escena o próxima día 12 de outubro en Barcelona, tal e como anunciaron na web patriotas.es o pasado 18 de xullo, un día despois da publicación do manifesto. Entre as accións previstas celebrarán o 28 de setembro un acto previo á presentación do 12 de outubro que denominaron "Quema de trapos separatistas".

Este intento de unir os partidos de extrema dereita non conta con todas as adhesións que se supoñen a un movemento integrador. Norberto Pico, Xefe Nacional de Falange Española de las JONS, contaba que decidiu non unirse á plataforma de partidos de extrema dereita La España en Marcha. Ademais, o seu grupo desmarcouse da agresión na libraría Blanquerna.

A idea desta política unitaria da extrema dereita nace da nula representatividade que estes grupos teñen por separado nas eleccións, pola súa disgregación e o poder acaparador do voto conservador que ten o Partido Popular

A idea desta política unitaria da extrema dereita española nace da nula representatividade que estes grupos teñen por separado nas eleccións. A razón deste escaso peso no panorama político español débese á disgregación das forzas de extrema dereita e ao poder acaparador do voto conservador que ten o Partido Popular. No ano 2009 un informe de FAES titulado ¿Dónde están los votantes? daba as pautas e unha serie de consellos para que o Partido Popular recollese o nicho de votantes de extrema dereita. O texto consideraba que este grupo de votantes ía ir en aumento nun contexto social cun gran número de inmigrantes, unha crise severa e unhas taxas de paro en aumento. O informe recolle que o PP debería coidarse de non deixar ningún espazo na dereita que puidese ser recollido por outro partido que o privase da vitoria nas eleccións de 2011.

A FAES daba unha serie de consellos para que o PP recollese o nicho de votantes de extrema dereita. O texto consideraba que este grupo de votantes ía ir en aumento nun contexto social cun gran número de inmigrantes, unha crise severa e unhas taxas de paro en aumento

FAES aconsella ser consciente da importancia do aumento da cola de votantes de extrema dereita, baseado na teoría do Long Tail de Cris Anderson, e recomendaba usar as novas tecnoloxías para captar o voto de extrema dereita de cara ás pasadas eleccións xerais. O certo é que os partidos que forman parte de La España en Marcha sufriron un descenso significativo dos apoios nas eleccións de 2011 en comparación coas xerais anteriores. En 2008 os partidos que forman a coalición pasaron de ter 20.175 votos a tan só 4.760 en 2011.

 

A violencia dos membros da extrema dereita

Entre as accións previstas celebrarán o 28 de setembro un acto previo á presentación do 12 de outubro que denominaron "Quema de trapos separatistas"

En xullo de 2005 a policía desmantelou na operación Panzer un grupo denominado Fronte Anti sistema. Os 18 membros detidos da organización foron acusados de asociación ilícita por xustificar o III Reich, divulgar o nacionalsocialismo e alentar o odio contra inmigrantes e homosexuais. Ademais fóronlles requisadas diversas armas, entre elas un lanzachamas, que foran roubadas de dependencias do exercito. Un dos detidos, Javier Cuevas, fora xa sido condenado a 4 anos de prisión polo homicidio do mozo antifascista Guillem Agulló. Un dos detidos na operación Panzer, Juan Manuel Soria Monfort, presentouse en 2008 para o congreso nas listas de Alianza Nacional, un dos partidos asinantes do manifesto conxunto. Entre os detidos atopábase un concelleiro de Silla, en Valencia, e varios traballadores da empresa Levantina de Seguridade, da que é dono o avogado Jose Luís Roberto, líder do grupo de extrema dereita España 2000.

Un dos membros máis perigosos e violentos que forman parte destes grupos de extrema dereita é Alberto Ayala Cantalicio, membro do grupo Ultras Sur e próximo a Falange. Ayala Cantalicio concorreu ás eleccións con Falange e posteriormente en 2008 con Nación y Revolución, outro partido de extrema dereita que cambiou de nome en varias ocasións ata que coa denominación de Movimiento Social Republicano se uniu a España 2000. O líder do MSR Juan Antonio Llopart foi condenado por unha sentenza do tribunal superior de Valencia a dous anos por un delito de difusión do xenocidio.

Ayala Cantalicio foi detido até en seis ocasións e acusado de lesións, danos, e atentado contra os dereitos fundamentais. Alberto Ayala, a través da asociación cultural e deportiva Vieja Escuela Madrid, segue en contacto cos grupos e partidos de extrema dereita. De feito a asociación que el preside foi unha das que lle pediu á Delegación do Goberno de Madrid os permisos para realizar varias manifestacións, entre elas unha manifestación ultra o día que o FC Barcelona e o Athletic de Bilbao ían celebrar a final de Copa do Rei o pasado ano en Madrid. A asociación Vieja Escuela Madrid serve como ferramenta a este membro dos grupos neonazis para dar conferencias supremacistas, ademais de ser usado como ximnasio onde os membros do grupo practican deportes de loita tales como o boxeo e o kick-boxing.

A asociación mantén vínculos co grupo neonazi Juventudes Canillejas, escindido de Combat España, que foi considerado pola policía uno dos grupos máis perigosos de Madrid.

Os participantes no ataque fascista levaban bandeiras de Alianza Nacional, La Falange e Democracia Nacional © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.