ENTREVISTA | Xoán Vázquez Mao é o secretario xeral do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, que cumpre agora 25 anos reflexionando sobre o desenvolvemento futuro das súas 38 urbes e a eurorrexión no seu conxunto.
"O logro máis importante do Eixo é o inmaterial, foi darlle soporte a unha realidade que existía, a realidade entre Galicia e o Norte de Portugal que non é política, que é social e cidadá"
Faga balance. Cales foron as xestións máis exitosas e cales as máis frustrantes nestes 25 anos?
Que teñan que ver con nós, non teño ningunha sensación de frustración porque sabemos que as nosas son apostas a longo prazo. Si resulta moi frustrante o papel desempeñado nestes anos, especialmente nos últimos 12, pola Xunta de Galicia, porque non é o mesmo desenvolver a eurorrexión todos xuntos co potencial que temos, que facelo faltándonos unha pata da mesa que é absolutamente inoperativa e ultimamente inexistente. A única parte frustrante é a deixación de funcións que fai a Xunta. E logo ver como incluso están permitindo, cando non impulsando con algunhas posicións e declaracións políticas, un enfrontamento entre sectores que non ten que existir e que manifesta fracaso político. Está pasando coa parte económica e empresarial. Entre os logros, hai cinco ou seis grandes referentes que son os que mediaticamente tiveron interese. Coñécesenos polas infraestruturas, con varios fitos como o remate da autoestrada Vigo-Porto. Ou ese plan ferroviario que esperemos que non tardemos moito en ver que implica a saída sur de Vigo, a conexión Ourense-Lugo e a conexión de mercadorías Monforte-Palencia. Ou a modernización da liña de tren do Miño cando sabiamos que o AVE ía caer porque non había cartos. Ou temas como o roamming [a progresiva eliminación de sobrecustos nas chamadas transfronteirizas]. É verdade que cando aquilo que propomos se comeza a facer, non aparecemos nós. Aparece a Xunta, o Goberno central, os concellos polos que pasa. É normal. O Eixo nunca reivindica os seus logros. Pero o máis importante é o inmaterial, foi darlle soporte a unha realidade que existía, a realidade entre Galicia e o Norte de Portugal que non é política, que é social e cidadá. Por iso para nós é moi importante toda a política cultural, deportiva, para os mozos, porque iso é o que move esa masa crítica de 7 millóns de habitantes que nos converteu na terceira área urbana da Península, por diante de Lisboa. Convertémonos na voz da eurorrexión ata o punto de que no Norte de Portugal, no que non existe unha asociación de municipios rexional, como a Fegamp en Galicia, ese papel o estamos a cubrir nós.
A palabra lobby ten connotacións negativas. O Eixo é un lobby bo?
Lobby non ten connotacións negativas en Europa, tenas aquí porque estamos acostumados a que sexan as grandes empresas conspirando contra os intereses dos cidadáns. Lobby é un grupo de presión, que noutros lugares están regulados. Un dos máis potentes que hai en EEUU é o colectivo gay, un conxunto de cidadáns que se unen para defender os seus dereitos. Nós funcionamos nesa liña, como grupo de presión en favor dos dereitos e das reivindicacións da cidadanía da eurorrexión. Non defendemos intereses económicos de ningún xénero.
"A rexionalización é un proceso pendente en Portugal e creo que o Goberno portugués, que se está a consolidar, vai manter ese debate”
Igual que o Eixo pide cousas a outras institucións, que é o que máis lle piden os concellos socios ao Eixo e o Eixo aos concellos?
O Eixo aos seus socios pídelles participación activa. Cando algún concello non a tivo, máis alá de circunstancias puntuais como algúns que non participan politicamente pero si nas actividades cidadás, eu chamo ao alcalde, pídolle que me explique cal é o problema e explícolle que non paga a pena estar no Eixo pagando unha cota que non é barata pero que é rendible, por iso hai lista de espera para entrar, se non tiras proveito. Iso é tirar o diñeiro público. Somos 38 cidades e non queremos cidades que non participen. O único que lles pedimos é que participen. E eles nos piden esa función de lobby e servizos. Servizos por exemplo no ambiental, onde a axencia de ecoloxía urbana do Eixo fai proxectos de balde para os concellos, este ano foron 14. Ou nos ámbitos ligados ás candidaturas [para fondos europeos]. Unha das actividades que menos se coñece e é máis rendible son os seminarios de intercambio de experiencias para os técnicos das nosas cidades, nos que uns contan os seus problemas e outros contan como os solucionaron.
De onde obtén o Eixo os seus recursos?
Para 2017 o orzamento é de 4,3 millóns, dos que medio millón vén das cotas dos concellos mentres que un 85% son recursos externos, de fondos europeos que conseguimos ou patrocinios para actividades. Non recibimos nin euro nin da Xunta nin do Goberno portugués, por iso somos libres para facer calquera crítica, tanto positiva como negativa.
O feito de que en Portugal non exista administración rexional está a frear a eurorrexión porque a Xunta non ten un interlocutor do seu nivel? E ao tempo os maiores recursos e autonomía das súas autarquías axudan a que a cooperación municipal transfronteiriza, tamén a través do Eixo, sexa produtiva?
É evidente que o peso dos concellos en Portugal determina que a cooperación se desenvolva a través deles. Foron os concellos portugueses, Porto, quen impulsou a creación do Eixo. A súa falta de rexionalización afectaría se da parte galega houbera unha implicación pola eurorrexión. Se a Xunta estivera implicada, si se podería dicir que no outro lado non hai nada. Do outro lado teñen unha especie de delegación do Goberno [a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, CCDR-N], que cumpre ese papel a efectos do paripé que dan en chamar Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que todo o mundo sabe que non funciona, nos últimos 8 anos reuniuse dúas veces e nos últimos 12 tres. Empezando por Touriño e seguindo por Feijóo, reúnese unha vez por lexislatura, cando con Fraga e con Braga da Cruz [o daquela presidente da CCDR-N], conservador un e socialista outro, reuníase todos os anos, e viñan ministros dos gobernos, e debatían os problemas, e había conclusións. Pode dicirse que a falta de rexión do outro lado condicione a eurorrexión? Non. Condiciona a eurorrexión a manifesta incapacidade da Xunta de Galicia para xestionar a súa parte e a deixación e abandono do territorio que fixo. Agora mesmo a eurorrexión é o Eixo, os colectivos culturais, algunhas entidades empresariais e as universidades, que están tirando moito proveito lideradas polo reitor de Vigo. Con todo, a rexionalización é un proceso pendente en Portugal, que sobre todo no Norte é demandado cada vez por máis persoas e que o Goberno portugués, na próxima lexislatura no caso de continuar, e se está a consolidar, creo que é un debate que vai manter.
“Se a Rajoy lle importan os cidadáns, Portugal ten que ser unha prioridade para España”
Os días 29 e 30 de maio celébrase en Vila Real unha nova Cimeira Ibérica dous anos despois da anterior. Que agarda dela?
A anterior durou tres horas. Agora algo cambiou. Portugal ten un primeiro ministro tremendamente pragmático e está rodeado por ministros con experiencia que perciben a importancia da cooperación transfronteiriza. Eduardo Cabrita, ministro adxunto do primeiro ministro e ministro de administración interna, ve isto con toda claridade. É o responsable dun departamento para a valorización dos territorios do interior, que son todos fronteirizos con España, e para eles a cooperación é unha ferramenta fundamental. Un segundo elemento moi importante foi a visita a Portugal do Rei, que comprendeu o que é a cooperación transfronteiriza, falou dela por primeira vez no Porto e uns días despois lanzouse a Cimeira como a da cooperación transfronteiriza. Afortunadamente puxeron a etiqueta antes de pór o contido, porque cando foron ver o contido non tiñan nada, e nós dixémoslles que non pode haber cooperación sen os axentes da fronteira. Aspiramos a que sexa a cimeira da cooperación transfronteiriza fronte ás cimeiras da cooperación entre estados. Rajoy sempre repite o de que lle interesan as cousas que interesan aos cidadáns. Ben, pois esta é a ocasión de demostralo. As cousas que nos interesan aos cidadáns da fronteira chámanse sanidade, educación, transporte, loita contra incendios... Interésanos que sexa un novo tempo de gobernanza. Non se pode construír a fronteira sen os cidadáns. A recente reunión dos primeiros ministros do sur de Europa en Madrid tamén é un bo paso para que non sexa o eixo alemán o que marque a axenda europea. Esperamos que a cimeira sexa o lanzamento do lobby ibérico dentro do lobby do sur. A Península é o territorio con máis costa de Europa e mellor posicionado cara Mercosur e a Canle de Panamá. Todo isto concrétase en que a relación con Portugal ten que ser unha prioridade estratéxica para España e non pode ser soamente esos chicos que se fueron de España hace cuatro siglos.
"Temos moito interese en que no congreso de Braga polo menos o 50% dos asistentes sexan da sociedade, profesionais ou estudantes, non queremos só un congreso institucional de alcaldes e concelleiros"
Uns días despois da Cimeira, o 8 e 9 de xuño, o Eixo celebra un congreso sobre desenvolvemento urbano. Á espera das conclusións dese encontro, cal é o futuro destas pequenas cidades periféricas nunha UE en crise de identidade?
Pasa por entender que somos unha cidade atlántica virtual de sete millóns de habitantes na que cada unha das cidades é un barrio. Somos un continuo urbano no que o tren é o metro. París ou Londres teñen máis habitantes que a eurorrexión. Nós temos a vantaxe do policentrismo, co que conservamos a calidade de vida. Pero á hora de competir temos que funcionar como unha cidade única, coordinar os portos e aeroportos e pensar cunha lóxica urbana. Por iso facemos a axenda urbana, porque non todo é a xestión, non se pode xestionar sen pensar, e temos que pensar no futuro. Agora pensamos en global e partir de setembro actuamos en local, coa elaboración do plan de acción, no que o persoal sobre o territorio concrete. Por iso temos moito interese en que no congreso de Braga polo menos o 50% dos asistentes sexan da sociedade, profesionais ou estudantes. Non queremos só un congreso institucional de alcaldes e concelleiros.
No marco dese congreso o Eixo celebrará os seus 25 anos entregando as súas medallas ao ex-presidente da Comisión Europea Jacques Delors, o ex-director xeral de Relacións Exteriores da UE Eneko Landaburu e quen fora alcalde do Porto cando se creou o Eixo, Fernando Gomes. Por que eles tres?
Fernando Gomes porque foi o creador do Eixo, é lóxico darlla a quen tivo a idea de crealo. Landaburu foi unha aposta persoal de Felipe González moi afortunada. Foi o impulsor das políticas das que naceron institucións como o Eixo ou as eurorrexións. O Eixo nace das conversas que Fernando Gomes e Landaburu mantiñan en Bruxelas, sendo Fernando eurodeputado. E Delors é un xeito de reivindicar unha Europa social en cuxo contexto nace o Eixo fronte a unha Europa que os populismos, os fascismos, e esa entelequia chamada mercados se queren cargar.
"Sen o tándem Fernando Gomes-Manuel Pérez o Eixo non sobreviviría aos seus primeiros anos"
Por que só o alcalde do Porto naquela altura e non tamén o de Vigo, Carlos Príncipe?
A de Príncipe é a historia dos mitos que se constrúen. Pero por que se fala de Príncipe e non se fala dos outros 12 ou 13 alcaldes que tamén están na foto e asinaron o documento? A realidade é que quen creou isto foi Fernando Gomes, que fala co daquela alcalde de Vigo porque necesitaba facer unha ponte con Galicia. O daquela alcalde de Vigo hai que lembrar que tiña moitos problemas, os derivados da empacadora [do lixo que se fixo en Guixar cunha importante oposición cidadá] pero tamén de conflitos internos do PSOE, e impulsou unha serie de figuras de márketing pero que logo o tempo demostrou carentes de contido como a Fundación Provigo. Príncipe asume encantado o Eixo Atlántico e o único que fai, aparte das fotos, é falar cos seus colegas na parte galega dos concellos porque só Vigo e Porto non ía funcionar. Manolo Pérez chega despois [á alcaldía de Vigo]. Como a maior parte dos alcaldes populares que chegan en 1995 estaba convencido de que aquilo era un enfrontamento entre socialistas e populares, porque Fraga controlaba a Comunidade de Traballo e [os socialistas] o Eixo Atlántico. Eu chego ao Eixo en 1995 e atopo que non hai nada. Só faxes entre os xefes de gabinete dos alcaldes para reunións protocolarias. Tivemos que empezar de cero. Tanto é así que eu tardo tres meses en cobrar o primeiro salario. Non había nada, era todo un paripé. Non é ningún secreto que a Manuel Pérez, que lle tocaba a presidencia de quenda, quería abandonar o Eixo, como outros alcaldes do PP, e é Fraga quen os frea. E Manolo Pérez logo convértese no gran impulsor do Eixo en tándem con Gomes. Sen ese tándem o Eixo nunca sería o que é porque non sobreviviría aos seus primeiros anos.
E se tivese que entregar un premio en negativo, un limón?
Uf... habería que ver en que ámbitos pero sería difícil un único premio. Se se dera aos que teñen menos visión europeísta e de futuro, non chegaría un limoeiro enteiro. E se se dera a quen son cativos e envexosos e ven en nós un competidor e non un apoio, daquela non chegaría unha plantación de limoeiros.
"En 22 anos xa estiven con alcaldes de todas as cores e nunca ninguén me plantexou a saída. Tamén é verdade que non dependo dun alcalde e quen me ten que cesar é a asemblea"
Vostede leva 25 anos na secretaría do Eixo. Non é necesaria unha renovación?
Isto non é un posto en propiedade. Se os alcaldes o consideran non teñen máis que dicirmo. Non necesitan nin 15 días de preaviso. Non teño unha visión patrimonialista disto. Teño o cariño lóxico de quen leva moitos anos implicado, pero non teño problemas laborais, teño a onde irme. Creo que a renovación non ten que ser por decreto. Hai xente que morre aos 80 e envellece aos 40. Todo depende da capacidade que teñas de xerar ideas, de ilusionarte e xerar ilusión nun equipo. A partir de aí, cando as cousas funcionan ben, nunca se ven necesidades de substituír á xente. Cando as cousas non funcionan, á xente substitúena. En 22 anos xa estiven con alcaldes de todas as cores e nunca ninguén me plantexou a saída. Tamén é verdade que non dependo dun alcalde e quen me ten que cesar é a asemblea. Pero o día en que a asemblea do Eixo o faga, vou tardar cinco minutos en marchar sen ningún tipo de indemnización e entendendo que se hai que cambiar, se cambia.