Leiceaga compromete abrir 24 horas o servizo que atende infartos en Lugo se chega á Xunta

Fernández Leiceaga, este martes en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

O conflito do Hospital Lucus Augusti vén sendo, nos últimos anos, unha das principais dificultades do PP na provincia lucense. Despois de que, en febreiro de 2011, Alberto Núñez Feijóo asegurase na inauguración do complexo que nese mesmo ano funcionarían alí os servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica -a unidade que atende infartos-, as sucesivas demoras na súa posta en marcha derivaron en intensas protestas e non menos controversias políticas. Media década despois un dos servizos aínda pendentes é a apertura durante as vinte e catro horas do día da devandita unidade de hemodinámica. O candidato do PSdeG á Presidencia, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou este martes que esa operación será unha realidade se os socialistas chegan á Xunta.

O que ían ser proxectos duns poucos meses, en virtude do asegurado polo presidente, foi tornando nun longo proceso de varios anos. A comezos de 2014 o HULA abriu a hemodinámica, pero só en horario de oficina -de 8 a 3 e de luns a venres-, o que implica que os infartos que se produzan fóra desas horas teñen que ser atendidos noutros hospitais, habitualmente na Coruña, o que segundo o servizo de Cardioloxía do centro lucense impacta directamente no risco para os doentes. A radioterapia chegou a pasada primavera, cinco anos despois do previsto, en vésperas electorais e co financiamento da Fundación Amancio Ortega. A medicina nuclear tardou aínda máis, ata o pasado agosto, cando a un mes das eleccións a Xunta anunciou a súa posta en marcha.

Feijóo anunciou a posta en marcha dos servizos do HULA para o ano 2011, lembran os socialistas

É neste contexto no que Leiceaga enmarcou a súa intervención deste martes xunto á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e candidatos do partido na provincia. "Feijóo está viaxando e falando de España e do País Vasco", lamentou o aspirante socialista, quen contrapón o líder popular coa súa "campaña centrada nos problemas dos cidadáns". É por isto, di, que asume o "compromiso de poñer en marcha un servizo de hemodinámica as 24 horas en Lugo". Ademais, asegura, os socialistas asegurarán que os servizos de radioterapia e, en xeral, a atención oncolóxica en Lugo prmita "rematar coa ruta do cancro, que tanta dor causa", en referencia aos pacientes que durante anos viñeron viaxando á Coruña para seren tratados.

Estes plans para o HULA, afonda Leiceaga, enmárcanse nun proxecto sanitario máis amplo a través do cal "reverteremos as privatizacións e facilitaremos o acceso a todos os cidadáns aos servizos sanitarios, recuperando o sistema de atención global que tiña Galicia no 2008". Para isto, afirma, será necesaria a contratación de "1.500 novos profesionais" e poñer fin á devandita "apertura parcial da hemodinámica de Lugo, ou a perda de funcións dos hospitais de Burela e Monforte".

Lara Méndez: "Feijóo é leña verde, todo é fume"

A intervención de Leiceaga foi contraposta pola alcaldesa lucense coas "promesas incumpridas" de Feijóo nos últimos anos. "Feijóo é leña verde, todo é fume", ironiza Méndez, quen lamenta que "como en cada campaña", Feijóo "venda" na cidade "fume aos lucenses" e, "aínda por riba, sexa consciente" de que o está a facer. "Feijóo parece que non ten memoria, pero os lucenses si que a temos e sabemos o que valen as súas promesas", afirma a rexedora, quen engade ao eido sanitario outros proxectos como "traer o AVE, gardar unha partida para a intermodal, dotar de servizos o vello hospital xeral ou sanear as parroquias do rural", entre outras cuestións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.