Leiceaga: "Imos construír unha gran alternativa ao PP que atraia o voto que marchara do PSdeG"

Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG á Xunta CC-BY-NC-SA PSdeG

"Eu tampouco tiña previsto nada disto", di con retranca Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961), ao ser cuestionado por todos os acontecementos que se precipitaron no seo do PSdeG dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro ata as primarias que, o pasado 28 de maio, o converteron en candidato socialista á Presidencia da Xunta. O economista e escritor, que este sábado presenta a súa candidatura cun acto público en Santiago, afronta o reto de plasmar nunha candidatura electoral a "renovación" que quixo representar no proceso interno e ser alternativa ao goberno de Feijóo sen contemplar "o escenario hipotético" de que o Partido Socialista sexa superado nas urnas polas mareas coas que, non obstante, non se pecha a falar. "Sempre que houbo cambio" en Galicia foi a través do diálogo entre forzas diversas, lembra.

A súa vitoria foi lida nalgúns ámbitos como unha sorpresa. Viviuno vostede así?
Eu cría que podía ser. Na campaña percibín unha demanda de cambio no interior do Partido Socialista que era moi potente e había que saber ata onde podería chegar. Durante a campaña fun vendo que era moi posible gañar.

Durante a campaña, cre que axudou ou dificultou á súa candidatura que o outro aspirante, o señor Méndez Romeu, tivese apoios de cargos institucionais actuais e pasados moi relevantes, caso por exemplo do alcalde de Vigo?

"Detectei unha demanda de renovación poderosa fronte a unha opción de poder que se presentou como indiscutible"

As primarias teñen unha lóxica: os que votan son os militantes. Na medida en que eu detectei unha demanda de renovación poderosa dende as bases do partido eu creo que non tanto as persoas, senón a presentación dunha opción de poder fronte a unha opción de renovación favoreceu a miña candidatura. Non por unha persoa ou outra, senón por presentarse como unha opción indiscutible, que estaba dada e fronte á que non había nada que facer. Fronte a iso, moita xente rebelouse e dixo: “Non, o meu voto é este”.

Como ve xeito en que o PP acompañou, dalgún xeito, esta campaña? Di Miguel Tellado que, se puidese, el votaría por Méndez Romeu…
Iso son xogos típicos do PP, sempre vai apoiar a quen xa non está para desacreditar a quen está. Forma parte do manual da política en relación co adversario. Rubalcaba era o demo e non recibiu máis que gabanzas cando marchou por parte do PP en España. O que diga o señor Tellado non ten moito interese.

O PP tamén lles di que con vostede á fronte, o PSdeG está definitivamente nos brazos das mareas e de Podemos.
Eu creo, no entanto, que a nosa proposta xustamente vai ter a capacidade de recuperar moito voto que marchou ás mareas e traelo a un espazo máis pragmático, razoable e de goberno. Esa é a miña intención: construír unha gran alternativa ao PP que poida atraer voto desencantado en eleccións anteriores. E se é así, entendo o nerviosismo do PP.

Un dos grandes debates das primarias foi, precisamente, a conveniencia ou non de chegar a acordos entre as forzas da esquerda no caso de que a aritmética electoral así o permita tras as eleccións galegas. Vese negociando un goberno coas mareas?

"Imos construír unha alternativa sólida de goberno e despois, tentaremos que teña maioría parlamentaria; como se fixo sempre en Galicia cando houbo cambio"

Eu entendo que isto forme parte do interese xornalístico. Pero, cando un mira a España e ve que todos os gobernos de comunidades autónomas do PSOE están apoiadas por outras forzas. Cando vexo que hai un tenente de alcalde socialista gobernando o Concello de Barcelona con Ada Colau, ou que en Galicia, agás excepcións, todos os gobernos municipais e das deputacións son de coalición… Este debate non ten moito sentido e coido que á militancia non lle interesou demasiado. Nós imos tentar construír unha alternativa sólida e con capacidade de goberno e, a continuación, tentaremos que teña maioría parlamentaria. Como? Como se fixo sempre en Galicia cando houbo cambio: un goberno liderado polo Partido Socialista que negocia con outros partidos para ter os apoios suficientes a partir do programa definitivo. O que toca agora é a primeira parte, construír esa alternativa sólida. E despois, xa falaremos do resto.

Pode contribuír o resultado das primarias a suavizar a relación do PSdeG cos gobernos das mareas ou viceversa?

"A curva de aprendizaxe das mareas está a ser demasiado plana"

Hai moitos gobernos que funcionan sen problema e outros, que teñen roces como é previsible cando hai moitos actores en xogo. Nós respectamos a autonomías dos grupos municipais a partir dunha liña política xeral. Onde isto ten relevancia pública, basicamente nas cidades, fixemos un exercicio de xenerosidade, que foi apoiar a forza de esquerdas máis votada sen esixir nada a cambio. E a partir de aí, o que demostran en moitos casos os gobernos nos que nós non estamos é unha capacidade de diálogo limitada. E un goberno en minoría significa facer exercicios de xenerosidade paera pactar; eu entendo que están aprendendo, pero a súa curva de aprendizaxe está sendo demasiado plana.

O PSdeG está agora nunha situación que había moito que non se daba, cun candidato que non é secretario xeral e, polo tanto, non ten mando orgánico directo. Ata que punto ten marxe de manobra para organizar equipos, trazar a liña da campaña ou o programa?
Hai dúas fases diferentes. Na primeira todos imos estar concentrados nas eleccións xerais, nas que do que se trata é de colaborar co comité de campaña para que esta funcione mellor. E eu estou á disposición para facer todo o posible por participar e estar presente en actos diversos por todo o territorio. E a partir de aí tocará ter un papel máis protagonista, constituíndo un comité electoral que poida levar a nosa iniciativa política ata as eleccións autonómicas. Estes días son de acomodo, con encontros diversos e tamén de posta en marcha do programa.

Como pode influír en todo este proceso o Congreso Nacional? É de supoñer que a súa preferencia sería que a renovación pola que aposta se trasladase tamén ao eido orgánico…

"O Congreso vai ser despois das autonómicas, non me vou preocupar das cuestións orgánicas ata ese momento"

O Congreso vai ser despois das autonómicas. Non me vou preocupar para nada das cuestións orgánicas ata despois das eleccións e nese momento, en función dos resultados, xa veremos como se configuran as cousas.

E ata ese momento, cre que terá a parte do partido que non o apoiou nas primarias a traballar para obter un bo resultado?
Eu vou facilitar que así sexa. Díxeno na campaña, non se trata de gañar contra ninguén, senón a favor do PSdeG. Claro que hai situacións nas que é normal que alguén dea un paso atrás para estar máis cómodo, pero estou seguro tamén de que moita xente dará un paso adiante.

O primeiro paso atrás foi o do Parlamento. Pode contribuír a visualizar esa nova xeira do partido situar en primeiro plano a deputados e deputadas que ata agora non tiveran unha gran proxección pública?

"A renovación é vida, non hai nada máis ineficaz que algo petrificado, sobre todo nun momento de cambios tan intensos na política"

Iso forma parte da dinámica dos partidos. Patricia [Vilán] vai ser unha moi boa portavoz. Ten experiencia, non é unha acabada de chegar, e ten ademais a ilusión e determinación de facelo ben. A partir de aí, a renovación é a vida. Non hai nada máis ineficaz que algo petrificado, sobre todo nun momento no que os cambios son tan intensos como os que estamos vivindo na política en España e en Galicia. Hai novas xeracións na política e temos que saber darlles paso. E o Parlamento é un deles.

Corría o PSdeG ese risco de petrificarse? No Parlamento vimos de vir como, dalgún xeito, pasan páxina a respecto de 2012 ou mesmo de 2009…
As institucións en xeral sempre corren ese risco, tenden a ter un funcionamento pechado sobre si mesmo e son os influxos externos os que fan que se renoven. E canto máis grandes son, máis pasa isto. O PSdeG deu mostras dende sempre da súa capacidade de renovación, en moitas ocasións. E esta é unha máis.

Unha das imaxes da campaña interna foi o apoio de Gonzalo Caballero á súa candidatura. Que papel cre que vai ter no partido, toda vez que ata agora non tivera protagonismo alén da vida interna?
Gonzalo foi relevante na campaña, porque afianzou o discurso de renovación que nós tiñamos e incorporou un plus de credibilidade a ese discurso. En boa medida el ten esa imaxe e, ademais, sempre estivo en posicións non centrais do partido. Hai que recoñecer ese esforzo de incorporación a unha maioría de militantes do partido e o seu papel vai estar determinado, basicamente, por el mesmo. Nós ímoslle dar cabida na nosa maioría e aproveitaremos as súas capacidades.

Estamos nunha campaña das xerais nas que boa parte do debate se está centrando máis nas posibles alianzas que nas políticas. Cre que se corre o mesmo risco cara ás eleccións galegas?

"Como o PP non ten alianzas posibles, tenta desacreditar as dos demais"

Se iso sucede é porque o PP consegue impoñer a súa axenda. Entre outras cousas, porque como non ten alianzas posibles nunca, tenta desacreditar as dos demais. O máis relevante para a sociedade sería facer unha avaliación das políticas do goberno de Feijóo, que sería desastrosa en termos de desemprego, de crecemento, de benestar ou de desigualdade. O balance non resiste o escrutinio público. E, sobre todo, de propostas para o futuro. Ese debería ser o debate, e aí a prensa ten tamén un papel que xogar.

Cales deben ser a prioridades nese escenario? O relato do PP está claro: pasamos o peor da crise e grazas a que Galicia se anticipou na austeridade, sae mellor que os demais. Cal debe ser o relato alternativo?

"Feijóo cadrou as contas, pero para facelo prexudicou a economía e a sociedade galega"

O presidente Feijóo tivo unha única prioridade, a prioridade contable, cadrar as contas. Pero para cadrar as contas prexudicou a economía e a sociedade galega: cadrou as contas, pero o paro comportouse peor que en España, cadrou as contas, pero o crecemento económico foi máis negativo que en España en función das épocas. O balance é moi malo, e esa é a perspectiva que interesa, porque ademais houbo menos recursos e tivo que recortar máis. As nosas prioridades son tres: volver a uns servizos básicos ao mesmo nivel que antes da crise, unha política económica que favoreza o emprego estable e de calidade e a redución das desigualdades, concretamente o combate contra a pobreza.

Leiceaga, nun intre da entrevista con Praza CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.