Leiceaga peregrina contra a discriminación dos concellos socialistas

O alcalde de Ponteceso, García Carballido, tentando entregar a súa carta no Pazo de Raxoi ante a mirada de Leiceaga CC-BY-SA Praza Pública

“Non nos abren a porta a ningún tipo de convenio”, láiase o alcalde socialista de Ponteceso, Lois García Carballido, no cargo desde hai un ano. Dío diante doutra porta que vén de pecharse na súa cara, a da sede institucional da Xunta no Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro de Santiago, onde un garda de seguridade acaba de remitilo á sede administrativa de San Caetano. Xunto a el, suando baixo os preto de 30 graos da tarde compostelá, o candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, solidarizado coa causa do seu rexedor.

O alcalde de Ponteceso camiña a Santiago para pedirlle a Feijóo as mesmas axudas que reciben as vilas do PP e o candidato á Xunta úneselle nos últimos dez quilómetros

García Carballido, farto de que o Goberno galego lle dixese que non a varias peticións de axuda económica, decidiu peregrinar desde a súa vila ata Santiago para entregar na Xunta unha carta dirixida ao presidente Feijóo coas súas queixas. Comezou a camiñar ás cinco da madrugada deste luns e, 60 quilómetros despois, ás cinco da tarde entraba no Obradoiro. Facíao acompañado de Leiceaga, que se uniu a el a 10 quilómetros de Santiago, baixo o sol do mediodía. Para cando chegaron diante da catedral, o cansazo de ambos era evidente e a porta da sede institucional da Xunta, que alí só abre polas mañás, xa estaba pechada. Non desistiu o rexedor, que chamou ao timbre ata que un garda de seguridade lle dixo que mellor levase a súa carta a San Caetano.

Rematada a súa xesta, o alcalde fixo declaracións aos medios alí congregados lamentando a “débeda herdada” que atopou no seu concello cando hai un ano substituíu ao PP. Por iso, di, comezou a pedir axudas de todo tipo á Xunta, sen éxito. Este ano os dous colexios de primaria da vila, asegura, non van mellorar a súa accesibilidade, como reclama a comunidade educativa, malia os seus 45 e 40 anos de antigüidade. Tampouco hai axudas para paliar os danos das inundacións que sufriu Ponteceso o pasado inverno porque na Xunta dinlle que nesa vila non as houbo. Así que García Carballido agradeceu a Leiceaga o seu apoio e compaña durante o treito final do seu camiño e pediu que, “cando sexa presidente, prohiba por lei repartir os fondos autonómicos aos concellos amigos, sexan do PSOE, da marea ou do PP”.

Leiceaga, pola súa banda, asegurou que “a protesta vai máis alá do concello de Ponteceso, o trato aos municipios por parte da Xunta é discriminatorio e desigual”, e lembrou que o grupo socialista presentou na pasada lexislatura no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que o reparto de fondos se realice de xeito “obxectivo, con criterios claros”. Unha iniciativa que foi tombada polo PP.

Leiceaga acompañando ao alcalde de Ponteceso no treito final da súa peregrinación desde a súa vila CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.