Leiceaga remata confiado e cunha maratoniana xornada: "Hai unha oportunidade de verdade"

Pedro Sánchez, no mitin de Redondela © PSdeG

Cunha maratoniana axenda, Xoaquín Fernández Leiceaga puxoeste venres fin á campaña do PSdeG. Comezando na lonxa da Coruña antes do mencer e rematando á fin do día en Compostela, o candidato socialista celebrou nove actos, viaxa da Estrada á Tui pasando por Ponteareas e suma arredor de 7.000 quilómetros en quince días na caravana que este venres bota o freo de man. 

Leiceaga asegura que "hai unha oportunidade de verdade" para o cambio e prevé "un bo resultado" para o PSdeG

Rematando cunha festa-mitin en Compostela xunto a Pedro Sánchez, Leiceaga chamou a "abrir as portas do futuro" votando polo PSdeG e advertiu que "quedar na casa" suporá "catro anos máis de gobernos do PP e dun presidente “indolente”.

Parou tamén pola mañá en Cuntis, onde visitou a militante socialista de maior idade en Galicia, Josefina Villaverde, de 106 anos. Aló volveu apelar ao "goberno serio e responsable" que ofrece o PSdeG e á "mobilización". En Tui, asegurou que "hai unha oportunidade de verdade" para o cambio e augurou "un bo resultado" o domingo tras unha segunda semana de campaña que foi "collendo ritmo e gañando corpo". 

O PSdeG advirte do risco de "quedar na casa" e ter "catro anos máis de gobernos do PP e dun presidente indolente"

Dirixiuse Leiceaga aos "desencantados" coa "corrupción" e á "falta de exemplaridade" na acción pública do PP e pediulles o seu apoio para pór fin aos "recortes" do Estado de Benestar. Centradas as miradas en Pedro Sánchez, logo de que se adiantase que intentará formar goberno alternativo a Rajoy, o secretario xeral do PSOE insistiu en Tui en que "o que fai dano á democracia á corrupción" e un presidente "que a ampara". E advertiu que rende contas ante os seus votantes e non ante os que prefiren a Rajoy na Moncloa. 

 

Cambio seguro se non hai absoluta

Leiceaga pon fin así a unha campaña centrada neses "300.000 indecisos" aos que citou sempre en base aos datos das enquisas, esas ás que tamén insistiu en refutar negando o sorpasso e advertindo de que aquel que tamén lle atribuían a Unidos Podemos non foi tal o pasado xuño. Insistiu o PSdeG na idea forza da necesidade e da posibilidade dun cambio que só será posible "se é liderado polos socialistas". Pero loitou o candidato tamén por impoñer a axenda galega na campaña e afastarse dese bloqueo instaurado no Estado. 

"Se hai maioría, haberá cambio", asegurou Leiceaga, que reivindicou -e foi reivindicado- os gobernos en coalición de Laxe e Touriño, os de minoría en moitas autonomías na actualidade ou a "estabilidade" do executivo local en cidades como Lugo. Mesmo os ataques que Pedro Sánchez dedicou a En Marea nas súas primeiras visitas a Galicia aminoraron co tempo a medida que a esquerda visibilizaba o seguro entendemento no caso de acabar coa maioría absoluta de Feijóo. Si houbo críticas a Podemos e ao "populismo", pero coidouse moito o candidato de cargar as tintas coa confluencia. 

O PSdeG cre que non haberá 'sorpasso' e cre que a perda ou non da absoluta de Feijóo decidirase en poucos votos

Enleado o PSOE como está polas batallas internas con Pedro Sánchez como obxectivo e o PSdeG coas reticencias en agrupacións como a de Vigo, Leiceaga marcou o perfil máis social e galeguista, prometendo acabar cos "privilexios" dos parlamentarios, devolver a gratuidade dos libros de texto, reverter os recortes e recuperar unha sanidade plenamente pública e gratuíta. E insistiu na mobilización e nos indecidos como a clave. "O futuro non está escrito", insistiu en varias ocasións. Así o pensan tamén na formación, que se mostra convencida de que o sorpasso de En Marea non chegará e de que a perda ou non da maioría absoluta de Feijóo acabarase decidindo por moi poucos votos. Se o votante socialista non queda na casa, o partido ve moitas posibilidades de cambio. 

Leiceaga, coa militante socialista máis lonxeva, en Cuntis © PSdeG
Leiceaga, nun mitin en Tui, con Sánchez ao fondo © PSdeG
Mitin na Alameda de Santiago © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.