O portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, non acudirá este martes á reunión impulsada polo BNG para insistir na transferencia a Galicia da AP-9, cuxo debate foi bloqueado a semana pasada no Congreso polo Goberno. Leiceaga argumenta que, máis que unha fronte de partidos ou grupos políticos, agora o máis adecuado é insistir na “posición unánime” do Parlamento de Galicia como tal, que debe ser, ao seu ver, quen se dirixa a Madrid.
O portavoz socialista non acudirá á reunión impulsada polo BNG para este martes, que si aceptou En Marea. Argumenta que debe ser a Cámara como tal e non os partidos quen defenda a “posición unánime” de Galicia.
A Cámara galega aprobou por unanimidade remitir ao Congreso unha proposición de lei que contemplaba a transferencia á Xunta das competencias sobre a AP-9, pero o Goberno vetou o seu debate amparándose nun artigo da Constitución que llo permite se a medida supón un incremento do gasto xa orzamentado. Tras ese bloqueo, o BNG remitiu unha carta ao resto de grupos do Parlamento de Galicia instándoos a acordar unha postura conxunta. Sería nunha reunión convocada para este martes á que En Marea xa confirmou a súa asistencia. Porén, na mañá deste luns Leiceaga amosou as súas reticencias e esta tarde o grupo parlamentario socialista confirmaba que non participará no encontro.
Leiceaga insta á Mesa do Parlamento a que sexa ela quen tome a iniciativa e demande do Congreso a tramitación da proposición de lei galega. Sobre a reunión proposta polo BNG, o socialista instou a “evitar a dialéctica goberno-oposición” e fuxir do “conflito interno” en Galicia que ao seu ver só danaría un final satisfactorio para os intereses galegos. Leiceaga apelou a “buscar vías e escenarios nos que todos poidamos sentirnos cómodos”.