Lidia Senra: "O colonialismo non é cousa do pasado, só mudaron as súas formas"

Senra, durante unhas xornadas en Bruxelas CC-BY-SA AGEe

Dende este venres AGE Europa, en colaboración coa Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Nórdica, da que forma parte na Eurocámara, e coa entidade Decoloniality Europe, organiza na Coruña e Santiago as xornadas A historia da Europa Decolonial e da Europa dos pobos sen Estado, un foro no que representantes políticos como Anna Gabriel e Quim Arrufat (CUP) e voces académicas tanto galegas como foráneas caso de Helena Miguélez-Carballeira ou Boaventura de Sousa, debaterán xunto a Xosé Manuel Beiras ou Lidia Senra sobre a pervivencia da mentalidade colonial, o papel dos nacionalismos ou as problemática específica do sur de Europa durante a crise. A xuízo da europarlamentaria galega, debater sobre colonialismo en pleno 2016 non é anacrónico, toda vez que este fenómeno, afirma, está plenamente vixente. "O único que mudaron -mantén- son as formas".

O primeiro que lles poden dicir ao abordar unhas xornadas coma estas é que falar de colonialismo no século XXI é cousa do pasado. Por que cren que non?
O colonialismo en absoluto é cousa do pasado. Nestas xornadas preténdese abordar dende dúas perspectivas: a das nacións sen estado, como é o caso de Galiza, e outra dende os pobos racializados derivados da historia colonial. Os problemas persisten, senón como se pode explicar que na Galiza non teñamos soberanía política, que non teñamos soberanía nacional nin capacidade de decidir como queremos organizarnos ou desenvolver a nosa economía? E por outra banda está todo o que ten que ver coa apropiación da terra e dos recursos naturais. É unha realidade.

"O colonialismo persiste, senón, como se pode explicar que Galiza non teña soberanía política?"

Por que consideraron pertinente incorporar voces catalás a estas xornadas neste momento do proceso soberanista?
Porque estamos a falar tamén da historia dos pobos sen Estado e todas as achegas enriquecen.

Isto chega xusto cando o Goberno de España recorre a existencia dunha Consellería de Exteriores na Generalitat, algo que semellaría pouco menos que impensable hai unha década... E todo, mentres se negocia o próximo Goberno de España.
Nestes últimos anos o Goberno do PP sacoulles contido mesmo aos gobernos autonómicos. Como se entende, senón, a vontade do PP por quitar competencias ou o ataque que fai o goberno da Xunta contra o galego cando o PP o retoma en 2009? Hai un intento de recentralizar, de quitar competencias. E é moi importante dar eses debates, seguir dando a batalla polo noso dereito a decidir. Cando formulamos por primeira estas xornadas vez non tiñamos nin idea de que neste momento se ía estar negociando a formación de goberno, pero teñen vixencia porque van moito máis alá.

A respecto de Catalunya e doutros procesos é frecuente o argumento de que o soberanismo ou o independentismo é contrario ao signo dos tempos, que fala de integración entre pobos. Por que non o ven así?

"Reivindicar a autodeterminación non está en contradición co internacionalismo"

Todo pobo ten dereito a ter a súa propia soberanía e, a partir de aí, a decidir como quere relacionarse cos demais. Cando reivindicamos a nosa capacidade de autodeterminación ou mesmo a independencia isto non está en contradición co internacionalismo nin con que, como pobo, decidamos como nos queremos relacionar. Pero no noso contexto son outros, os estados dominantes e opresores, os que deciden por nós. Nós nunca tivemos capacidade de negociar, por exemplo, no marco da UE, que política agraria ou pesqueira queremos. Máis ben, todo o contrario. O PP, por exemplo, impón un plan acuícola que está levando por diante a pesca artesanal. Se falamos do lácteo, máis do mesmo. A cuestión é termos, como pobo, capacidade de decidir.

Non foi o caso das eleccións europeas de 2014, nas que vostede saíu elixida, pero en posteriores comicios dende outras organizacións do doberanismo en Galicia repróchanlles que manteñan estas posicións mentres teñen un bo entendemento con Podemos e tecen alianzas con este partido. Son compatibles ambas cousas?

"Temos relacións con forzas do ámbito do Estado, como tamén as temos con outros partidos no ámbito europeo"

Podemos ter relacións con forzas no ámbito do Estado ou con outros partidos no ámbito europeo, como estamos tendo coa nosa participación a nivel do Parlamento Europeo dentro da Esquerda Unitaria Europea. Pódense ter acordos con outras forzas no marco do Estado sen renunciar a defender o dereito a decidir do país ou a defender, en definitiva, as políticas que van no camiño de recuperar os dereitos para o noso pobo e as políticas que benefician as nosas clases populares.

Nestes días van falar de mentalidade colonizadora. Coida que está presente na acollida ou, mellor dito, na non acollida das persoas refuxiadas en Europa?
O que está pasando coas persoas refuxiadas é un auténtico escándalo por parte dos gobernos, unha vergoña para Europa. Estamos falando dunha realidade que vén polo roubo e o saqueo das potencias occidentais en África e polas guerras que esas mesmas potencias manteñen alí para seguir roubando. É iso o que provoca a saída masiva das persoas que escapan dos conflitos e, ademais, da pobreza. É totalmente escandaloso que quen fai políticas de roubo e saqueo, neste caso do continente africano, ao mesmo tempo pechen as portas e dificulten o acceso ás persoas que veñen de fóra, mesmo intervindo, algúns países, as poucas pertenzas que traen.

"O que provoca a saída masiva das persoas refuxiadas son as políticas de saqueo das mesmas potencias que lles pechan as portas"

E na integración do pobo xitano, malia levar séculos a convivir con nós?
Si. Esa mentalidade exprésase tamén moitas veces no desprezo á cultura, nos estereotipos que nos formamos sobre el.

Leva case dous anos na Eurocámara. Que balance fai da percepción que se ten de Galicia nas institucións europeas?        
Un dos problemas que temos a nivel da Eurocámara é exactamente o mesmo: o non recoñecemento das nacións sen estado. Dende esa perspectiva é difícil para nós dar a batalla para facernos ver como pobo diferente. Non obstante, aquí coñécense os problemas de Galiza porque estamos a traballar cos temas que nos afectan directamente, como pode ser o tema da agricultura e da pesca; non é casual que eu estea en ambas comisións. Igual que con outras moitas cuestións que se debaten aquí, non é doado. Esixe moito diálgoo, moito debate e moito traballo no día a día para que as persoas que forman parte doutras realidades entendan que vimos dunha realidade diferente. A iso contribuiremos na medida do posible, igual que xa fixemos en organizacións europeas dende organizacións como a Coordinadora Labrega Europea ou Vía Campesina.

Nestes días negócianse en Bruxelas as novas condicións para que o Reino Unido fique na UE. Imos cara a unha Unión á carta para algúns dos seus socios?
Levamos bastante tempo coa Comisión Europea e o Consello a facer condicións diferentes segundo con quen traten. O escándalo que foron todas as medidas de austeridade impostas aos Estados do sur son un exemplo de que se fan cousas que van máis alá dos tratados, qeu xa son duros e neoliberais. A Comisión segue a facelo, tanto interna como externamente: Na política exterior podemos ver como en diferentes Estados se defende unha cousa e a contraria para defender os intereses das multinacionais. Non me estraña nada que fagan medidas á carta para manter, se interesa, o Reino Unido e as súas clases dominantes no marco da UE.

Lidia Senra CC-BY-SA AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.