É unha das "lendas negras" que pesa sobre a formación e o seu líder, Juan López de Uralde, apostou por subliñar a súa "falsidade". No marco da súa participación en Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Equo presentouse este luns en Galicia a través de Uralde que, acompañando a algúns dos seus representantes nas candidaturas electorais da coalición encabezada por Xosé Manuel Beiras, se esforzou en amosar a súa absoluta "comodidade" ao compartiren listas electorais cunha formación nacionalista como Anova. Non só "é falso que nos opoñamos á autodeterminación", senón que "Equo é favorable" a ese dereito, explica quen dirixira Greenpeace España, a preguntas da prensa.
En opinión de Uralde esa "lenda negra falsa" xurdiu sobre os "textos concretos" do congreso do partido, no que "se entendeu que as prioridades" do mesmo son principios como a "democracia" ou a "equidade" no acceso aos servizos públicos, ademasi da propia ecoloxía. "Quíxose mesturar unha cousa coa outra" cando nese mesmo cónclave, subliña, se apoiou, por exemplo, a autodeterminación do Sáhara occidental. Do mesmo xeito, acrecenta, "dende as orixes" -Equo fundouse en xuño de 2011- a formación mantén relacións con forzas nacionalistas. "O noso primeiro pacto foi con Compromís", na Comunitat Valenciana, para concorrer ás eleccións xerais, lembra. Ao seu xuízo, esa coalición valenciana pode ser considerada como "similar a AGE". "Recoñecendo a diversidade e a plurinacionalidade sentímonos cómodos" porque "non cremos que a uniformidade" sexa a solución aos problemas sociais e económicos, explica.
"Só temos unha liña vermella: que o PP non volva gobernar", afirman dende Equo
Neste contexto xorden tamén preguntas como a postura que, dentro de AGE, formularía Equo en caso de que a coalición tivese que decidir se apoiar ou non un goberno alternativo ao do PP. "Só temos unha liña vermella, que é que o PP non volva gobernar", di Serafín Valencia, integrande da candidatura de Alternativa por Pontevedra. Alén disto, "serán as bases" do partido as que, di, definirán as condicións concretas dun eventual apoio. "Nós imos preguntar" á militancia, pero o punto de inicio é a vontade de "desaloxar o PP do Goberno, por iso se creou AGE, unha fórmula nova para sumar" en contra da política "neoliberal" de Feijóo quen, di, conduce a Galicia a un camiño que pode ser semellante ao "dos gregos", con accións como o "falseamento dos datos do déficit". "Non queremos que iso siga", di.
Na aposta por "desaloxar o PP" de San Caetano incide tamén o propio López de Uralde, satisfeito por que a militancia do partido decidise "de forma abrumadora" por integrarse en AGE, coalición dentro da que "estamos empurrando para obter o mellor resultado posible". A súa intención nesta alianza, di, é "fundamentalmente frear os recortes antisociais e antiecolóxicos do PP". Ademais deste "obxectivo", agarda tameń que Equo saia do 21-O "consolidada como forza relevante en Galicia".