O PSOE denuncia a “cacicada” da alcaldesa do PP, Teresa Villaverde, á que acusa de “comprar vontades porque ve que a alcaldía está en risco”
A alcaldesa de Lousame, a popular Teresa Villaverde, vén de convocar este mércores un Pleno extraordinario para este mesmo venres, a menos de 48 horas da apertura das urnas das eleccións locais, coa aprobación do convenio colectivo do persoal laboral do Concello como único punto na orde do día. O PSOE considera a convocatoria unha “cacicada” coa que “o PP só pretende comprar vontades porque ve que a alcaldía está en risco”.
A convocatoria do Pleno foi formulada de xeito oficial este mércores ao mediodía, e será celebrado 48 horas máis tarde, este venres, ás 14.00 horas, a día e medio de que comecen as eleccións municipais. Segundo denuncia o candidato local do PSOE, Julio Paradela, “tras máis de oito anos nos que os traballadores do Concello veñen demandando insistentemente un convenio colectivo e tras varias denuncias interpostas polas numerosas situacións irregulares que afectan ao persoal municipal, a alcaldesa convócanos mañá a un pleno urxente para aprobar ás présas e correndo o convenio no último día da campaña electoral”.
Os socialistas salientan que “dos máis de 25 traballadores do Concello só dous son funcionarios e hai traballadores que levan encadeando contratos temporais 19 anos"
O socialista salienta que “dos máis de 25 traballadores do Concello só dous son funcionarios, o persoal non ten convenio colectivo nin RPT [Relación de Postos de Traballo] que regule as súas funcións e conta no seu cadro de persoal con traballadores que levan encadeando contratos temporais durante 19 anos de forma consecutiva, un cúmulo de situacións irregulares que orixinaron a presentación de distintas denuncias e que agora a alcaldesa teme que lle poda representar un problema serio nas eleccións do domingo”.