Louzán defende os seus campos de fútbol: "Os rapaces están aí e non noutras circunstancias"

Louzán, na súa comparecencia parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Nun só mandato, a Deputación de Pontevedra gastou uns 36 millóns de euros en arredor de 70 campos de fútbol de herba artificial. Na actualidade, sete concellos están sendo dotados deste equipamento, que responde á filosofía de "dispoñer de cando menos un campo na práctica totalidade dos concellos, se ben nalgúns municipios haberá máis dun pola súa maior poboación". En Ribadumia, de 5.000 habitantes, dispoñen de catro destas instalacións. Estas decisións son criticadas polos partidos diferentes ao PP en múltiples concellos da provincia e este mércores volvérono ser no Parlamento, onde o presidente do ente provincial, Rafael Louzán, acudiu a presentar os seu orzamentos. Lonxe de amosar posibilidades de emendarse, o conservador defendeu con intensidade os seus campos de fútbol.

"Evidentemente, ese tapizado xeral da provincia" con "campos de herba artificial e parques" está a "ocultar, cando menos, redes clientelares", considerou o socialista Abel Losada quen, como Juan Fajardo, de AGE, e Daniel Rodas, do BNG, cuestionou a falta de transparencia e o xeito de proceder do pontevedrés ao dedicar cartos a fins coma este mentres hai "10.600 fogares sen ingresos na provincia". "Hai prioridades", resume Losada.

"Ese tapizado xeral da provincia oculta, cando menos, redes clientelares"

Louzán admite que non é a primeira vez que escoita críticas coma esta. "Esta música me soa", resume, se ben asegura que os alcaldes socialistas "están de acordo en que poñamos en marcha esta política", agás "nalgúns concellos". Na retórica do conservador "investir na sociedade chámase investir nas infraestruturas" e, fronte ao parlamentario do PSdeG, que subliñou ironicamente a súa incapacidade para entender estas decisións, se cadra por non ter descendencia, Louzán sentenza que os campos de herba artificial son necesarios porque "mentres os rapaces están aí, ocupados, non están noutras circunstancias que nos preocupan aos que temos fillos".

Vuelta a España e cheques en man

Campos á marxe, o tamén líder provincial do partido da dereita declárase "contento" coas súas decisións, xa sexa logrando que "o campo de Pasarón o inaugurase a selección española" ou coa saída da Vuelta Ciclista a España das Rías Baixas previa subvención. AGE suxire que o titular da Deputación mesmo forzou que a carreira pasase por diante da súa casa, pero "equivócase", porque "non teño necesidade diso". Segundo o PP a achega da Deputación Provincial foi de pouco máis de 1 millón de euros. O Concello de Sevilla, xustifica, gastou "nunha soa noite 1 millón de euros" para unha tirada da propia Vuelta no ano 2010. 

Louzán asegura que non lle "gusta" repartir cheques, pero que o "aprendeu" dun conselleiro do tripartito

Sobre as críticas xerais ao seu xeito de facer política, Louzán móvese entre o desdén pola "pobreza" de argumentos dos rivais e a petición de que os debates se poidan realizar "sen límite de tempo". Así, por exemplo, di non entender as críticas polos "chiringuitos" dependentes da Deputación, que agora foron eliminados: "sorber e soprar ao mesmo tempo non se pode", ilustra. Tampouco ve especialmente relevante a censura da oposición aos repartos de achegas do ente mediante cheques. "A min non me gusta" facelo, asegura, sobre unha "praxe" que "aprendemos dun conselleiro socialista, Francisco Sineiro", responsable de agricultura en tempos do tripartito (1987-1989). E, se non lle gusta, por que non deixa de facelo? "Estamos niso", di.

Louzán, na súa comparecencia parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública
Inauguración dun campo de herba artificial en Cuntis © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.