Lugo intervén a recollida do lixo e o persoal ve a porta aberta a prescindir de Urbaser

Concentración do persoal ante a Casa do Concello de Lugo CC-BY-NC-SA CIG

Xiro de guión na folga de recollida do lixo en Lugo. No trixésimo segundo día de protestas e poucas horas despois de que rachasen as negociacións entre a empresa e o persoal o Concello lucense deu en tomar a primeira decisión política de relevancia dende o inicio do conflito. Tras semanas de "silencio consciente" o alcalde da cidade, Xosé López Orozco, anunciou a determinación de "intervir o servizo de limpeza e recollida do lixo", recuperando en certo xeito o control da situación que viña dependendo, en última instancia, de Urbaser e abrindo a porta, a xuízo do persoal, a prescindir da compañía do grupo ACS.

O bloqueo das conversas chegou durante a noite do xoves, cando a empresa, explican os sindicatos, se "negou" a "aceptar dúas cuestións fundamentais: a readmisión do persoal despedido" durante a folga "e a retirada das sancións, que tentou separar do resto do conflito". Este veto provocou unha ruptura tras seis horas de conversas sobre a base da proposta do mediador do Consello Galego de Relacións Laborais que, explican dende a CIG, era avaliado de xeito "positivo" polo persoal e que incluía, entre outros aspectos a consolidación dunha paga anual de 600 euros "para 2017" e non inmediatamente.

As negociacións racharon na noite do xoves e a empresa acusa os sindicatos de facer "chantaxe"

Pero a empresa non aceptou aludindo "problemas económicos", ademais de poñer o acento nas perdas económicas que lle está a supoñer a folga e considerar que as "posturas sindicais se achegan moito á chantaxe". Para Lois Neto, da Executiva da CIG en Lugo, esta "actitude de rebeldía da empresa" demostra que "atende exclusivamente aos seus intereses", ata o punto de que "nin sequera pon á disposición do persoal os medios que teñen para a recollida do lixo nos puntos de risco sanitario" marcados pola Consellería de Sanidade. "Os camións de carga lateral -exemplifica- foron trasladados mesmo fóra da provincia".

O plan do Concello

Mentres sindicatos e persoal destacan a "total unión" dos "traballadores e traballadoras, xunto co comité de folga e os representantes sindicais de CIG, UGT e USO" o Concello coida que a ruptura das negociacións do xoves abre "un novo escenario" que o leva a intervir impusaldo, di Orozco, pola "obriga" de "defensa do interese público dentro do marco legal". Neste escenario sitúa "a intervención, que non caducidade, acoutada no tempo, do servizo de limpeza e recollida de lixo", unha decisión que xa lle foi notificada a Urbaser e que faculta o goberno local para "contratar unha nova empresa [con toda probabilidade, a pública Tragsa] transcorridas corenta e oito horas sen que a concesionaria preste o servizo". "Estou en condicións de garantirlles aos lucenses que a partir da semana que vén mellorará de forma importante a situación da cidade", afirma.

O persoal cre que o "xesto" do Concello debería servir como "convite" para que Urbaser "marche de Lugo"

Aínda que con cautelas, a intervención municipal é vista con bos ollos por parte do persoal. Para o secretario do comité de empresa, Julio Pacios, o "xesto" anunciado por Orozco debería servir como "convite" para que a empresa "marche de Lugo, porque está claro que ten outros intereses". Se o Concello fai isto, afirma, é "porque o conflito está bloqueado" por culpa de Urbaser e agora, "como mínimo, achégase aos traballadores e á cidadanía". Dende a CIG o seu secretario comarcal, Antonio Niño, explica que resta saber, por exemplo, "se Tragsa podería facer uso dos medios materiais e humanos de Urbaser" e que o persoal, pola súa banda, espera tamén que a decisión do Concello permita retomar as negociacións. Así e todo, advirte, "a empresa comezou a sacar da nave e das oficinas mobiliario e documentación, o que dá a impresión de que estarían dando por perdida a concesión".

Orozco anuncia a intervención da recollida de lixo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.