Unha nova estrutura "de adscrición individual" cos "alicerces na defensa do Estado do Benestar e dos sinais de identidade que nos definen como nación". Son as liñas básicas que o Consello Político Nacional de Máis Galiza definiu este sábado para lanzar en palabras do seu secretario xeral, "un chamado ao Encontro Irmandiño e ao colectivo denominado Acción Galega, capitaneado por Teresa Táboas". O obxectivo dese contacto é ofertar a celebración dunha "primeira reunión" na que se deseñen "obxectivos, procedementos e calendario" para configurar unha nova "proposta político-electoral" en Galicia.
Unha vez concluída a reestruturación interna de +G, derivada da súa marcha do BNG e constitución en partido político, a formación encabezada por Bascuas aposta por que o diálogo comece "á volta da Semana Santa" cos dous colectivos que, na súa opinión, deberan desempeñar "un papel central" na conformación dunha nova alianza política. Sen prexuízo de que, paralelamente, continúen os encontros abertos que se están a celebrar en diversas comarcas do país, así como "encontros bilaterais" con outras forzas políticas e correntes, +G coida que cómpre iniciar a constitución dunha organización sobre a que asegura non ter "preconceptos" ni posturas pechadas en canto á súa forma, se ben coidan que o camiño a tomar non debe ser o do frontismo "nin o do frontismo sen fronte". Neste sentido, esa alusión á "adscrición individual" lanzada por Bascuas concorda co proposto hai escasas semanas polo portavoz nacional do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras.
O principio da "adscrición individual" foi lanzado tamén hai escasas semanas por Xosé Manuel Beiras
Con independencia desta rolda de contactos, Bascuas sinala que +G mantivo xa xuntanzas tamén co Espazo Ecogaleguista e co Partido Galeguista Demócrata. Trátase, di, de "non excluír a ninguén" nas conversas previas. A conformación final dunha nova organización, explica, debe vir dada pola asunción por parte de todos os que a conformen dun mesmo "fío argumental" e do principio de que é "o momento do compromiso e da xenerosidade".
De xeito paralelo a este proceso de diálogo o Consello Político Nacional de Máis Galiza tivo sobre a mesa a estruturación territorial do partido, coa elección das diversas responsabilidades nas comarcas. Nas vindeiras semanas comezarán tamén a nomear "comisións de traballo" que traten temáticas concretas, tanto de liña política de fondo como máis conxunturais, caso por exemplo das posibles fusións de concellos.