Mandián argumenta que "La Coruña era oficial en 2008" para acusar a Callón

Concentración en apoio a Callón, ante os xulgados CC-BY-SA A Mesa

"Moito peor do que agardabamos". O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, sentou este venres por segunda vez no banco dos acusados da Audiencia Provincial da Coruña. Fíxoo na repetición dun xuízo no que xa foi absolto e a instancias do ex decano dos xuíces coruñeses, Antonio Fraga Mandián, que considera que Callón o inxuriou por reprocharlle no ano 2008 que, publicamente, subliñase a súa aposta por utilizar a "ilegalidade La Coruña", no canto da toponimia oficial da cidade. 

O recurso presentado por Callón non prosperou e, na segunda edición do proceso, o representante legal de Fraga Mandián apoiouse nun argumento que o presidente da asociación en defensa da lingua considera, en conversa con Praza Pública, avanzar no "nivel de delirio" de todo o procedemento. O avogado do antigo xuíz decano "chegou a facerme a pregunta '¿sabía usted que en 2008 La Coruña era oficial?", obviando así que a forma deturpada do topónimo está fóra da oficialidade dende 1983, no caso da cidade, e dende 1998, no caso da provincia. "Xa non estamos a falar dun xuíz que non cumpre a lei ou non garante dereitos", senón que ademais "fai ostentación de descoñecer a lei" e "atácaa a través de mentiras", lamenta Callón.

O representante do xuíz obvia que a forma deturpada está fóra da oficialidade dende 1983, no caso da cidade, e dende 1998, no caso da provincia

Mentres agarda se a audiencia mantén a sentenza que o absolveu ou "emite unha nova", "dende A Mesa, vistas as barbaridades destes días, damos por feito" que o ditame "vai ser condenatorio" porque o tribunal "non é imparcial", toda vez que aceptou a "inaudita" repetición do proceso. "Están tratando o caso como se fose extraordinario, de perigosidade social" pero, di Callón, cómpre lembrar que "o motivo" orixinal da denuncia de Fraga Mandiań é "que lle lembramos que ten que cumprir a Lei de Normalización Lingüística, non hai nada máis".

Neste contexto, e dada a argumentación da acusación, Carlos Callón lamenta que o avogado de Fraga Mandián non comezase por consultar a sentenza que o absolveu en xaneiro, na que "se lembra, en toda unha páxina, toda a xurisprudencia que indica que a única forma oficial" do nome da Coruña "é a galega". "O que pasa é que hai varias varas de medir na Xustiza", lamenta, ao tempo que advirte de que, no caso dunha condea, "teremos que recorrer ao Tribunal Constitucional". En calquera caso, callón agarda que  as persoas que teñen amor polo galego" non "recuen" por este caso, "senón que lles sirva de aliciente para continuar" nesta posición, a comezar pola manifestación do vindeiro Día das Letras, di.

Callón, ás portas dos xulgados CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.