Mareas en Común toma a iniciativa para unir de vez as "forzas do cambio" na confluencia

Xuntanza das Mareas en Común, en Sada Dominio Público @mareatlantica

As Mareas en Común volven apelar ás formacións políticas a empregaren o seu espazo de confluencia para conformar unha candidatura unitaria de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Para a primeira xornada da denominada Marea Viva, que se celebrará o vindeiro sábado 7 en Ames, as plataformas municipalistas pretenden "dar o primeiro paso" para "reunir as forzas do cambio nunha opción política capaz de gañar e poñer as institucións galegas ao servizo do ben común". E veñen de convidar directamente quince organizacións políticas para que se sumen ao proceso. 

Mareas en Común volven apelar ás forzas políticas a que sexa o seu espazo o que sirva de base para a confluencia

O convite foi dirixido a Anova, Abrente, EU, Podemos-Galicia, Cerna, Espazo, EQUO-Galicia, Decide en Común, Anticapitalistas Galiza, Foro Galego, Foro OBenComún, Cerna, FPG, Encontro Cidadán por unha Marea Galega, Partido X,  Pacma e a coalición En Marea. O obxectivo: que todas elas se xunten no espazo impulsado polas mareas municipalistas para crear unha gran confluencia "en pé de igualdade e de maneira transparente" e de abaixo a arriba. En definitiva, e como recoñecen desde o proceso municipalista, evitar os erros e eivas na participación e conformación da coalición que concorreu ás eleccións xerais e que acabou por desilusionar a moitos dos movementos, organizacións e persoas implicadas na confluencia. 

A cuestión é que mentres as candidaturas municipalistas e boa parte das organizacións agora convidadas apostan claramente por esta fórmula, parte de Podemos e Anova manteñen reticencias. Os deputados da formación morada por En Marea apoian con claridade a vía das Mareas en Común, mentres que a nova secretaria xeral, Carmen Santos, insiste -e así expresa a posición oficial do partido- en "non partir de cero" senón "democratizar" o espazo da coalición, ao igual que sectores dentro de Anova. 

O proceso municipalista vén de convidar a Anova, Podemos, EU ou Foro Galego a participar no inicio da Marea Viva deste sábado

Mareas en Común confía en que as pequenas reticencias queden resoltas axiña. Na dirección estatal de Podemos vese con bos ollos o proceso municipalista como base para a confluencia e parece que o seu apoio podería resultar clave, ao igual que o de figuras destacadas de Anova. En EU, a aposta é decidida pola confluencia a partir das mareas locais. 

Desde o proceso municipalista, ao igual que desde algunhas candidaturas locais, a reflexión é que non hai fórmula mellor agora mesmo que a das Mareas en Común para democratizar e mellorar a confluencia, facela máis participada e ampla. Lembran, tamén, que a súa achega é a dun "espazo" onde confluír e "non ser axente ningún". No comunicado público apostan por unha Marea Viva que sirva para o "intercambio de  ideas en pé de igualdade", no que todos os actores sexan "quen de deseñar unha candidatura lexitimada pola honestidade, a transparencia e o traballo colectivo", algunhas das características que moitos botaron en falta en En Marea. 

Unha parte de Podemos-Galicia e de Anova segue a amosar algunha reticencia ao espazo que ofrece Mareas en Común

"Temos que demostrar que somos quen de poñernos de acordo e facer valer o que nos une, tal e como reclama a sociedade galega", asegura, por exemplo, a Marea Atlántica, que vén de chamar publicamente ás bases de Anova, Podemos, EU, Equo, CxG e Espazo na cidade a "sumarse ao proceso". O propio alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, asegurou que "o temo de Feijóo xa rematou" e que "estamos diante dun desafío histórico no que todas as mans son imprescindibles".

Ourense en Común mesmo enviou unha carta a En Marea na que a instou a traballar pola confluencia no espazo das Mareas en Común. "O único xeito de que diferentes colectivos se poñan de acordo e poidan superar as súas mínimas diferenzas é a través do diálogo", di a candidatura ourensá. Pola súa banda, en Compostela Aberta había previsto para este mércores a creación dun grupo de traballo para trazar o camiño a seguir de cara á confluencia. 

Mesmo desde fóra, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, mostrou o seu apoio ao proceso. "Hai futuro para o cambio en Galicia! As Mareas en Común poñen rumbo cara á confluencia", dixo na súa conta de Twitter. En canto á listaxe de apoio aos Principios Básicos, máis de 25 mareas locais sumáronse xa ao proceso, incluídas as da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ames, A Pobra ou Noia. Tamén se superaron as 800 sinaturas de persoas a título particular. 

Primarias, código ético e modelo organizativo

Na Marea Baixa deste sábado, primeira parte desa Marea Viva, acordarase a fórmula para "deseñar, en común e entre todas, un proceso de primarias, un código ético para as persoas que ocupen cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno que rexerán o traballo alén da campaña electoral". Será un primeiro paso nun traballo máis de vagar e sen as premuras que o proceso prevía no caso de que Feijóo decidise adiantar as eleccións. 

Agora, e co outono no horizonte, as Mareas en Común están convencidas de artellar un proceso verdadeiramente unitario, transparente e con ampla base social. En definitiva, "chegar ás urnas cunha opción sólida que represente as políticas para a xente común". "Chegaremos á cita electoral cunhas primarias, un código ético esixente, un programa realista e comprometido co cambio, e unha forma de goberno clara. En resumo, cunha alternativa real ao goberno antisocial do PP", advirten. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.