Mariano Rajoy: "Decidimos entre un mal e un mal peor"

Rajoy diríxese á sesión de control © Goberno de España

“O Goberno non decide entre un ben e un mal, senón entre un mal e un mal peor”. Así de resignado  e así de duro. Mariano Rajoy insiste en que o Goberno non ten elección e asume que vén de aplicar a vía "máis dura e difícil e tamén a máis responsable" para saír da crise, malia que recoñeza tamén que esta non vai ter efectos a curto prazo en canto ao crecemento e a creación de emprego.

Así se manifestou o presidente do Goberno na última sesión de control no Congreso antes de setembro, na que volveu culpar a herdanza recibida do Executivo socialista da situación actual da economía española e incluso dos duros recortes anunciados a pasada semana. “Hai institucións públicas que xa non poden financiarse fóra”, respondeu ao portavoz do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, para xustificar a suba do IVE e os múltiples axustes ás clases baixas e medias. “Estou tomando medidas que a vostede e tamén a min non me gustaría tomar”, chegou a dicir Rajoy.

"Estou tomando medidas que non me gustaría tomar", asegura Rajoy

“Se non queren que recorte o gasto, nin que aumente os ingresos, pódenme dicir como queren que reduza o déficit?”, preguntou Rajoy, con certo derrotismo, aos deputados que criticaban que os recortes se cebasen con toda a sociedade e en todos os ámbitos. Así, mentres Rubalcaba criticaba as últimas medidas por “inxustas” e censuraba que o Executivo agochase nas súas comparecencias públicas algúns axustes, Cayo Lara, voceiro de IU, advertía de máis paro e ofrecíalle alternativas como “un plan de loita contra a fraude ou unha reforma fiscal progresiva”.

O Goberno estará só á hora de convalidar este xoves o decreto dos novos recortes

O voceiro de CiU, Josep Antoni Duran i Lleida, tamén agoira “menos consumo, máis paro e máis recesión” e adianta xa o seu voto negativo ao paquete de recortes, o que confirma que o Goberno estará completamente só este xoves á hora de convalidar o decreto dos brutais axustes.

De Guindos advirte que os cambios lexislativos sobre as preferentes non terán efectos retroactivos e asegura que a UE impón quitas aos afectados de bancos con axuda pública

Por outra banda, o ministro de Economía, Luis de Guindos, sinalou que "a Comisión Europea non permitiu o troco das preferentes" e lembrou que "hai límites para a solución cando hay axuda pública". En definitiva, o Goberno advírtelle aos afectados que ten pouco que facer e que "Europa impón quitas aos tenedores das prefrentes en todos os casos en que un banco recibe axuda pública, e non só cando se fai con fondos europeos", dixo.

Ademais, De Guindos destacou que a colocación de preferentes é anterior ao actual Executivo e recoñeceu que "as modificacións da lexislación deste Goberno non terán efectos retroactivos".

Na mesma sesión de control, o deputado do PSOE Antonio Hernando ameazou a ministra de Emprego, Fátima Báñez, con levala aos tribunais logo de acusala de filtrar o ERE do seu partido. O parlamentario socialista advertiulle que xa respondería "nos tribunais", logo de que a titular do Goberno animase a oposición a non despedir a ninguén e non dar mal exemplo. Ademais, a ministra chegou a citar a Felipe González ante os ataques da oposición polos recortes sociais aplicados desde a Moncloa.

Máis tarde, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, xustificou os recortes aos funcionarios, entre os que se incluíu, porque fan falta cartos para pagar as nóminas. "Non hai diñeiro e cando non hai diñeiro hai que estender a xornada laboral", dixo o titular do Goberno, que cre que o soldo dos funcionarios depende dos impostos e que se non sobe a recadación haberá risco de impagos. "Non estamos renunciando a privilexios de nada", respondeu ás preguntas da oposición.

Nunha liña xa habitual, o ministro Montoro pediu a varios deputados, especialmente a Joan Tardá, de ERC, que "deixe de chamar á rúa", porque España "non está para crispacións sociais".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Rajoy, durante a sesión de control © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.