Marina Castaño nega malversación na Fundación Cela e alega que quixo deixarlla "saneada" á Xunta

Marina Castaño, á súa chegada aos xulgados de Santiago © TVG

A viúva de Camilo José Cela, Marina Castaño, e o ex-conselleiro da Xunta Dositeo Rodríguez sentan estes días no banco dos acusados polo caso da Fundación Cela. Responden ante o tribunal dun presunto delito de malversación de caudais públicos por, segundo indicaba o auto xudicial, simular o despedimento do xerente da entidade e acordar unha indemnización de 150.000 euros brutos malia que a súa intención era precisamente deixar o seu labor

Xunto a eles dous sentan tamén nos xulgados de Santiago a filla do ex-conselleiro en gobernos de Manuel Fraga, Covadonga Rodríguez, actual vicepresidenta do padroado da fundación pública, e Tomás Cavanna, o que fora director da entidade e presunto beneficiado dun despedimento simulado e orquestrados por todos eles xusto cando a Xunta ía asumir o control da institución e prescindir de quen fora sinalado por Camilo José Cela como máximo dirixente. Todos eles, na primeira sesión do xuízo, negaron pacto ningún e botaron balóns fóra, mesmo sinalando o Goberno galego ao ter aceptado aquela indemnización. 

Marina Castaño, o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez e a súa filla son acusados de simular o despedimento do director, tamén xulgado, e pagarlle 150.000 euros malia que a súa marcha era voluntaria

“Marina insistiu obstinadamente que lle quería dar moito máis dos 90.000 euros e pico que lle correspondían como liquidación polo finiquito”, explicou ás portas dos xulgados Lola Ramos, veciña de Iria Flavia que denunciou o caso e que declarará este martes. Segundo ela, a viúva do escritor deixou claro mesmo en correos electrónicos que quixo “contribuír con este exceso de diñeiro con Cavanna” porque á que fora muller do Nobel de Literatura “sempre lle quitou as castañas do lume”. 

As defensas solicitaron nesta primeira xornada do xuízo a nulidade da proba principal, un rexistro da UDEF na institución, e alegaron que os seus clientes non poden ser xulgados por malversación de fondos públicos ao considerar que a Fundación non era pública no momento dos feitos. Marina Castaño, pola súa banda, negou malversación e argumentou a súa "intención" de entregar a entidade á Xunta cun "saneamento importante" ante os problemas económicos. Ademais, sinalou os "contables" e o padroado da Fundación respecto da indemnización fixada a Cavanna e manifestou que ela pediu que se fixera "de acordo á lei" . Mesmo asegurou que ela mesmo tivo que "anticipar cartos" para "pagar nóminas" pero, do resto de detalles, insistiu en que non lembraba. 

Os acusados negan que pactasen o despido: Marina Castaño di que a saída do director tiña a intención de deixar "saneada" a Fundación e Dositeo Rodríguez lembra que a Xunta avalou a operación

Dositeo Rodríguez, pola súa banda, advertiu de que foi a propia Xunta quen aceptou aquel despedimento e a súa indemnización e mesmo que a marcha de Cavanna era unha das condicións para rescatar a entidade e que recibiu os cartos que lle correspondían por 32 días por ano traballado. O seu avogado, en declaracións á Cadena SER, esgrimiu na súa defensa que, de haber algo irregular, o Goberno galego acusaría. 

Ademais, Tomás Cavanna, presuntamente beneficiado, asegurou que a súa saída non foi voluntaria en ningún caso, como se sospeita. 

O fiscal, Álvaro García Ortiz, pide para todos eles catro anos e medio de cadea, ademais de oito de inhabilitación absoluta por uns feitos presuntamente cometidos en 2010, cando a Xunta decidiu facerse cargo da entidade. No auto de xuño de 2017, onde se declara a apertura de xuízo oral, o xulgado insiste en que hai probas dabondo de que os catro participaron na presunta negociación ilegal para que Cavanna deixase voluntariamente o seu cargo pero que a Fundación o indemnizase igualmente coma se fose un despido con 150.000 euros, cantidade que a Fiscalía pide que sexa reintegrada polos catro acusados. 

Sede da Fundación Cela, en Iria Flavia (Padrón) © Ministerio de Educación

A xuíza, tal e como lle ratificara a Audiencia Provincial anteriormente, considerou que se produciu unha malversación de caudais públicos e advirte que desde o ano 2007 máis do 50% dos ingresos da Fundación proviñan de subvencións públicas e que en 2010, cando Tomás Cavanna deixou a Fundación cunha indemnización de 150.000 euros, a entidade xa tiña a consideración oficial de Fundación Pública Galega. Xa que logo, considera que os acusados eran funcionarios públicos a efectos penais ao levaren a cabo funcións nunha fundación do sector público e que os cartos implicados na investigación eran caudais públicos, polo que considera xustificado abrir xuízo xa contra eles, que finalmente non será xulgado por un xurado popular como se indicou nun principio. 

A Consellería de Cultura avalara que a Fundación Cela pagase en 2010 con cartos públicos esta indemnización de 150.000 euros a Tomás Cavanana

A Consellería de Cultura avalara que a Fundación Cela pagase en 2010 con cartos públicos esta indemnización de 150.000 euros a Tomás Cavanana. O monto dese despido “simulado”, como o cualificaba a Audiencia Provincial da Coruña, foi comunicado, segundo o relato do tribunal, por Dositeo Rodríguez,que fora conselleiro de Manuel Fraga durante unha década e patrón da fundación, ao daquela secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández-Campa e ao daquela secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, hoxe conselleiro de Facenda. No mesmo auto a Audiencia da Coruña indica que posteriormente Cultura incrementou a súa achega á fundación para sufragar “ex post” aquela indemnización.

Posteriormente, a Xunta rescatou a Fundación Cela en plena vaga de recortes. Mentres os orzamentos culturais caeron en picado durante os peores anos da crise, tan só unha partida mantiña unha achega económica idéntica durante varios exercicios e malia as retalladas noutros ámbitos. Alén disto, a institución fora nacionalizada polo Executivo galego en abril de 2012 tras anos de degradación e mala xestión económica, agudizada tras a morte do seu fundador en 2002, ano dende que asumiu o control da entidade a viúva do Nobel, Marina Castaño.

Núñez Feijóo e Dositeo Rodríguez © Xunta

Medio ano de investigación da Fiscalía

Uns meses antes, en xaneiro dese 2012, o xulgado de Padrón abrira xa a investigación logo de que a Fiscalía de Santiago presentase seis meses atrás unha denuncia contra Marina Castaño e Cavanna. O fiscal, co apoio da Axencia Tributaria, levaba meses investigando as actividades económicas dentro da fundación da viúla do escritor e do xerente que ela e Camilo José Cela trouxeran da empresa Ford. Logo de medio ano de pescudas, concluíuse que abría probas dabondo para presentar unha demanda por estafa, apropiación indebida, fraude fiscal e malversación de caudais públicos. En outubro dese 2012, a policía fiscal e a Garda Civil rexistraron a sede da institución e levaron abundante documentación contable e correos electrónicos.

Todo partira da denuncia inicial de Lola Ramos, veciña de Iria Flavia (Padrón), coa que intentou sacar á luz todas as presuntas irregularidades que Marina Castaño levaba cometendo desde había anos. Toda a documentación que achegou, moita dela conseguida a través de envíos anónimos de persoas que coñecían o que se cocía na fundación, foi posta en coñecemento de partidos e persoeiros políticos e administracións. Nela advertíase da presunta creación de sociedades interpostas para aproveitar subvencións e obter millonarias devolucións de IVE que correspondían á entidade por ser unha institución sen ánimo de lucro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.