Cultura avalou que a Fundación Cela pagase 150.000 euros ao seu xerente como falso despido

Marina Castaño e o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, asinando un convenio en 2010 Dominio Público Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura avalou que a Fundación Cela pagase en 2010 con cartos públicos unha indemnización de 150.000 euros ao que daquela era o seu xerente, Tomás Cavanna, que quería deixar o posto voluntariamente e, polo tanto, non tería dereito a ningunha compensación. O monto dese despido “simulado”, como o cualifica a Audiencia Provincial da Coruña nun auto feito público este luns, foi comunicado, segundo o relato do tribunal, por Dositeo Rodríguez, ex conselleiro de Fraga e patrón da fundación, ao daquela secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández-Campa, hoxe xerente do Sergas, e ao daquela secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, hoxe conselleiro de Facenda. No mesmo auto a Audiencia da Coruña indica que posteriormente Cultura incrementou a súa achega á fundación para sufragar “ex post” aquela indemnización.

Os datos sobre a participación da Consellería de Cultura na operación que agora está a piques de sentar ante un xurado popular a Marina Castaño, segunda muller de Camilo José Cela, veñen de ser postos de releve pola propia Audiencia da Coruña. O tribunal vén de ratificar a proposta da xuíza instrutora da causa de xulgar con xurado popular por malversación de caudais públicos a Castaño, Cavanna, Dositeo Rodríguez e Covadonga Rodríguez, filla deste último e directora da fundación. Na causa non hai imputado ningún outro cargo autonómico, pero no seu auto a Audiencia relata unha secuencia dos feitos que fai a Álvarez-Campana e a Martínez coñecedores polo menos dunha parte deles e presenta o aval da Consellería de Cultura como fundamental na operación.

Para Marina Castaño o xerente era merecedor de "unha ilimitada xenerosidade" cuantificada en 150.000 euros. "Alucino!", dille a súa filla a Dositeo Rodríguez

A Audiencia comeza dicindo que “presuntivamente” a saída de Cavanna da fundación “non se tratou dun despido, senón dun cese máis ou menos voluntario” e que “houbo unha negociación entre as partes para determinar o monto indemnizatorio” cun intercambio de correos electrónicos “sumamente elocuente”. Segundo a Audiencia, “consta a exhortación da presidenta da fundación, Marina Concepción Castaño López, a Covadonga Rodríguez Del Corral con data 5 de maio de 2010, a que todo o referente ao despido de Tomás Cavanna se faga como el e ela 'dispoñan', pois os servizos prestados á fundación durante tantos anos fano merecedor de 'unha ilimitada xenerosidade'”. Ese mesmo día Covadonga Rodríguez escribe ao seu pai Dositeo comunicándolle que Cavanna pedía 150.000 euros seguido da exclamación “alucino!”

Dositeo Rodríguez "falara co secretario xeral do Presidente e a este parecíalle excesiva, pero o secretario xeral de Cultura estaba de acordo", relata a Audiencia

A Audiencia relata como, tamén ese mesmo día, Dositeo Rodríguez escribe a Cavanna “expresándolle que el defendía persoalmente a indemnización de 150.000 euros. Que falara co secretario xeral do Presidente e que a este lle parecía excesiva, pero que o secretario xeral da Consellería de Cultura (o máis importante, segundo cualifica), estaba de acordo”. Daquela ambos secretarios xerais eran Valeriano Martínez e Antonio Fernández-Campa, respectivamente, con Roberto Varela como conselleiro de Cultura. A Audiencia engade que Dositeo Rodríguez “en varias pasaxes recoñece que a fundación carece de fondos e que como o diñeiro será pagado con fondos públicos, a Consellería de Cultura debía estar de acordo”.

"Simulouse o despido"

A Audiencia continúa relatando como “simulouse o despido de Tomás Cavanna” cunha suposta negociación entre as partes na que a fundación comezou ofrecendo na súa carta de despido 96.000 euros, “disimulando que a manobra real, recomendada por Dositeo Rodríguez, era chegar a un acordo sobre a cantidade predeterminada, por vía de conciliación”. “Non hai razón legal para ofrecer a Tomás Cavanna unha indemnización de 96.000 euros, por despido por causas obxectivas, para logo conciliar por 150.000 euros”, di o tribunal. Cartos que, ademais, “declaráronse fiscalmente como dietas, para evitar a retención e beneficiar notablemente a Tomás Cavanna, aínda que se contabilizaron como indemnización”. O tribunal mesmo calcula que, aínda que o despido fose real, dado que o soldo bruto de Cavanna en 2009 era de preto de 100.000 euros, o “prexuízo para a causa pública” dunha indemnización de 150.000 euros rondaría os 50.000 euros. 

"É unha manobra ex post facto para dotar de certo revestimento xurídico e de fondos públicos para sufragalo" a un despido simulado "cando se trataba dunha marcha do empregado, consensuada e á carta"

A descrición destes feitos que realiza a Audiencia remata citando a sinatura o 27 de xullo de 2015 dunha adenda entre a fundación e a Xunta “con posterioridade polo tanto á conciliación, para financiar os gastos de persoal en 2010”. Se o convenio asinado entre Cultura e a fundación “establecía unha subvención para gastos de persoal para 2010 de 154.360 euros (insuficiente para pagar esa indemnización a Tomás Cavanna), a adenda asinada posteriormente incrementou esa cantidade ata 355.000 euros. “Non é que conceda un carácter finalista ao gasto xa coprometido, é que, presuntivamente, é unha manobra ex post facto, para dotar de certo revestimento xurídico e de fondos públicos para sufragalo, a algo que parece non se debeu facer, cal é simular un despido por causas obxectivas cando se trataba dunha marcha do empregado, consensuada e á carta”. Como a fundación, os cartos e os cargos implicados son todos públicos, a Audiencia conclúe no seu auto que os presuntos delitos deben ser xulgados con xurado popular, en contra das pretensións dos imputados de que a causa a resolvese un xuíz profesional.

Auto da Audiencia da Coruña que relata a comunicación entre Dositeo Rodríguez e os secretarios de Cultura e do Presidente Dominio Público Audiencia Provincial da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.