Marisol Piñeiro abandona o Parlamento tralo seu procesamento polo TSXG

A deputada do PP, Marisol Piñeiro, no Parlamento Dominio Público @grupopopulargal

A Sala do Penal do TSXG confirmou este mércores o auto de procesamento contra Soledad Piñeiro, deputada do PP no Parlamento galego, desestimando os recursos de apelación presentados por ela e por José Domingo Oreiro, ex alcalde de Carnota. Piñeiro e Oreiro están acusados dun presunto delito de prevaricación pola contratación irregular dunha traballadora no propio Concello de Carnota, cando eran tenente de alcalde e alcalde, respectivamente, en 2007. Poucas horas despois Piñeiro comunicou a súa renuncia á súa acta de deputada na cámara galega. 

Para o TSXG, “o contrato inicial, as súas prórrogas e as modificacións no seu contido, tiveron lugar sen seguir o procedemento administrativo correspondente"

Todo partiu dunha denuncia realizada polo actual alcalde carnotán, Ramón Noceda (BNG), pola contratación dunha muller como administrativa de apoio á alcaldía, unha contratación realizada, segundo o Fiscal, saltando "os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxetividade". O propio Secretario municipal negou que ao Concello chegaran currículos doutros candidatos, como defendían os acusados. E, segundo o BNG, a alcaldía asinou posteriormente "prórrogas no seu contrato, cambios de posto e categoría, subidas de soldo, transformárona en indefinida e e lle aumentaron o soldo a uns 3.000 € brutos ao mes, todo iso sen mediar máis procedemento que sucesivos decretos de alcaldía asinados indistintamente por José Oreiro ou Marisol Piñeiro".

O auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sinala a este respecto que “o contrato inicial, as súas prórrogas e as modificacións no seu contido, tiveron lugar sen seguir o procedemento administrativo correspondente, non houbo por conseguinte nin oferta pública, publicidade dalgún tipo, ou suxeición en canto á elección da persoa indicada aos parámetros de mérito e capacidade". E sobre a participación de Soledad Piñeiro nos feitos, o tribunal sostén -como xa fixera o xuíz instrutor- que "é indiferente que no contrato de traballo inicialmente subscrito a Sra. Piñeiro aparecese o Sr. Oreiro como representante do Concello pois foi ela mesma quen asumiu esa posición, derivada da imposibilidade que pesaba sobre o Alcalde por un problema de saúde". Engade que "a posición da Sra. Piñeiro non se limitou a asinar aquilo que simplemente se lle presentou. Existen indicios bastantes que mostran que a súa participación foi de todo punto activa nesa contratación carente de calquera procedemento administrativo de mínima consideración".

Soledad Piñeiro manifestou a "convicción" da súa inocencia

Soledad Piñeiro manifestou a "convicción" da súa inocencia, engadindo que se trata dun asunto "de marcado carácter administrativo" no que a súa intervención foi "meramente circunstancial".

Este tema leva anos pairando sobre a política galega (pola condición de deputada de Soledad Piñeiro) e, sobre todo, sobre a política local en Carnota. De feito, só un mes antes das últimas eleccións municipais o BNG levou ao pleno carnotán unha moción para que o Concello exercese a acusación particular no proceso, por ser precisamente o maior prexudicado pola actuación e o presunto delito e para "reclamarlles as responsabilidades económicas que correspondesen". Porén, PSOE e PP uniron os seus votos para evitalo. O Bloque acusou daquela aos dous partidos (pero especialmente aos socialistas) de estar preparando un acordo para facerse coa alcaldía tralas eleccións. En calquera caso, o BNG obtivo maioría absoluta o 24 de maio, evitando calquera posibilidade de pacto na súa contra.

A deputada do PP, Marisol Piñeiro, no Parlamento Dominio Público @grupopopulargal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.