Mas afirma que a reunión "non foi ben" e anuncia que "a semana que vén haberá que tomar decisións"

Rajoy e Mas esta maña © Moncloa

"Isto non foi ben". Deste xeito resumia Artur Mas a reunión que dende media mañá mantivo co presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, para presentarlle a proposta de pacto fiscal aprobada por unha ampla maioría do Parlament de Catalunya, un concerto económico semellante ao que xa ten o País Vasco. Esperábase que a resposta de Rajoy seria negativa pois na propia sesión de control do Congreso o presidente do Goberno central afirmara: "Non estou de acordo co concerto económico para Catalunya". Mas afirma que chegaba á xuntanza con vontade de acordo pero que Rajoy lle comunicou que o Goberno non tiña "marxe" para negociar o pacto fiscal e que só lle ofreceu unha "mellora" do financiamento en 2013, unha revisión que segundo Mas o Goberno xa está obrigado a facer por lei.

Mas lamenta "que se perdera unha oportunidade histórica"

Mas afirmou que a partir de agora a sociedade catalá terá que facer unha "gran reflexión" e advirte de que "a situación é suficientemente complicada para que non se improvisen as solucións". Empraza a que esa reflexión comece no debate de politica xeral que terá lugar no Parlamento a semana que vén. Non se referiu a un posible adianto electoral pero esa posibilidade barállase mesmo para este novembro ou para a primavera de 2013, uns comicios que se entenderían necesariamente como un plebiscito. Pero tamén se fala da posibilidade de que Mas promulgue dende o Parlament unha lei que outorgue todos os poderes tributarios á Generalitat, para despois facer un chamamento aos cataláns a que ingresen os seus impostos na Axencia Tributaria Catalá e non na estatal.

O presidente da Generalitat lamenta "que se perdera unha oportunidade histórica". Afirma que "Catalunya fixo esforzos inmensos durante os últimos 30 anos por España" e que cría que "un país máis europeo, cun Estado de benestar máis forte sería unha España que entendería as aspiracións catalás". Mas conclúe que "o pobo de Catalunya estase movendo, non está disposto a aceptar que o noso futuro sexa gris podendo ser máis brillante, que hai marxe para facer cousas máis positivas". E di que a xuntanza deste xoves "evidencia que nese marco estatal non se pode avanzar". "Tómese a decisión que se tome, o proxecto catalán será europeo, de Unión Europea e de euro", concluiu Mas.

"Tómese a decisión que se tome, o proxecto catalán será europeo, de Unión Europea e de euro", concluiu Mas

Mas afirmou que nós sempre cremos que a Constitución era un marco no que se podía avanzar", pero “o grande erro é que a Constitución sempre se lee en clave centralista”. "Que a Generaltat no poida ter a xestión da Agencia Tributaria non o di a Constitución", engadiu. Tamén dixo que a Constitución se fixo dunha maneira na que se puidese ir relendo, para que se puidesen facer cousas que non se podían facer nos anos 70. Mas mesmo realizou unha referencia á carta do rei: "Tamén podería ser una quimera que sen tocar nada da Constitución se poida aspirar a encaixar ben a Catalunya no resto do Estado".

Pola súa banda Mariano Rajoy a través dun comunicado afirmou que "a gravísima crise actual superarase dende a corresponsabilidade e a cohesión, nunca dende a división ou a inestabilidade institucional". Pola súa banda, Alicia Sánchez-Camacho declarou que "nunhas eleccións nós imos garantir que Catalunya non sexa independente, porque Catalunya é España, ampáranos o marco constitucional e a maioría de cataláns quere seguir en España".

Mariano Rajoy a través dun comunicado afirmou que "a gravísima crise actual superarase dende a corresponsabilidade e a cohesión, nunca dende a división ou a inestabilidade institucional"

Non é a primeira vez que Mas afirma que sen pacto fiscal Catalunya tomaría "o seu propio camiño", así o fixo un par de veces nos últimos meses. Porén, esta vez chega a Madrid cun mandato de dous terzos do Parlamento catalán e sobre todo cos ecos da millonaria manifestación que a pasada semana encheu as rúas de Barcelona. A pesar de que Mas non acudiu á marcha dá a impresión de que pola súa responsabilidade institucional acabou convertido no politico que máis se está a xogar nesta disputa.

Nas últimas horas Mas recibiu o apoio dos sectores empresariais catalán. Nun comunicado conxunto, a Pimec e a Cambra de Comerç emprazaron a Rajoy a asumir un compromiso inequívoco sobre un novo pacto fiscal con Catalunya. É por isto que El Mundo dedica a súa portada este xoves a falar da "Ofensiva de Rajoy para que os empresarios non apoien a Mas". E a tensión no seo da CEOE chega ao punto de que varias organizacións empresariais de Andalucia e Madrid esixironlle publicamente o presidente Joan Rosell que fixese un pronunciamento de apoio ao chamado "mercado único".

 

Reaccións na prensa

No resto das cabeceiras destaca a fenda aberta entre a prensa de Barcelona e a Madrid. La Vanguardia: Mas entierra el pacto fiscal ante el 'no' de Rajoy y prevé decisiones en breve. El Periodico: Mas, tras el 'no' de Rajoy: "Habrá decisiones la semana próxima". VilaWeb: Mas: 'El camí de Catalunya ha de ser europeu'. Ou ARA: Artur Mas: "Això no ha anat bé, s'hauran de prendre decisions" culpan do desacordo a Rajoy e anuncian un futuro inmediato moi movido.

O Financial Times publica un editorial titulado O discurso do rei, no que acusa a Mariano Rajoy de ser incapaz de xestionar a crise e o independentismo de Catalunya

Fóra de España asistese ao debate con maior tranquilidade. O Financial Times publica un editorial titulado O discurso do rei, no que acusa a Mariano Rajoy de ser incapaz de xestionar a crise e o independentismo de Catalunya. O texto afirma que "é o traballo do Goberno buscar compromisos cos cataláns e os vascos. Hoxe o señor Rajoy reúnese co presidente catalán, Artur Mas. Se non fai ningún xesto plausible sobre as demandas catalás, o separatismo será imparable, diga o que diga o rei". Pola súa banda o embaixador dos Estados Unidos en España, Alan D. Solomont, considera "admirable" que o debat sobre a independencia sexa "pacífico e democrático".

Rajoy e Mas esta maña © Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.