Mato admite que recibiu un bolso da trama Zeta, pero "non ten nin marca"

Listaxe de agasallos atopada pola Policía nos ordenadores de Azetanet CC-BY-SA Praza Pública

Entre as primeiras revelacións derivadas do levantamento do segredo do sumario da Operación Zeta figurou o envío de agasallos por parte da trama presuntamente dirixida polo empresario Gerardo Crespo a diversos dirixentes políticos. Como informou este diario, a Policía atopou nos ordenadores de Azetanet, unha das empresas investigadas, unha relación de agasallos na que, baixo o título regalos clientes, se recompilaban os supostos presentes da trama a diversos dirixentes durante o Nadal de 2010. A lista estaba encabezada pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a quen segundo ese documento lle correspondía lotaría e mais un bolso. Mato admitiu este domingo que ese agasallo existiu, pero quitoulle ferro desmentindo que fose de valor relevante e asegurando, en todo caso, que non influíu nas súas decisións no Goberno.

No marco dunha entrevista concedida á Cadena SER a conselleira foi cuestionada polo devandito bolso e a respecto de se, como transcendeu, era dunha marca de prezo "moi caro". Malia non responder abertamente sobre se fora ou non agasallada polas entidades de Crespo a titular de Traballo si deu en aclarar que o misterioso bolso "non ten nin marca". Acto seguido, Mato agrega que "non recibín nada que me influíse nas miñas decisións", entre as que se atopa xestionar os cursos de formación que agora investiga a Xustiza por presunta fraude.

Neste contexto, a conselleira xustifica tamén que "estamos a falar do ano 2010", toda vez que cómpre "recordar" que "esta Administración, esta consellería, seguindo a instrución do Goberno, tense que adaptar ao que os cidadáns reclaman de todos nós e hai un control, e un control e unha efectividade na nosa transparencia onde non temos xa permitido aceptar agasallos dentro da Xunta dentro dun importe superior a 90 euros ou que non sexan alén dun agasallo institucional". Daquela "non había esa normativa" e polo tanto, di, cabía aceptar ese presente.

A conselleira de Traballo xustifica que en 2010 "non había normativa" que impedise agasallos alén da "cortesía", aínda que a Lei de Transparencia os prohibiu en 2006

A norma á que se refire Beatriz Mato é o código ético lanzado pola Xunta o pasado marzo e publicado no DOG en outubro, un texto sen máis consecuencias que as leis vixentes que, no caso concreto dos agasallos, se limita a deseñar un procedemento para devolver regalos e a poñer en 90 euros o límite a partir do cal os agasallos deixan de ser de cortesía, o único tipo de presentes permitidos na Xunta dende 2006. Nese ano a Lei de Transparencia estipulou, no seu artigo 15 que o presidente, os conselleiros e demais cargos gobernamentais "non aceptarán regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condicións vantaxosas que poidan condicionar o desenvolvemento das súas funcións".

Así as cousas, en sentido estrito Mato xa non podería ter aceptado en 2010 o bolso da discordia se consideraba que ía alén da cortesía ou que llo entregaran para influír nas súas decisións. Non obstante, especificou na mesma intervención radiofónica, ela mesma está "convencida de que a xente entende" que "ningún político vai mudar unha decisión por unha botella de viño nin por dúas botellas de viño, nin por unha bolsa ou un bolso". Ademais, como xa sinalara na súa comparecencia do 2 de decembro, o actual Goberno impuxo novos controis nos cursos de formación, aos que se agregarán outros como a identificación do alumnado mediante a "pegada dixital".

Beatriz Mato, nunha xuntanza recente © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.