Medallas Castelao á procura dunha "nación orgullosa dos seus valores"

As persoas galardoadas coas Medallas Castelao, con Feijóo e Rueda en Bonaval © Xunta

Un ano máis, en Bonaval, o templo ao que como recinto alleo á Igrexa chegaron os restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o 28 de xuño de 1984 e que segue a acoller o Panteón de Galegos Ilustres aínda que dende hai case unha década a Xunta e demais autoridades civís non poida dispoñer del sen permiso do Arcebispado de Santiago. O histórico recinto compostelán volveu acoller este mércores a entrega das Medallas Castelao, os galardóns outorgados polo Goberno galego que desta volta tiveron como pano de fondo discursos cheos de contrastes, dende a apelación a pular por unha Galicia como "nación orgullosa dos seus valores", en verbas de Cristina Pato, ata críticas máis ou menos implícitas do presidente da Xunta ao proceso soberanista catalán ou á nova dirección do PSOE.

O discurso da gaiteira ourensá foi o máis emotivo dos escoitados no acto no que tamén foron distinguidos o historiador Justo Beramendi, o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso, o Oceanográfico de Vigo e mais o Grupo Nove de cociñeiros. Entre citas do Sempre en Galiza Pato reivindicouse como unha "migrante" a medio camiño entre Galicia e América. "Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra", citou para homenaxear os "emigrantes do pasado" e o seu traballo por "manter viva a nosa cultura", pero tamén para reivindicar o desexo de "espertar nunha Galicia na que a nosa cultura, o noso xeito de pensar, as nosas artes e a nosa filosofía sexan o día a día nas escolas", un "movemento de amor ao noso, de revalorización colectiva".

O país, sinalou a tamén pianista, ten unha "identidade cultural tan poderosa como a muller galega, como a miña nai, como as viúvas de vivos e mortos" e por iso di desexar vela como esa nación orgullosa dos seus valores" na que, coida, aínda están vixentes as reflexións de Castelao no discurso Alba de Groria. "Unha dáse conta de que as cousas non cambiaron tanto ou cambiaron, pero non tanto", dixo.

De ligazóns entre pasado e presente falou tamén Beramendi, para quen Castelao "encarnou en grao máximo as cualidades que deberían caracterizar a todo persoeiro político: honestidade e coherencia, defensa da identidade propia do pobo galego, da súa liberdade e do seu progreso, loita contra as inxustizas sociais e sacrifico persoal ata onde sexa necesario". Dende o agradecemento pola Medalla o historaidor coida que actos coma este deberan servir, "máis que para alimentar as pequenas vaidades, para que non esquezamos os valores e as políticas que precisa o noso país se quere progresar".

Para o televisivo Xosé Ramón Gayoso a Medalla Castelao supón "un peso profundo de alegría e responsabilidade". El, asegura, recolle a distinción como un recoñecemento tamén "aos meus compañeiros" do equipo do Luar e ao conxunto dos medios públicos de comunicación galegos, "que veñen desenvolvendo unha tarefa fundamental para o noso país". "Unha das necesidades fundamentais" da sociedade é a comunicación e tamén o vía así Castelao "coa súa palabra, coa súa escrita, cos seus debuxos e a súa actitude de vida", considerou dende a aspiración de "ser merecente de gañar a dignidade de ser chamado un dos bos e xenerosos fillos de Galicia".

Discurso de Feijóo

Feijóo lembrou o Estatuto do 36" que, dixo "non puido aplicarse debido á guerra fratricida entre nós"

A aposta por "difundir a cultura gastronómica de Galicia dentro e fóra" do país, lanzada polo presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campos, e o traballo a prol do medio mariño como principal "contribución á alma de Galicia", en verbas de Victoria Besada, directora do Oceanográfico vigués, concluíron a quenda das persoas galardoadas nun acto no que o titular da Xunta, ao contrario que noutras ocasións, si fixo referencia no seu discurso á coincidencia na data co aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936, "un Estatuto de Autonomía que, como se sabe, debido á guerra fratricida entre nós non puido aplicarse", dixo, malia á inexistencia de fronte de guerra en Galicia e malia que os impulsores do proceso autonomista foron albo dunha durísima represión dende os primeiros días do golpe franquista. 

"As noites craras de luar de Rosalía de Castro teñen dende hai anos un novo significado da man de Xosé Ramón Gayoso, a quen lle debemos unha aposta precursora polo aforro enerxético co seu apaga o candil"

Na liña doutras entregas das Medallas Castelao, Feijóo aproveitou o evento para lanzar reflexións a respecto da política actual, neste caso para censurar o "proteccionismo" no mundo da "globalización" e para considerar "un erro" abordar "un debate nominal" sobre o rango de Galicia como nacionalidade histórica. "Nada gañaría o noso país se o cambio onomástico fose acompañado dunha ruptura dos vencellos solidarios, é dicir, da ruptura da xustiza social e territorial", afirmou.

O presidente lanzou estas reflexións nun contexto no que, "grazas a xente" como as persoas galardoadas coas Medallas Castelao, Galicia "ten cda ano un 28 de xuño no que non hai oportunidades perdidas nin esperanzas rotas", senón homenaxes a profesionais como os do Oceanográfico, unión "a través das fronteiras" coa música de Cristina Pato, ou un "novo significado" para as "noites craras de Luar de Rosalía de Castro" da "man de Xosé Ramón Gayoso, a quen lle debemos tamén unha aposta precursora polo aforro enerxético co seu apaga o candil", dixo antes de atribuír ao Luar a ruptura "da falsa dicotomía entre televisión popular e televisión de calidade".

Cristina Pato, recollendo a Medalla Castelao © Xunta
Xosé Ramón Gayoso, tras recibir a Medalla © Xunta
Entrega da Medalla Castelao a Xusto Beramendi Dominio Público Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.