Medio cento de cargos e militantes do BNG piden a Pontón que aspire á Xunta

Presentación da campaña de apoio a Ana Pontón © EuapoioaAnaPontón

Militantes e cargos do BNG veñen de crear  un grupo de apoio a Ana Pontón, actual portavoz nacional do Bloque, para impulsar a súa candidatura á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas. Son arredor de medio cento de persoas entre as que se atopan figuras importantes e membros da Executiva. 

Medio cento de militantes e cargos do BNG lanzan unha campaña de apoio a Ana Pontón

Cunha páxina web e perfís nas redes sociais Twitter e Facebook, o lema #euconanapontón serviu a estes militantes de base nacionalistas para facer público o seu apoio á voceira nacional e promover que se postule como candidata á Xunta. "Convencidas da necesidade de reforzar e renovar o nacionalismo galego, promovemos a candidatura de Ana Pontón para concorrer no proceso de designación de persoa candidata á presidencia da Xunta de Galiza que o Consello Nacional do BNG convocou o pasado 9 de abril", explican no documento.

Xa este venres, nun acto público, medio cento de militantes fixeron público a súa campaña de apoio para que Pontón "dea un paso á fronte" e se presente ás primarias abertas na formación nacionalista. No grupo de apoio inclúense importantes figuras do nacionalismo como Pilar García Negro, a ex eurodeputada Ana Miranda, os alcaldes de Pontevedra e Allariz, Miguel Anxo Fernández Lores e Francisco García, ou o deputado autonómico Francisco Jorquera. 

García Negro, Lores, Jorquera, Miranda ou Mini piden a Pontón que "dea un paso á fronte" e se presente ás primarias do BNG

Anabel Gulías, militante do BNG de Pontevedra, foi quen deu voz a este grupo argumentando o apoio a Pontón pola súa "capacidade, motivación, ilusión e traballo" e por ser "unha das persoas que mellor encarna o compromiso con Galicia. Para os impulsores deste apoio, Pontón pode "asumir o reto" de traballar por unha "galicia máis capaz e mellor" e explican que a implicada está "ilusionada e agradecida", polo que confían que acaba por "dar o paso". 

Ademais, este grupo de militantes insistiu na necesidade dunha forza política con base en Galicia e "sen dependencias de ningún outro centro de decisión". "Nunca virá de fóra remedio ou esperanza", reivindicaron parafraseando a Celso Emilio Ferreiro. Ademais, tamén insistiron na "coherencia" do BNG e na súa "responsabilidade" por non deixarse guiar por "modas pasaxeiras" malia que sexan "moitos" os que os acusan de estar "remando a contracorrente"

Entre os asinantes do manifesto atópanse tamén Adolfo Muíños, Sandra González, Serafín Otero, Goretti Sanmartín, Luís Pérez Barral, Xosé Luis Rivas Cruz Mini, Xosé Manuel Carril ou Carlos Callón, entre outros. 

Presentación da campaña de apoio a Ana Pontón © EuapoioaAnaPontón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.