Medio Rural inxectou 800.000 euros nos medios en plena campaña de incendios

Quintana, ante a prensa co responsable de Montes © Ana Varela

O 19 de agosto de 2013 Galicia vivía unha das peores vagas de lume do verán. Vilamarín, Quiroga ou Cualedro eran algúns dos puntos maís preocupantes dun escenario no que o país padeceu uns 150 incendios en menos de catro días. Tres días máis tarde, o 22 de agosto, a maior preocupación trasladábase á cidade de Ourense, onde os incendiarios aproveitaban a combinación de máis de 30 graos, vento de máis de 30 quilómetros por hora e menos do 30% de humidade para prender nas parroquias de Velle e Cudeiro e chegar a unha alerta de nivel 1. Nesas dúas duras xornadas de incendios o departamento responsable de xestionalos, a Consellería de Medio Rural, asinaba substanciosas achegas económicas coas principais empresas editoras de diarios impresos do país e coa CRTVG.

O departamento que dirixe Rosa Quintana vén de publicar, en virtude das obrigas instauradas pola lei de transparencia de 2006, os convenios subscritos no segundo cuadrimestre do pasado ano e nesa relación trámites como a constitución das brigadas municipais contra incendios comparten espazo con catorce acordos cos medios cuxo importe total acada os 869.000 euros. O día 19 a Consellería asinou 8 destes acordos co obxectivo oficial de "promover campañas informativas de concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais" e o 22, os restantes, neste caso "para promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional".

O reparto beneficia as empresas editoras de diarios impresos e á CRTVG, cunha suma total de 869.000 euros

A suma de ambos repartos deixa como empresa máis beneficiada á Corporación Voz de Galicia, á que lle corresponderon 298.000 euros no reparto. Séguea Faro de Vigo, con 165.000 euros e o grupo El Progreso, que entre a súa matriz lucense e a súa filial pontevedresa chegou aos 140.000 euros. A empresas que editan La Región de Ourense e Atlántico Diario, do mesmo grupo, ingresaron 100.000 euros e a Editorial Compostela, propietaria de El Correo Gallego, fixo o propio con 90.000. Neste caso o reparto incluíu tamén os medios públicos, aos que Medio Rural lles achegou 50.000 euros nun reparto que pecha La Capital, editora de El Ideal Gallego, con 26.000 euros.

Para xustificar este reparto discrecional de axudas Medio Rural apela ao artigo 3 da lei de publicidade institucional do Estado que, aprobada en tempos de Zapatero, fixa as condicións para "promover ou contratar campañas institucionales de publicidade e de comunicación", as cales, segundo o texto legal, "se desenvolverán exclusivamente cando concorran razóns de interese público" e responderán aos principios de "interese xeral, lealdade institucional, veracidade, transparencia, eficacia, responsabilidade, eficiencia e austeridade no gasto".

Reparto dos fondos de Medio Rural

Esta é unha das primeiras ocasións nas que un departamento da Xunta presenta os seus convenios cos medios como publicidade institucional e non como unha vía para a "difusión" da actividade da consellería correspondente, como adoita acontecer. Non obstante, o feito de que non se trate dunha campaña publicitaria concreta e de que o reparto beneficie só aos medios que o Goberno decide deriva no resultado habitual, isto é, na presentación de contidos gobernamentais baixo a apariencia de información, algo criticado reiteradamente polos colectivos profesionais do xornalismo. Mentres, segue sen saberse nada da lei de publicidade institucional, que Feijóo vén prometendo dende que chegou ao Goberno.

Quintana, ante a prensa co responsable de Montes © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.