Medio Rural reserva 1,2 millóns de euros para tres campañas publicitarias en período preelectoral

A conselleira do Medio Rural, intervindo nun acto público © Ana Varela

O Medio Rural foi unha das fontes de conflito político máis acendidas durante a presente lexislatura galega. A fusionada consellería de Medio Rural e Mar tivo que afrontar diversos momentos de tensión, moi especialmente durante as protestas gandeiras tras a fin da cota láctea, que os gandeiros aínda continúan ao sentírense "estafados" polas empresas pero tamén pola Administración autonómica, á que acusan de non os defender ante o Goberno de España e a UE. O presidente da Xunta optaba o pasado outono por separar os departamentos marítimo e agrogandeiro e o novo departamento de Medio Rural, agora con Ángeles Vázquez á fronte asumiu o reto de mellorar as relacións cos sectores a respecto da etapa de Rosa Quintana. Con este pano de fondo, o departamento autonómico prepara tres campañas publicitarias a desenvolver no período preelectoral e para elas reserva ata 1,3 millóns de euros.

Entre os pasados 21 e 22 de marzo Medio Rural deulle o visto e prace ao proceso para contratar tres accións publicitarias para os vindeiros meses: unha sobre o leite, outra sobre a carne e unha terceira sobre os produtos galegos en xeral. É esta terceira campaña á que a Consellería reserva un maior importe, ata 840.441 euros, e con ela procura "dar continuidade" ás xa realizadas en 2014 e 2015, di. Trátase, explica o prego de condicións do contrato, de transmitir á cidadanía "as calidades únicas e singulares dos nosos produtos" baixo o lema Galicia sabe, xa empregado en anos anteriores. O contrato divídese en dous lotes: un de 45.000 euros para o deseño da campaña e os case 800.000 restantes para a "planificación" e inserción da campaña nos medios.

As campañas centraranse no leite, na carne e nos produtos alimentarios galegos en xeral

As outras dúas campañas terán un custo semellante para as arcas públicas, cun importe lixeiramente superior no caso do leite. Medio Rural indica na documentación do contrato que o sector está a verse afectado polo "transcendental cambio" da fin das cotas, polo que "debe aspirar a producir menos pero cunha calidade óptima, que sexa un referente e un obxecto de desexo para o consumidor, que ha de estar disposto a pagar por un leite superior asociado á nosa terra". A campaña, de 225.000 euros, estará asociada á marca 'Galega 100%' que a Xunta espalla dende hai anos.

As accións publicitarias de Medio Rural para os vindeiros meses complétanse coa campaña "para a promoción dos produtos cárnicos", "un sector de referencia que atravesa un momento de debilidade debido á baixa nas cotizacións dos produtos, o exceso de produción e as dúbidas que xeran os riscos sanitarios sobre o consumo de carne procesada", sinala. Os anuncios desta campaña deberán "fomentar o consumo e sensibilizar a poboación" sobre o "sabor único que se deriva da potenciación das razas autóctonas, a axeitada alimentación das reses e o coidado do gando. O importe, neste caso, rolda os 220.000 euros.

As accións publicitarias desenvolveranse entre xuño e final de ano, cadrando en todo caso co período preelectoral

desenvolvemento das tres campañas coincidirá en boa medida no tempo e cadrará, en todo caso coa precampaña electoral, chegando unha delas á propia campaña no caso de que as eleccións se celebren no remate formal da lexislatura, entre outubro e novembro. Segundo as condicións administrativas dos contratos as campañas do leite e da carne difundiranse nos medios entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, mentres que a dos produtos galegos en xeral porase en marcha dende a sinatura do contrato e ata fin de ano.

Os formatos das tres campañas serán, atendendo aos pregos, de características semellante: anuncios en televisión de entre 20 e 30 segundos, anuncios a cor en diarios impresos, cuñas radiofónicas de 20 segundos e banners animados nas "edicións dixitais dos medios de comunicación". No caso dos xornais dixitais Medio Rural só aceptará a inclusión dos seus anuncios naqueles cuxa audiencia estea auditada pola empresa Comscore, sen posibilidade de que a acredite ningunha outra.

A conselleira do Medio Rural, intervindo nun acto público © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.