José Luís Méndez Romeu debutou como voceiro do grupo do PSdeG no Parlamento no Debate sobre o Estado da Autonomía acusando a Núñez Feijóo de “receitar só resignación e capacidade de sufrimento” aos galegos. Na súa réplica ao primeiro discurso do presidente, o portavoz socialista cualificou a intervención de “melancólica e claudicante” e insistiu en que unicamente apelou “á resignación dos cidadáns” ao estar “orfo de ambicións e obxectivos”. “Foi o discurso da derrota”, espetoulle.
Méndez Romeu cualifica de "discurso da derrota" a intervención de Feijóo, "orfa de ambicións e obxectivos"
No seu argumento, Méndez Romeu lembroulle a Feijóo que “non é aceptable que logo de cinco anos do seu goberno” a situación “para case todos os sectores” da poboación “é peor”. “É peor para os traballadores, para os pensionistas, para os estudantes e para os enfermos”, dixo o voceiro do grupo socialista, que contrapuxo, no entanto, a situación dos ricos, “que saen moi ben parados da crise grazas a gobernantes coma vostedes, defensores da minoría fronte á maioría”.
O voceiro socialista propúxolle a Feijóo “saír” do Debate “con algúns acordos dos que precisa o país” e que se chegue a eles “tomando todo o tempo que faga falta para discutilos”. Así, baseou en dous puntos ese hipotético pacto: “un plan de emprego neto no sector pivado que atenda a polo menos 30.000 persoas e manter Novagalicia como entidade financeira galega e non vendela a terceiros para que haxa crédito e liquidez”. “Vostede ten recursos, depende do FROB e do Goberno central e teñen maioría absoluta”, díxolle.
Romeu ofreceulle un pacto a Feijóo baseado "nun plan de emprego neto e no mantemento de Novagalicia como entidade galega"
Así foi como Romeu lle reclamou a Feijóo “un cambio de política que devolva a esperanza ás persoas” e alertoulle de que o que hai que ofrecer é “futuro á xente, xusto o que vostede non fan”. E non hai futuro, nin tampouco presente, segundo o recentemente estreado voceiro socialista, que repasou a situación económica e social de Galicia e reprochoulle ao presidente que no seu discurso obviase os que máis sofren.
“Faltáronlle os 33.000 fogares que non teñen ingreso económico ningún, os fogares con todos os membros en paro, os milleiros de fogares no limiar da pobreza... Faltáronlle eles na súa relación de honra e sobrou vostede, que está no grupo dos que teñen responsabilidade e foxe delas porque pasa por riba da sociedade real”, díxolle Romeu, que acusou os gobernos do PP na Xunta e en Madrid de “destruír deliberadamente o Estado de Benestar” e “baleirar de contido a Constitución, crebando a igualdade”.
O voceiro socialista advirte que a maioría dos beneficiarios da rebaixa fiscal anunciada por Feijóo "non están obrigados a facer a declaración"
Ademais, Méndez Romeu quixo desmontar o grande anuncio de Feijóo no discurso inicial. A rebaixa de medio punto no treito autonómico do IRPF para as rendas con base impoñible de ata 17.700 euros. Máis de tres puntos por baixo da prometida polo presidente na súa investidura como presidente en 2009. “Anuncia unha mínima rebaixa fiscal, logo de que o seu Goberno implante taxas, suba o canon do auga ou o céntimo sanitario ou incremente o IVE; e ofrece unha cativa rebaixa dun máximo de 84 euros”, explicou o voceiro socialista, que aclarou tamén que “a maioría dos beneficiarios desta medida non están obrigados a facer a declaración da renda”. Así, contrapuxo isto a que a Xunta siga negándose “a aumentar a presión fiscal para as rendas máis altas”.
"Un ataque ideolóxico aos servizos públicos"
Romeu repasou os dramáticos datos do paro, destacou que hai 125.000 desempregados máis en Galicia desde a súa chegada á Xunta, alertou da precariedade laboral dos mozos e acusouno de “non ofrecer alternativa ningunha” aos máis novos. “O seu discurso só provoca desinterese ou menosprezo entre eles”, dixo o portavoz socialista, que lembrou tamén que o Goberno dedica ás políticas activas de emprego 200 millóns de euros, a metade do que se dedicaba co país en plena bonanza.
"Non conte co PSdeG para reducir o poder adquisitivo dos pensionistas", díxolle Romeu a Feijóo
Ademais, advertiulle a Feijóo “que non conte co PSdeG para reducir o poder adquisitivo dos pensionistas” e reprochoulle ao tempo que desde o Goberno central se persiga os emigrantes retornados con sancións e multas “mentres se aplica a amnistía fiscal a grandes defraudadores”. Tamén foi moi duro co novo copago farmacéutico do Estado -e asumido en San Caetano- ,que afecta “incluso a xente que ten a esperanza de vida taxada”, e co incremento do céntimo sanitario.
Por outra banda, acusou a Feijóo dun “ataque totalmente ideolóxico” aos servizos públicos, para facer logo un repaso da situación da sanidade e advertir de que o sistema sanitario galego “é perfectamente viable e posible” sustentada con impostos. Tamén censurou os prometidos contratos de Pemex, que “quedaron só en verbas” e as promesas de emprego no naval e na mina de Corcoesto, agora paralizada. “Por que non se mediron algo antes de facer eses anuncios? Por que xogan coa necesidade de tantos parados?”, preguntouse, tras acusar o presidente de “acabar co sistema financeiro galego” e de cuestionarlle “por que se rende” ante a venda de Novagalicia Banco tras anos de ataques ao anterior goberno socialista polo mesmo tema.
"Por que xogan coa necesidade de tantos parados?”, preguntoulle ao presidente tras as promesas incumpridas de Pemex
“A Xunta que vostede dirixe transmite esgotamento e falta de iniciativas, non hai vontade de superar a situación. Preside un goberno burocrático sen incidencia na vida real. Pide consensos pero non acepta acordos”, rematou Méndez Romeu.