Mocións en concellos e institucións contra a ilegalización de Causa Galiza

Comparecencia en Santiago pola causa contra Causa Galiza Dominio Público Praza Pública

Membros da formación independentista Causa Galiza, ilegalizada de facto pola Audiencia Nacional, impulsarán mocións en concellos, Parlamento galego, Congreso dos Deputados e Eurocámara para denunciar a "montaxe política-policial" da operación Jaro que, segundo denuncian, certifica a "imposibilidade de exercer os dereitos democráticos básicos no Estado español" e pretende "transmitir ao pobo galego que o independentismo é terrorismo".

Mocións en concellos ou o Parlamento de Galicia denunciarán a "montaxe política-policial" contra Causa Galiza

Tal e como explicou en rolda de prensa Joám Peres, un dos procesados na operación -que hai seis meses acabou con varios detidos e logo postos en liberdade con cargos como pertenza a organización terrorista-, as mocións serán levadas ás diferentes institucións por algunhas daquelas organizacións políticas con representación que veñen de dar o seu apoio á denuncia dos encausados. 

Anova, BNG, Podemos, Sortu, CUP, CIG ou Adega rexeitan a suspensión de actividades da organización independentista

Son, en total, máis de 70 entidades políticas, sociais, culturais ou deportivas que xa fixeron público o seu rexeitamento á suspensión de actividades de Causa Galiza. Entre elas, Anova, BNG, FPG, PCPG, Podemos, Agora Galiza, Primeira Linha, MGS, Sortu, CUP, CIG, CUT, CNT ou organizacións ambientalistas como Adega, Verdegaia ou a Federación Ecoloxista Galega. Tal e como explica Joám Peres, os encausados atópanse "totalmente satisfeitos" do apoio recibido ao "situarse detrás" deles "todo o arco social e político da esquerda nacionalista e soberanista galega". Precisamente, e no acto deste martes en Santiago, púidose ver o responsable de Organización do Bloque, Bieito Lobeira,, ou ao secretario xeral da CIG, Suso Seixo. 

Joám Peres alertou de que "a intencionalidade" desta operación e "toda a súa escenificación" é "transmitir ao pobo galego que o independentismo é terrorismo", "que non se pode ser independentista e que quen asuma posicións independentistas neste país vai ser tratado con todo o réxime de excepcionalidade do que é capaz o Estado español".

Acompañado por ducias de persoas de diversos colectivos políticos e sociais, e xunto a outros detidos na operación Jaro,  Peres avisou dunha "represión salvaxe" contra o tecido nacionalista e independentista.

Nove investigados

O pasado 8 de abril o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco rexeitou o recurso da defensa de Causa Galiza contra a suspensión de actividades da organización, mentres se mantén un proceso penal na Audiencia Nacional contra nove persoas en calidade de investigados por "integración en organización terrorista" e "enaltecemento do terrorismo".

Segundo explica Peres, mantense o segredo de sumario sobre este caso, no que nove persoas teñen a mesma imputación xenérica, que se personalizará ao longo do proceso. A integración en organización terrorista está penada entre seis e 12 anos de prisión, mentres que para o enaltecemento de terrorismo sitúase entre un e tres anos de cárcere, sinalou na súa intervención.

"Non temos medo, imos manter a cabeza alta porque estamos sentados nun tribunal de excepción simplemente por defender os dereitos nacionais do noso país", subliñou Peres, en nome de todos os procesados. "Non temos nada que ocultar, nada do que avergoñarnos e imos manter o noso compromiso até o final, guste ou non guste a Audiencia Nacional e á Garda Civil", deixou claro.

A preguntas da prensa sobre en que se basean as acusacións, Peres apuntou que nos autos "aparecen auténticos currículos do traballo político de cada un desde hai moitos anos", con "un seguimento do traballo feito en redes sociais e traballo de comunicación na rúa". "Non hai en ningún momento unha articulación ou un argumento que se poida dicir que ten algunha consistencia e póidase chegar a xuízo", asegurou.

No tocante ao enaltecemento do terrorismo, as acusacións céntranse na celebración do Día dá Galiza Combatente, entre os anos 2013 e 2015, unido ao "esperpento político e xurídico absoluto" de que "haxa un xuíz da Audiencia Nacional nun Estado supostamente democrático que considera que homenaxear un levantamento militar anticentralista ou provincialista que se producía en 1846 é enaltecemento do terrorismo", en referencia á homenaxe aos Mártires de Carral.

Pola súa banda, Elvira Souto, que forma parte do observatorio dos dereitos humanos Esculca, chama a atención sobre que até nas escolas se fan actos de memoria sobre os Mártires de Carral, á vez que a "vulneración" de dereitos fundamentais neste caso "debería provocar o escándalo de toda a sociedade".

Comparecencia en Santiago pola causa contra Causa Galiza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.