Mos debate o gasto irregular de milleiros de euros en obras antes das eleccións municipais

Casa do Concello de Mos © Concello de Mos

É habitual que algúns concellos aceleren actuacións ou acometan obras nos meses previos aos comicios municipais. Asfaltados de pistas, beirarrúas, mellora do saneamento, a instalación de puntos de luz, ou a construción de novos equipamentos públicos debuxan o escenario das precampañas e campañas electorais en moitas localidades. Porén, semella que o caso de Mos sobresae pola súa dimensión, peso económico destas iniciativas e pola seu carácter irregular, ao realizarse fóra do orzamento do Concello.

O propio concelleiro de Facenda, Alberto Méndez, que na pasada lexislatura era responsable de Vías e Obras, recoñece que se lle "foi a man" coas "obras nas municipais"

O Goberno local, en mans do Partido Popular, levará ao pleno ordinario deste luns unha proposta para un recoñecemento extraxudicial de crédito que permita pagar 350 facturas pendentes, correspondentes aos dous últimos anos, e que suman máis de medio millón de euros (514.615 euros). Máis da metade destas facturas corresponden a obras en infraestruturas levadas a cabo nos meses previos ás eleccións municipais do 24 de maio. O propio concelleiro de Facenda, Alberto Méndez, que na pasada lexislatura era responsable de Vías e Obras, recoñece que se lle "foi a man" coas "obras nas municipais" e argumenta que "en tempo de eleccións os veciños presiónante, todos che piden que fagas máis, son responsable de tentar satisfacer o que os veciños me demandaban".

O problema é que ese medio millón de euros gastouse sen consignación orzamentaria, como lembra un informe de Intervención, que tamén salienta que se omitiu a obrigatoria fiscalización previa. Mos é o concello con máis débeda de toda a Área Metropolitana viguesa en relación coa súa poboación, acumulando 10.5 millóns, 689 euros por habitante. Os números vermellos disparáronse na lexislatura anterior, pasando dos 3.7 millóns de 2011 á cifra actual. En efecto, nos meses previos aos comicios, multiplicáronse as actuacións en saneamento, acondicionamento das marxes do río Louro, leváronse a cabo obras en varios campos de fútbol e tamén en numerosas vías e estradas do termo municipal.

Mos é o concello con máis débeda de toda a Área Metropolitana viguesa en relación coa súa poboación, acumulando 10.5 millóns, 689 euros por habitante

A oposión critica o excesivo gasto, os intereses electorais destas actuacións e tamén a solución proposta. Dende GañaMOS, denúnciase tamén que se intente culpar desta situación ás peticións dos veciños e veciñas e acusa o Goberno municipal de "mentir" cando presentou uns orzamentos que definían como "equilibrado", pero que en realidade agochaban centos de facturas pendentes. Dende o BNG afírmase que "este enorme número de facturas deixa ver o nefasto control económico dos gobernante do Concello, que presumen de ter mellorado a economía municipal, pero queda claro que só é propaganda". "Pura enxeñería económica. E mentres tanto os cidadáns a pagar impostos e a sufrir", conclúe Miguel Anxo Aldea Moscoso, voceiro do Bloque.

A proposta do Partido Popular aprobarase cos seus votos (9 concelleiros), e contará co rexeitamento dos oito edís da oposición (4 de GañaMOS, 3 do PSdG-PSOE e 1 do BNG).

Casa do Concello de Mos © Concello de Mos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.