Muxía só coñece "pola prensa" o plan da Xunta para evitar outro Prestige

Momento do afundimento do Prestige, tras partir en dous © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

O pasado 27 de setembro, iso é, apenas unha semana antes do inicio da campaña electoral, o Consello da Xunta dáballe luz verde ao Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental. Mentres se achega o inicio do xuízo pola catástrofe do Prestige -comeza o 16 de outubro- e o décimo aniversario da mesma o gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo amosaba o plan co que, din, Galicia vai "gañar en eficacia, en operatividade e en anticipación" ante unha "hipotética contixenciade contaminación no litoral galego". En síntese, trátase de que, se chegase un novo Prestige, se "conte cunha folla de ruta completamente actualizada" para saber o que facer. Unha "planificación" descrita por Feijóo que contrasta, non obstante, coa practicamente nula información que ata o momento chegou a concellos tan sensibles como o de Muxía, o cal chegara a ser coñecido como "zona cero" da marea negra no ano 2002.

Ademais do plan autonómico de continxencias o proxecto aprobado polo Goberno galego establece tamén a obriga de elaborar "plans locais por parte dos concellos costeiros" para que así "todas as administracións esteamos implicadas na contaminación mariña", di Feijóo. Iso tamén se descoñecía ata hai escasos días nos propios municipios. Quen o conta é o alcalde muxián, Félix Porto, quen fai certo o tópico de coñecer a través dos medios de comunicación feitos que afectan á Administración que dirixe, se ben neste caso as decisións non dependen del. "Estoume enterando pola prensa", resume o rexedor en conversa con Praza Pública, tras constatar que non recibiu "ningún tipo de comunicación" oficial a respecto deste plan nin das obrigas que o seu concello terá que asumir en virtude do mesmo.

O plan da Xunta establece a obriga de elaborar plans locais de continxencias en cada concello costeiro

"Todo o que sexa seguridade non só é correcto, senón que é louvable", subliña o socialista, o que non lle resta importancia, na súa opinión, ao feito de que un plan destas características colla "por sorpresa" aos principais afectados, os concellos do litoral. "É moi doado lexislar para que os demais che fagan o traballo", reprocha, xa que a imposición de obrigas como a elaboración de plans locais de continxencias implica unha "derivación de competencias" en materia de seguidade marítima. Por iso, considera, "o mínimo" sería "que nos pedisen opinión", máis aínda cando "temos toda a disposición a colaborar, pero hai unha forma de proceder". E "a estas alturas, nin Protección Civil de Muxía" nin o propio goberno local coñecen, por exemplo, "en que sentido hai que elaborar o plan de alerta á veciñanza" que cómpre poñer en marcha en caso de accidente, segundo estipula o plan da Xunta. 

Neste contexto, o único que non sorprende ao alcalde de Muxía é que o plan para loitar contra a contaminación mariña vise a luz a escasos días da campaña electoral e a pocas datas do xuízo e mais do aniversario do Prestige. "É evidente", di Porto. "Estamos en eleccións, durante catro anos non se lembran de nada" e "agora sacan da manga isto". Quere isto dicir, polo tanto, que Galicia en xeral e Muxía en particular están agora na mesma situación que hai catro anos de cara a un eventual naufraxio? "O día que a conselleira [do Mar, Rosa Quintana] teña a ven enviarme o plan poderei falar con máis claridade de se estamos mellor ou peor", di, aínda que dubida de que a seguridade aumentase "se  isto é todo o que fixeron para evitar catástrofes como a que nos tocou vivir".

"Non temos ningunha comunicación oficial, durante catro anos non se lembraron de nada e agora sacan isto da manga", di o alcalde de Muxía

Á espera de coñecer de primeira man a parte do plan que lle corresponde ao Concello Felix Porto carga as tintas contra o xeito de proceder da Xunta. "É irrisorio" que o plan chegue "catro días antes da campaña electoral, pero é ao que nos teñen acostumados, unha política non de feitos, senón de xestos", aínda que estes impliquen "impoñernos cada día máis competencias aos concellos" mentres, por outra banda, "nos retiran [os fondos] cos que nos tiñan que compensar". Neste caso, por exemplo, o plan de continxencias imponse "sen que teñamos ningún tipo de competencias en temas de mar". Pero "estas son as cuestións daqueles que gobernan dende un despacho sen coñecer a realidade", conclúe.

O alcalde muxián, ante unha imaxe de voluntarios limpando chapapote CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.