Narón, Teo e Oleiros únense para levar a Deputación da Coruña aos tribunais

Diego Calvo, nunhas obras de restauración dunha igrexa © Xunta

O pasado 22 de novembro, Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, entrou a berros no salón de plenos da Deputación da Coruña. Farto de que obviasen as súas reivindicacións, denunciou deste xeito, e acompañado doutros membros do goberno local, o que considera un reparto "arbitrario, clientelar e ilegal" de case 18 millóns de euros que o organismo provincial asigna sen convocatoria pública, de maneira directa e a través de convenios unilaterais e nominativos aos concellos. O rexedor de Alternativa dos Veciños visibilizou así a denuncia que comparten, cando menos, outros dous municipios gobernados tamén por partidos minoritarios e "á marxe da dinámica partidaria de PP, PSdeG e BNG" como Teo (Anova) e Narón (Terra Galega).

Os tres concellos acusan a Deputación de deixalos fóra do reparto de fondos por estar "á marxe da dinámica partidaria de PP, PSdeG e BNG"

Agora, os tres concellos decidiron presentar unha denuncia para demandar a Deputación ante o xulgado do contencioso administrativo. Unha demanda coordinada, que comparte argumentario e á que acaba de confirmar a súa unión o Concello de Teo, que estaba á espera do que decidira a súa asesoría legal. Os municipios acusan o presidente do ente provincial, o popular Diego Calvo, de repartir os fondos á súa maneira e sen atender a criterios como a poboación, o número de núcleos ou o esforzo fiscal dunhas localidades que superan os 90.000 habitantes entre as tres. "Non cumpre ningún tipo de base nin norma; tan só pedimos que e respecten uns criterios lóxicos", aclaran desde o goberno local de Oleiros.

O certo é que este mecanismo de reparto a través de convenios unilaterais existe desde hai anos pero, sempre segundo os tres concellos denunciantes, "nunca fora tan arbitrario". "Ao estar fóra da dinámica partidaria, tamén nos deixan fóra á hora de repartir os fondos", asegura Martiño Noriega, alcalde de Teo, que lembra que estas achegas a dedo sempre foran pactados entre os tres grandes partidos. O que ocorre é que agora o agravio cara aos municipios que non están gobernados por esas formacións é evidente e moito maior, segundo varias fontes dos gobernos locais destes municipios.

Narón, Teo e Oleiros quedaron fóra das últimas liñas extraordinarias malia xuntar máis de 90.000 habitantes

A última cantidade á que se refiren estes concellos son os 18 millóns que, en dúas partidas, foron aprobados a final do mes de decembro en pleno. 12 destes 18 millóns achéganse para o pago de obras e gastos correntes e outros 5,7 foron xa repartidos antes a través de varios convenios nominais. Narón, Teo e Oleiros non recibiron nin un só peso destas dúas últimas liñas extraordinarias. Todos eles aclaran que levan tempo pedindo ser incluídos neses listaos de axudas e convenios nos que nunca aparecen. E a resposta de Diego Calvo? "Ningunha, el non dá explicación ningunha", aclara Noriega. Ademais, tampouco ninguén no organismo provincial explica cal é o motivo de que se obvien os principios de publicidade, concorrencia e igualdade que marca a normativa.

O reparto de fondos non segue criterios de poboación ou esforzo fiscal e obvia os principios de publicidade, concorrencia e igualdade

O que si confirman fontes destes concellos é que o feito de que os municipios estean gobernados por formacións minoritarias que non participan nos acordos aos que no ente provincial chegan PP, PSdeG e BNG é a causa principal desta marxinación. "As tres formacións pactan o reparto e nós quedamos fóra sempre". Non os teñen en conta. Esa é a queixa que chega desde Narón, Teo ou Oleiros, tres das localidades con maior poboación da provincia da Coruña. Pero ademais, Ángel García Seoane leva tempo denunciando a marxinación que sofre o seu concello, algo que atribúe tamén aos intentos do PP por minguar a capacidade económica dunha vila onde leva anos gobernando e onde a dereita non dá logrado entrar.

Agora, as súas queixas pasan dos plenos e as roldas de prensa aos xulgados. Os tres concellos levan a Deputación ao contencioso administrativo pero, dependendo do resultado desta demanda, xa advirten de que o seguinte paso sería unha querela penal ante a morea de irregularidades que levan atopado no ente provincial desde que é presidido por Diego Calvo.

 

Diego Calvo, nunhas obras de restauración dunha igrexa © Xunta
Ángel García Seoane © Concello de Oleiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.