Neolingua: o diccionario do Goberno de Rajoy

Rajoy, nun acto do ministerio de Defensa © Goberno de España

Foi unha forma de falar. A promesa de Mariano Rajoy converteuse pronto nunha avalancha de eufemismos e circunloquios para non pronunciar palabras malditas. Se Zapatero se negaba a dicir "crise", o Goberno do PP fixo esforzos por disfrazar o rescate á banca e os recortes. O empeño foi inútil porque os españois xa non se chaman a engano a estas alturas. A lista de perífrases edulcorantes e tecnicismos é longa. Luis de Guindos, Cristóbal Montoro e Fátima Báñez son os principais contribuíntes.

1. Non o chamarás rescate

No seu lugar, dei apoio, liña de crédito, axuda ou asistencia. Como a estas alturas xa todo o mundo sabe que os créditos non son gratis, haberá que facer algunha concreción sobre as condicións. A Luis de Guindos gústalle referirse ao rescate á banca como a un "préstamo en condicións extremadamente favorables". Non ten "nada que ver cun rescate" de verdade, no caso español trátase dun mero "apoio financeiro". Tampouco é partidario de falar do "timo das preferentes". Usa a expresión "comercialización inadecuada de produtos".

2. Nós non recortamos. Facemos deberes, axustes e reformas estruturais

Aínda que nas manifestacións e protestas, os cidadáns debuxan tesoiras nas súas pancartas, o Goberno case nunca conxuga o verbo recortar. Prefiren falar de "axustes", de "austeridade" ou de "sacrificios". A versión "reformas estruturais" tamén é útil porque serve de comodín. 

3. Flexibilizar o mercado de traballo

Unha maneira de embelecer a reforma laboral é vendela como a ferramenta que o mercado de traballo necesita para que se cren novos postos de traballo. A Fátima Báñez non lle gusta o de abaratar o despedimento. Ela prefire definilo como unha ferramenta para "incorporar novos dereitos" e "simplificar a contratación".

4. Recesión soa peor que crecemento negativo

Recesión é unha palabra moi fea e que dá medo. No canto de retroceso, afixémonos a ouvir ao Goberno falar de "crecemento negativo". Se non engadisen o adxectivo, a tomadura de pelo resultaría demasiado obvia. O ministro de Economía utiliza outra perífrase cando se pronuncia sobre as previsións económicas e a posibilidade de que empeoren. Entón De Guindos fala de "deterioración adicional importante".

5. Non se soben impostos, cámbiase a súa ponderación

No caso de que toque falar de subida de impostos, Cristóbal Montoro ten a solución: "Non imos subir impostos senón a cambiar a ponderación".

6. Ticket moderador fronte a "euro por receita"

No seu afán por defender os "efectos disuasorios", ao Goberno de Artur Mas ocorréuselle a expresión "ticket moderador". Soa moito mellor que "euro por receita".

7. Gravame adicional e recargas de solidariedade

Pouco antes de subir o IVE, o Goberno empezou a falar de "gravame adicional". A subida do IRPF converteuse nun "recarga temporal de solidariedade", que parece que afecta menos ás nóminas.

8. Non é unha amnistía fiscal senón un afloramento de bases

Defraudadores, diñeiro negro, estafa e perdón son palabras que combinan mal na boca dun ministro de Facenda. Montoro sostén que a amnistía fiscal aprobada polo Goberno é unha forma de animar "o afloramento de bases impoñibles". Tamén lle gusta chamalo incentivos á tributación de rendas non declaradas.

Rajoy, nun acto do ministerio de Defensa © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.