"No BNG e en Compromiso vai haber moita xente disposta a confluír con AGE"

Beiras, nun mitin de AGE © AGE

A Libraría Couceiro de Compostela acolle o vindeiro mércores a presenteción de AGE, a emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, o terceiro título da colección Xornalistas de 2.0 Editora. Chega da man dos periodistas Daniel Salgado e Manuel Darriba e xurdiu "da curiosidade por profundar nun proceso moi sorprendente na política galega e nun éxito co que ninguén contaba". Darriba explica aquí as claves dunha obra que inclúe entrevistas a catro dos principais líderes da coalición que se converteu na terceira forza parlamentaria de Galicia.

Por que este libro?

Tiñamos esa curiosidade en AGE, porque mudou o Parlamento e foi a expresión dunhas determinadas expectativas sociais que foron cristalizando. Digamos que foi algo histórico, polo menos na política galega, e un punto de inflexión. O formato libro dábanos un campo de xogo máis amplo do que tes nos medios para investigar e aprofundar en todo o proceso desta irrupción.

"AGE foi a expresión dunhas determinadas expectativas sociais que foron cristalizando"

A investigación achega sorpresas ou datos sobre AGE que non se soubesen?

A intención desde o principio foi alumear todo o proceso da aparición de AGE e non descubrir algo sorprendente, senón profundar no tema. Componse dun texto introdutorio e de catro entrevistas a catro líderes da coalición. Os políticos sempre saben medirse e non adoitan saírse do guión, polo que sabiamos que cun pouco máis de calma podían xurdir detalles que axudasen a facer un relato máis completo da historia. Non creo que descubríramos nada novo, pero si que se contan cousas que non se contaron.

Foi precisamente a falta dun guión ou a espontaneidade unha das claves na exitosa irrupción de AGE?

Foi espontáneo ata certo punto. Desde que se constitue a coalición ata que se celebran as eleccións pasaron só unhas semanas e as negociacións entre as dúas patas principais da forza política (Anova e Esquerda Unida) foron moi rápidas, pero antes de chegar a ese punto xa pasaran moitas cousas. Houbo un proceso asembleario de meses para a constitución de Anova, por exemplo, a onde se agregaron máis grupos a parte de Encontro Irmandiño. Era un magma político que xa estaba actuando en diversos puntos. Ademais, había un caldo de cultivo que axudou.

"Alternativa conectou con votantes decepcionados co PSOE e co BNG, con xente que votaba partidos minoritarios ou abstencionistas"

Cal diría que foron as claves do éxito da coalición nos comicios autonómicos?

Este libro ten máis de crónica de urxencia, non é un ensaio nin historia, pero si creo que podo dicir que axudou moito que unha parte do electorado de esquerda co que conectou estaba decepcionado do PSOE, ou do BNG, votaba a forzas moi minoritarias ou non votaba. Todos os seus apoios teñen en común unha certa sensiblidade de esquerda e conforman un amplo espectro, desde a esquerda máis radical ata a xente máis próxima á socialdemocracia. No que si coinciden os seus votantes é na oposición aos recortes sociais e aos retrocesos nos dereitos, ademais de apostar pola rexeneración política.

Esa reclamación da rexeneración política non acontece só en Galicia...

Non. É algo que está a pasar en moitos outros lugares, tamén dentro do Estado español. Desde o 15M ata acó está reaparecendo o activismo na sociedade de moitas formas: a xente participa en reivindicacións políticas e en manifestacións, protesta contra os recortes sociais e implícase. AGE soubo entroncar tanto na súa constitución heteroxénea como no seu discurso con esta sensibilidade social. Máis importante que que AGE poida subsistir ou non é que supón un expoñente dunha determinada sensibilidade política en Galicia.

"O tema identitario non foi importante no discurso electoral de AGE e aos seus votantes non lles importou"

A unión dunha forza nacionalista con outra estatal acabou por ser positivo para a coalición ou non?

Ese tema está moi tratado no libro porque creou moita polémica, sobre todo por parte do nacionalismo hexemónico, onde agora se di que hai que ir á unidade co nacionalismo, pero que non debe confundirse coa esquerda española. O que estivo claro é que no discurso electoral de AGE primou o compoñente social antes que o nacional ou identitario. O que tamén é certo é que hai un acordo de mínimos e a parte nacionalista da coalición introduciu nas bases programáticas que o pobo galego debía ser o suxeito de decisión, algo que é irrenunciable. No entanto, no discurso electoral a temática foi pouco por ese lado e semella que aos votantes non lles importou.

Pódese cuantificar que parte de apoios da coalición é nacionalista e cal non?

Pódense cuantificar os deputados. Cinco son de Anova e catro de Esquerda Unida, pero iso non permite facer extrapolación porque a lista era única. En Anova tamén hai diferentes sensibilidades, do autonomismo ao independentismo, ao igual que había e seguirá habéndoas no BNG. Supoño que hai xente moi interesada en facer esta división, incluso dentro de AGE, porque tampouco é unha mestura estable en termos de química. Só o tempo dirá como vai evolucionando.

"Beiras por si mesmo non conseguiu nove deputados, pero non pasou desapercibido; o seu carisma é indubidable"

Canto de importancia lle atribúe a Xosé Manuel Beiras no éxito da coalición?

Eu entendo que si que foi importante polo que observei na campaña. O seu carisma é indubidable, pero ata que punto foi decisivo? Beiras por si mesmo non conseguiu nove deputados, pero é evidente que non pasou desapercibido, nin moito menos. Desde o punto de vista da súa figura, tamén foi un proceso moi interesante.

Por que?

Porque está finalizando o seu ciclo político. É un home maior e unha das cousas máis interesantes da conversa con el e como reflexiona sobre o final do seu ciclo político e como el quere contribuír ao nacemento dun novo. Beiras interpreta que é o final de todo un ciclo e el e AGE teñen que contribuír a que así sexa.

"No BNG e en Compromiso vai haber moita xente disposta a confluír con AGE"

Cre que será posible que esta coalición se converta nunha fronte ampla na que se inclúa incluso o BNG?

Non o sei. A vontade que expresan os de AGE é a de ampliar a fronte. O que se le no documento que estivo discutindo a UPG nos últimos días é que eles apelan ao nacionalismo e nese caso as posturas non coinciden. Creo que tanto no BNG como en Compromiso por Galicia seguramente vai haber moita xente disposta a confluír con AGE, pero isto verase nos vindeiros meses. A vontade explícita de que iso ocorra por parte de membros de AGE vese claramente no libro.

E que futuro lle ve a Alternativa Galega de Esquerda?

No libro intentamos saber que van facer. Eles expresan o que queren facer como grupo parlamentario: unha oposición moi forte e tratar de achegarse á cidadanía. Expresan a vontade de salvar ese abismo entre os cidadáns e a política. Como fronte, queren seguir ampliándose, pero hai que ter en conta que  hai varios partidos e que Anova tamén quere seguir ampliándose polo seu lado. Só o tempo dirá.

Cre que se presentarán en coalición ás eleccións municipais?

Non teño nin idea. Hai líderes que apostan por iso e outros que non o ven tan claro.

 

'AGE, a emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda' © 2.0 Editora
Manuel Darriba Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.