"Non é comprensible que o Parlamento estea illado dos seus veciños polas forzas da orde"

Juan Fajardo, no centro © J.Montero

O vilagarcián Juan Fajardo encabezou a lista de AGE na provincia de Pontevedra. É informático e foi voceiro de Esquerda Unida no Concello arousán. Salienta que "foi necesario o impulso do 15M para que certas cuestións fosen primordiais no debate político"

Como están sendo os primeiros días no Parlamento?

Raros, difíciles, complexos, non é comprensible que o Parlamento dos galegos permaneza, en días de pleno, cercado e illado dos seus veciños polas forzas da orde. Se o goberno lexislase e gobernase para a maioría non sería necesario que se ocultase tras as forzas e corpos de seguridade. Ademais estou a observar demasiados anacronismos no Parlamento, así como actitudes pouco… como dicilo… de xente do común  entre os demais parlamentarios... Un exemplo, hai parlamentarios socialdemócratas que esperan a que un uxier lles retire a cadeira para tomar asento nas comisións.

"Non é comprensible que o Parlamento dos galegos permaneza, en días de pleno, cercado e illado dos seus veciños polas forzas da orde"

Xa te sentes como un deputado á marxe das dificultades para contar cun despacho?

Nunca me sentirei coma un deputado, eu son e serei un cidadán que fai política. No momento que perda esa perspectiva espero que outro cidadán me de unha patada no cu para que esperte, non quero converterme en algún deputado que teño visto estes días. Existe algún tipo de posesión no Parlamento que fai que as persoas crean na necesidade de transformarse noutra cousa cando entran a formar parte del, fronte a iso, está o exorcismo democrático de airear o Parlamento e mudar certas dinámicas preocupantes dos nosos parlamentarios: Un exemplo, por que os teléfonos non teñen tope de gasto?

"Cómpre airear o Parlamento e mudar certas dinámicas preocupantes dos nosos parlamentarios: Un exemplo, por que os teléfonos non teñen tope de gasto?"

Como están sendo e serán as relacións con BNG e PSOE?

Que relacións? É que existen? Polo de agora están tratando de ningunear a nosa formación porque cuestiona a súa inútil e inexistente oposición anterior, pero nós sabemos quen é o inimigo: o PP e as políticas de dereitas, polo tanto deberemos entendernos en moitas cuestións, pero a min particularmente preocúpame que cando o PSOE ten que tomar unha decisión de Estado acabe firmando o que decide a puñetera Troika, un exemplo: a modificación da constitución, ou o parche pactado co PP no tema dos desafiuzamento, sen esquecer que teñan deixado fora da mesa a nosa organización…  Podería dicirse sobre o PSOE e a esquerda aquelo de: “sempre me dis que me queres pero acabas deitándote con outra ou outro”.

"Estamos ante unha situación de excepción e eu estou farto de facer política á defensiva, para ver que recortes paramos"

Como debe ser o traballo parlamentario nunha cámara na que o PP aplica a súa maioría como un rodillo?

Nós temos que articular propostas para cambiar as cousas, pero sobre todo traballar para trocar este sistema caduco que pretende acabar con todo para que catro sigan amasando fortunas. É necesaria unha rebelión cívica contra esta fraude democrática,… ou damos un paso adiante ou non poderemos mirar á cara ás xeracións futuras, por deixarnos arrebatar os poucos e cativos dereitos que tiñamos. Estamos ante unha situación de excepción e eu estou farto de facer política á defensiva, para ver que recortes paramos. Os recortes non se negocian, combátense, e eu particularmente quero pelexar por unha nova sociedade máis xusta e democrática. Se hai anos pensaba que a sociedade era absolutamente insolidaria e pouco preocupada polos que menos teñen, imaxínate agora! Eu quero loitar por unha democracia de verdade e un reparto da riqueza xusto, non podemos permitir que un de cada catro galegos estea en situación de pobreza... En definitiva, traballamos para unha maioría social que determine e conclúa cunha creba democrática cara un novo modelo.

"Traballamos para unha maioría social que determine e conclúa cunha creba democrática cara un novo modelo"

Cales son os primeiros asuntos nos que te estás centrando?

Estou a patear o país no obxectivo de articular unha forza de resposta dos traballadores e traballadoras contra as políticas de saqueo do PP, pero no concreto, estou preparando iniciativas sobre plans de emprego, estratexia Galega de Acuicultura, defensa dos postos de traballo, o Hospital comarcal do Salnés ou Barbanza, a eliminación das peaxes das Autoestradas Galegas, nomeadamente a A59... Hoxe mesmo teño unha xuntanza con veciños afectados por obras da Xunta e do Estado, que son menosprezados pola administración.

"Pregúntome como é posible que xente que coincidimos na maioría do análise político e na necesidade de superar o modelo de explotación actual, non teñamos confluído con moita antelación"

Moita xente dubidaba nun comezo da viabilidade de AGE. Como son as relacións con Anova e os outros grupos?

Excelentes. Eu pregúntome como é posible que xente que coincidimos na maioría do análise político e na necesidade de superar o modelo de explotación actual, non teñamos confluído con moita antelación. Ademais o resto de compañeiros do grupo forman un equipo humano e de traballo excepcional, onde esta presente o país de verdade: Desempregados, investigadores, agricultores, traballadores da sanidade, xente do común que non vexo cando xiro a cabeza nos plenos do Parlamento.

"AGE debe seguir crecendo, pero temos que dotala dunha entidade propia sen perder a nosa raíz"

AGE é unha nova forma de facer política? A nivel interno que pasos ten que dar AGE para consolidarse como esa Syriza galega?

Si, AGE ten un reto importante, incluso diría que histórico, que pode ser un exemplo para loitar contra os especuladores e manipuladores económicos no resto de Europa. AGE debe seguir crecendo, pero temos que dotala dunha entidade propia sen perder a nosa raíz. Eu son do PCG e seguirei sendo do PCG, pero temos que dotar  a AGE dun corpo propio mais aló da coalición que é a día de hoxe, xa que é unha esperanza para moita xente, que cree chegado o momento da loita decidida contra os palanganeros do sistema que pretende acabar con todo e traizoar os seus cidadáns para garantir o beneficio dos poderes económicos. Temos que darlle unha labazada democrática aos lacaios do poder económico que gobernan o país. En definitiva temos que derrotar estas políticas, que, coma o tabaco, matan.

Como se leva á práctica ese obxectivo que Beiras e Yolanda Diaz puxeron sobre a mesa: AGE como correa de transmisión dos movementos sociais?

Galicia, con diferencia do que se di, é unha sociedade activa, comprometida e con propostas, polo que ese traballo é doado, simplemente escoitando e tomando nota das iniciativas da sociedade organizada en todos os ámbitos da política, é posible trasladar esas iniciativas o debate parlamentar. Pero logo está a convulsión e conflito constante que vive o país, diariamente visitamos unha ou dúas empresas, con traballadores en problemas, ou de peches, ou despidos, ou de retroceso das condicións laborais, e o noso traballo é que eses procesos de loita conflúan nun proceso de reivindicación conxunta contra as políticas que os provocan, que non son outras que as políticas da Unión Europea, que Feijoo aplica como alumno avantaxado, aínda que iso se transforme en sufrimento e fame para os galegos e galegas.

"O noso traballo é que os procesos de loita conflúan nun proceso de reivindicación conxunta contra as políticas que os provocan"

Con 6 millóns de parados en España. Como é que isto aínda non estoupou?

Por numerosos factores, o colchón familiar, o agro e o mar para autoconsumo, a economía sumerxida... os galegos non estamos a vivir, estamos a sobrevivir, pero se non trocan as políticas que abafan a xente do común, chegará un momento en que estalle, e posiblemente de forma violenta, polo que é necesario un cambio de políticas xa... para evitar que o proceso de cambio sexa violento e incluso sanguinario. E a esquerda nisto temos un papel fundamental, xa que se non somos quen de trasladar as demandas da cidadanía á acción política concreta e de goberno, é probable que este movemento de indignación acabe capitaneado por algún movemento populista de carácter autoritario, e logo si que esta sociedade terá dous problemas, o económico e social, e o da violencia contra os semellantes.

"O 15M transformou este país: levaron ao debate político cuestións que estaban na axenda de grupos como o noso, pero que foi necesario o impulso do 15M para que fosen primordiais no debate político"

Como se pode vencer esa sensación de que o voto non serve para nada e de que todas as decisións se toman en lugares moi afastados e non democráticos?

Participando de forma activa na política, organizándose e sobre todo esixindo a execución dos compromisos das diferentes forzas políticas nos procesos electorais, o voto é importante pero non é o único xeito de intervención. Para min o 15M transformou este país: levaron ao debate político cuestións que  estaban na axenda de grupos como o noso, pero que foi necesario o impulso do 15M para que fosen primordiais no debate político nacional... pero a acción política debe ser dobre, como voto para decidir as institucións que lexislan, evitando que lexislen en contra da maioría social como agora, e traballar na rúa para introducir debates importantes, como ten acontecido co tema do desafiuzamentos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.