"Non haberá igualdade mentres ocupemos titulares por ter postos de responsabilidade"

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez © Lara Méndez

Na entrevista alternativa buscamos as fobias e filias (non só políticas) das e dos alcaldes galegos. Quince preguntas rápidas desvelarán as súas preferencias. Lara Méndez naceu en Suíza no 1972. É Enxeñeira Técnica Agrícola e comezou a súa andaina en política no 2000 como secretaria das Xuventudes Socialistas de Cervo. Rematou na alcaldía ao forzar LugoNovo a saída do anterior alcalde, José López Orozco.

O mellor almorzo leva…

Unha taza de café recén feito e boa compañía

Nunca saes da casa sen…

Sen darlle un bico á miña filla.

O primeiro que pensaches ao entrar no despacho logo da investidura foi…

Moita responsabilidade e moitas ganas de traballar polos lucenses.

Madrugadora como o cuco ou ave nocturna como a curuxa?

Madrugadora, case tanto como o sol.

Que libro lle regalarías a Soraya Sáez de Santamaría?

El Capital en el siglo XXI, de Thomas Piketty, para demostrarlle que existe outrapolítica económica.

E a Albert Rivera?

O Contrato Social, de Rousseau, para darlle contido aos seus coñecementos en márketing.

Touriño ou Besteiro?

Besteiro, por demostrar que existe outra maneira de facer política e Touriño, polo que traballou polo noso país.

Vestido ou pantalón?

Vaqueiros.

Maquillaxe ou cara lavada?

Maquillaxe, pero moi tenue.

De 0 a 10, canta concienciación falta para que as mulleres participen máis en política?

Un 8. Aínda nos custa moito máis chegar aos postos de maior responsabilidade, aínda que co tempo os vaiamos acadando. A igualdade real non será efectiva mentres sigamos ocupando titulares por detentar postos de responsabilidade.

A Mariña ou o interior de Lugo?

Toda a provincia de Lugo, de norte a sur e de leste a oeste. Dende A Mariña á Ribeira Sacra, pasando polos encantos da Ulloa, A Chaira, a neve do Cebreiro e polo patrimonio romano de Lugo, a Muralla, o encanto do casco vello, o Miño... Lugo é terra de contrastes.

A túa frase favorita é…

Non podemos pensar que temos razón polo feito de tela tido.

Chocolate branco ou negro?

Sinxelamente, chocolate.

Agora mesmo no teu coche soa o disco de…

Silvio Rodríguez e Treixadura, que, por certo, vén este ano ao San Froilán.

A túa cor favorita é o vermello?

Si. Achégame optimismo para enfrontarme ao día a día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.