"Non van contra a inmersión lingüística, van contra a democracia e a pluralidade"

Josep Bargalló, ex conseller da Generalitat CC-BY-NC-ND Albert Salamé (ACN)

Josep Bargalló i Valls (1958) é filólogo, profesor, crítico literario e escritor. Militante de ERC, foi conseller de Educación e conseller en cap no Goberno catalán, director do Institut Ramon Llull e exerce na actualidade como docente do Institut de Ciències de l'Educació da Universitat Rovira i Virgili. Participa este mércores en Vigo na mesa redonda As linguas no debate soberanista: Galego e catalán, linguas con/sen Estado, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Agora, e polo momento sen estado propio, como cualificaría a situación do catalán logo das últimas sentenzas contrarias á inmersión?

Todo depende desde o prima co que se mire. A situación do catalán, desde o punto de vista da educación ou do uso 2.0, é a dunha lingua case normalizada. No entanto, no ámbito da Xustiza ou da Administración do Estado, é un idioma case marxinado. Nesta vaivén que nos movemos, é moi importante o consenso social existente nas últimas décadas arredor da situación do catalán na educación. O que sucedeu nos últimos tempos é que, desde un grupo minoritario político e social e desde algúns xuíces que pertencen a grupos ideolóxicos parellos a estes, preténdese cambiar con sentenzas xudiciais os acordos sociais e as lexislacións administrativas e políticas. No entanto, hai unha gran maioría en Cataluña que entende que un grande acordo social non o pode cambiar unha sentenza xudicial.

"A situación do catalán na educación é case normalizada, pero na Xustiza ou na Administración do Estado é case marxinada"

Por que cre que a inmersión lingüística é tan rexeitada en moitas partes do Estado?

Porque os medios de comunicación maioritarios no Estado son os maioritarios en Madrid e son contrarios á concepción da pluralidade. Só entenden o Estado dunha maneira, cunha patria e cunha lingua. Para eles, a inmersión é a mellor maneira de demostrar que hai unha parte do Estado que non está por esa convención monocultural, monolingüe e monopatriótica. Teñen a inmersión no seu punto de mira e é o seu casu belli, pero non contra a inmersión, senón contra a democracia, a liberdade e a pluralidade.

Como se ve desde Cataluña a situación da lingua galega?

A visión maioritaria desde Cataluña da realidade galega é tamen a que se ten desde os medios de comunicación de Madrid e somos conscientes de que é, cando menos, sesgada. Por exemplo, hai unha cousa que nos entusiasma da realidade lingüística galega que se cadra os galegos non valoran. Vostedes poden facer declaracións en galego nas televisións de Madrid e emítenas, pero as nosas non. Igual iso supón que en Madrid entenden que o galego é unha variedade dialectal, pero a realidade é así. O que sabemos é que as nacións sen estado con lingua propia teñen realidades moi diferentes, pero únenos a existencia dun Goberno que, tendo ao ministro Wert como ariete, quere frear os procesos de normalización e quere tamén aumentar a preponderancia dunha lingua A do Estado ante unhas linguas B que só lle serven como algo folclórico. En Cataluña non o imos consentir e non o imos consentir porque hai unha posición social maioritaria.

"A visión desde Cataluña da realidade galega é sesgada porque é a que nos dan os medios de Madrid"

Non  hai conflito lingüístico en Cataluña?

Non o hai. Foron dezasete as familias que recorreron a inmersión lingüística. Respecto profundamente a súa decisión, pero non imos cambiar a sociedade por dezasete familias.

Como experto, recomendaría a inmersión lingüística para outros territorios con linguas minorizadas?

Os procesos de inmersión, como o catalán ou o de Québec, tenden a asegurar que todos os cidadáns dun territorio poidan coñecer, expresarse, relacionarse e traballar nas dúas linguas oficiais. Ademais, priman que no ámbito escolar sexa protexida a lingua socialmente menos favorecida porque o equilibrio escola-sociedade dá lugar a uns cidadáns bilingües. Os resultados das probas curriculares de lingua española en Cataluña dan unha nota superior á media do Estado, polo que, a pesar da inmersión, resulta que os nosos alumnos dominan a lingua castelá cunha cualificación superior á media.

"Nunha Cataluña independente o catalán estaría en mellor situación oficial, aínda que o seu uso social non variaría moito nun principio"

O catalán estaría en mellor posición se Cataluña fose un estado independente?

O catalán estaría en mellor situación oficial porque sería unha lingua oficial nas institucións europeas, sería a lingua maioritaria na Xustiza... O uso social non variaría, pero o uso oficial si, aínda que todos sabemos que unha variación no uso oficial acaba derivando nunha variación no uso social.

Veremos unha Cataluña independente a medio prazo?

Agora estamos nas mellores condicións obxectivas de alcanzar unha independencia como país desde 1714. Que esteamos nestas mellores condicións e teñamos o maior apoio popular a esta proposta xa é un gran paso adiante. Quero pensar que a curto prazo -un, dous ou tres anos- ou hai unha consulta sobre a independencia ou haberá unhas eleccións plebiscitarias. Logo, como somos demócratas, gañará a opción que desexe a maioría da poboación. Será complicado porque o que quere a maioría da poboación ten que ver con moitas realidades, desde a crise económica que xoga a favor, ata as intervencións das estruturas do Estado que xogan en contra. Son moi optimista en todas as cousas e quero crer que se a poboación catalá pode expresarse libremente, apoiará o proceso de soberanía. De todos os xeitos, o que si creo que conseguiremos é que o pobo catalán se poida expresar e ese será un primeiro paso e unha primeira vitoria.

"Quero crer que a maioría de cataláns apoiaría a independencia, pero somos demócratas e aceptaremos o que diga o pobo"

Podemos falar de fin de ciclo político no Estado español como aseguran moitas voces?

A chamada Transición tivo moitos elementos falsos, enganos e alicerces con aluminose. Contruíuse unha realidade político-institucional un pouco superestrutural e fantasiosa e chegou un momento no que non se aguanta. A chamada Transición acabouse e hai que dar pasos adiante en moitos camiños: na estrutura do Estado, na territorialidade, pero tamén no que se entende por democracia e separación de poderes. A España do posfranquismo xa non serve no século XXI, aínda que todos nos decataramos uns trece anos tarde. Non serve nin como unidade de mercado, nin como estrutura institucional, nin como unidade política.

"Se agora non hai división social en Cataluña, por que a tería que haber se fose independente?"

Hai risco de división social no caso de que Cataluña se declare independente?

Non sei por que ter a independencia tería que derivar en división social e non tela non. Se os que apostamos pola independencia non apoiamos nin provocamos esa división social cando non a temos, non debería habela tampouco se Cataluña fose independente. Se somos demócratas, hai que aceptar o que diga o pobo. Se outros non son demócratas, pois non serán demócratas.

 

 

Josep Bargalló, ex conseller da Generalitat CC-BY-NC-ND Albert Salamé (ACN)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.