Noriega: "A fronte ampla contra a dereita é máis necesaria ca nunca e o BNG ten lugar nesa coalición"

Martiño Noriega, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Concello de Teo

Martiño Noriega, alcalde de Teo e responsable de acción institucional de Anova, foi entrevistado esta mañá no Galicia por Diante da Radio Galega. Noriega defendeu a "cultura de coalición" e apostou porque o BNG tamén se incorpore a esa "fronte ampla" como resposta ás agresións do neoliberalismo: "a defensa desa maioria social agredida haina que facer entre moitisimas sensibilidades e asumir que ninguén está en posesión da verdade absoluta”.

"A defensa desa maioria social agredida haina que facer entre moitisimas sensibilidades e asumir que ninguén está en posesión da verdade absoluta”

O voceiro do Encontro Irmandiño afirmou que “a situación de excepcionalidade, de agresión aos nosos dereitos sociolaborais e identitarios e a perda progresiva de todo o que os nosos pais e avós conquistaron xustifica máis ca nunca a concentración parcelaria das forzas no campo da esquerda e no campo identitario”. Noriega cre que nese espazo compartido deben estar a esquerda federal, o nacionalismo e o soberanismo: “non hai división se se parte do respecto á capacidade de decidir do pobo galego. Creo que tanto a esquerda federal coma o nacionalismo estamos nesas. Se partimos dese mínimo no resto das cousas podemos poñernos de acordo” e engadiu que “a base social de CxG debe estar nese proceso”. Concluiu que “non podemos andar excluíndo parellas de baile" e chamou a  non facer "apartheids previos". Para Noriega este acordo ten que chegar tamén a nivel de Estado entre as esquerdas e as forzas soberanistas: “O que está en xogo é se neste proceso constituínte a esquerda real marca o ritmo”.

“O que está en xogo é se neste proceso constituínte a esquerda real marca o ritmo”

Neste senso explicou o éxito de AGE en que “ a coalición formouse en resposta a esa chamada”. Para Noriega “a coalición tivo un efecto positivo: o feito de xerar un novo espazo de representación, o feito de mostrar que a esquerda soberanista e a esquerda federal tiñan moito en común e que era máis o que as unía que o que as separaba. O feito de traspasar esa liña que para boa parte da cidadanía non tiña ningunha funcionalidade e que estaba agardando que alguén a traspasase”.

"A sensación que tiñamos cando demos o paso de xerar un novo espazo de representación coa coalición deixando ao lado posicións partidistas, foi a de ir navegar a mar aberto"

Explicou tamén que “o que fixemos fixémolo porque pensamos que cumpría facelo, porque considerabamos que había unha maioría social orfa de referentes políticos, que non existía unha ferramenta política que realmente fose útil para esa maioría social agredida. A sensación que tiñamos cando demos o paso de xerar un novo espazo de representación coa coalición deixando ao lado posicións partidistas, foi a de ir navegar a mar aberto. Despois houbo un retorno da xente, que soubo ler iso, que soubo ver que alí había moitos homes e mulleres que se estaban xogando o tipo porque entendían que había que apostar por outro modo de facer política”.

Noriega explicou a súa decisión de abandonar o BNG na “sensación de maltrato por culpa de moitas persoas" e "na falta de respecto ás posicións diverxentes". Tamén se referiu á case segura escolla de Xavier Vence como voceiro nacional do Bloque. Desexoulle "sorte" e dixo del que é "unha persoa que estimo intelectualmente" e da que non ten "dúbida da súa honestidade e da súa aposta por un común denominador e do seu respecto ás posicións diverxentes”.

"Nestes violentos anos dez non poden existir equidistancias. Nestes momentos de emerxencia hai que escoller. Mesmo a moitos socialdemócratas que actúan de boa fe non se lles permite actuar dentro do sistema"

Tamén se referiu ao PSOE, do que dixo que “creo que ten unha posición máis socioliberal que socialdemócrata”. E engadiu: "nestes violentos anos dez non poden existir equidistancias. Nestes momentos de emerxencia hai que escoller. Mesmo a moitos socialdemócratas que actúan de boa fe non se lles permite actuar dentro do sistema. Un non adopta posicións combativas por vocación senón porque non che deixan outra opción. Estannos dicindo que dende dentro do sistema non se pode mudar absolutamente nada”.

Finalmente, en canto ao proceso de constitucion de Anova afirmou que “máis que nunha cuestión de persoas, estamos nun traballo de afortalar un proxecto que acaba de nacer. As organizacións teñen que ser operativas, pero teñen que selo de abaixo a arriba e non de arriba a abaixo. Son momentos dunha nova cultura política e de liderados compartidos. Se esta organización non traballa con esta nova cultura política eu non vou estar”.

Martiño Noriega, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Concello de Teo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.