Noriega e Ferreiro reivindican a "rebeldía" e a irmandade das "cidades polo ben común"

Alcaldes e concelleiros das 'Cidades polo Ben Común', en Barcelona © Marea Atlántica

O run-run que fixo famoso Ada Colau en campaña converteuse este venres nunha banda sonora multilingüe e multicultural. Un balbordo que cargou con forza contra o bipartidismo e que se comprometeu coa "revolución democrática" xurdida o 24-M. Perto de 2.000 persoas viron como na tarde, no medio dunha crise humanitaria sanguenta, agromaba unha rede de cidades irmandadas "pola rebeldía e a solidariedade". Alto, claro, en catalán, en galego, en vasco e en castelán de múltiples acentos, escribiuse o primeiro de moitos capítulos duns municipios que, máis aló de se converter en refuxio, esperan ser a panca dun cambio "que só acaba de empezar".

Os alcaldes comprometéronse coa "revolución democrática" que "só acaba de empezar"

Alí estiveron os alcaldes da Coruña e Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, xunto os de Madrid, Iruña, Cádiz, Zaragoza e Badalona. Todos eles representantes de candidaturas de unidade popular triunfantes nas últimas municipais e convidados por Barcelona, cuxa alcaldesa, Ada Colau, asinou o seu mitin máis enérxico desde que é rexedora: "Refuxiados e refuxiadas: sede benvidas!". Unha luva que recolleron o resto de alcaldes. Colau, coa voz rota e con bágoas nos ollos, leu cartas de cidadáns barceloneses que se dirixiron ao Concello para ofrecer a súa casa de forma voluntaria para acoller refuxiados. Despois de recitar as misivas de solidariedade da cidadanía, a alcaldesa preguntouse como era posible que, se o facían elas, non o puidese facer o Estado. E berro: "Vergoña!", entre cantos de "Si que se pode, si se pode".

Desde Galicia, Martiño Noriega, que fixo parte da súa intervención integramente en catalán ademais de en galego e en castelán, contrapuxo a "competitividade dalgúns" por diante da "fraternidade dos demais". "Somos a esperanza de millóns de cidadáns do sur de Europa que están a ser brutalmente agredidos", explicou, antes de chamar a formar, tamén, unha rede de "cidades rebeldes". "Vam fer el primer pas d'un canvi que ha de ser més profund, més radical, totalment transformador", insistiu o rexedor compostelán na lingua da maioría dos alí presentes, nun ateigado auditorio no que destacou "o importante que é chegar a un barrio e que che digan que é a primeira vez que lles falan á cara, con franqueza e sen facer promesas" e que reivindicou a importancia de que a xente "volva sorrir" e o labor dos galegos emigrados en Cataluña. 

"Somos a esperanza de millóns de cidadáns do sur de Europa que están a ser brutalmente agredidos", dixo Noriega

O seu homólogo na alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, engadiu que non cederán "a ningunha presión" e que seguirán sendo fieis a eles mesmos. Ademais, reivindicou a "inxenuidade" á hora de gobernar, así como unha necesaria unión das urbes gobernadas por candidaturas populars para así axudarse mutuamente a "sortear obstáculos" que chegan "desde un Ministerio de Madrid". "Somos inexpertos e aínda pisamos algunha trampa. Non pasa nada, ao contrario oxalá conservemos esta inxenuidade ata o último día" insistiu tras lembrar a morea de veces que se emocionara desde que accedera á alcaldía.

Así, recordou a retirada ás subvencións taurinas ou a súa negativa a acudir a actos relixiosos como rexedor. Foi moi aplaudido para logo lembrar que no vindeiro pleno inaugurarase na Coruña a quenda de palabra para que os veciños interveñan no pleno. "Estamos orgullosos de ser rebeldes", engadiu quen advertiu que "a única razón" do seu facer é "a xente". 

"Somos marea de cambio, pero aínda nos queda moito para a preamar", advertiu o alcalde da Coruña

"Somos marea de cambio, pero aínda nos queda moito para a preamar. Temos entre mans a construción dunha rede de cidades participativas e participadas. Cidades capaces de gobernarse a si mesmas con transparencia. Cidades dignas de ser vividas, sen exclusións nin fendas de desigualdade que unha vez pareceron insalvables. Cidades refuxio, como aquelas do outro lado do Atlántico que acolleron aos nosos avós cando a barbarie os privou de pan e de futuro", engadiu Ferreiro.

"Oxalá conservemos esta inxenuidade ata o último día", dixo Ferreiro, que pediu colaboración entre os alcaldes para "sortear obstáculos"

 

O dereito a decidir e o 27S

Pola súa banda, a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, animou os concellos de todo o Estado a colgar unha bandeira das casas consistoriais como sinal de cidades de acollida. "Barcelona, con Ada Colau á cabeza, deunos o exemplo ao declararse como unha cidade de acollida internacional, e seguímola". A representante de Madrid explicou que a precedían 25 anos de gobernos de dereitas "nos que se desprezou a administración e deuse a falsa idea de que a única eficacia radica na propiedade privada". "É falso! O máis bonito que hai para traballar é polo público".

A alcaldesa da capital do Estado explicou que sentía moi emocionada de estar en Barcelona, a cidade que a acolleu de moza, en plena loita contra o franquismo. "Aprendemos a amar a cidade, os barceloneses e os cataláns, e sígoo facendo". Carmena puxo en valor algunha das obras do seu goberno, como o paro dos desafiuzamentos que oficiara a súa predecesora, Esperanza Aguirre, e insistiu en que a súa cidade quere ser "a do abrazo" con Catalunya.

Ademais, o alcalde de Zaragoza, Pedro Santiesteve, cargou contra o bipartidismo e os seus "decretos-lei anticonstitucionais" e defendeu o 15-M como a escola que lles permitiu chegar ás institucións. "Atopámonos uns concellos envellecidos, con funcionarios desmotivados, con clientelismos moi arraigados". Santiesteve insistiu en acabar cos privilexios dunha caste política que deixou minado o territorio" e puxo algúns exemplos da súa intervención política, como a eliminación dos coches oficiais e a baixada de soldos.

A rexedora de Badalona pediu o compromiso da cidadanía co dereito de autodeterminación dos pobos

Badalona, terceira cidade máis importante de Cataluña en poboación, tamén tivo un peso importante no cumio. Dolors Sabater puxo en valor "o mediterráneo como berce de culturas" e lamentou o drama dos refuxiados ante "a falta de resposta de Europa". "Hoxe o noso mar ensínanos a parte máis crúa da quebra do mundo económico-político", dixo. Sobre a crise humanitaria, Sabater insistiu que "unha vez máis é o pobo quen toma a iniciativa, quen manda e quen debe dirixir os cambios". A alcaldesa de Guanyem Badalona en Comú, que tivo unhas palabras de recordo, moi aplaudidas, "para o xenófobo" Xavier García-Albiol, pediu tamén o compromiso da cidadanía no dereito á autodeterminación dos pobos, que foi igualmente aplaudido polos asistentes e polo resto de alcaldes.

Desde Andalucía, o alcalde de Cádiz, José María González, lembrou que os gaditanos conseguiron a vitoria tras 20 anos de gobernos do PP, que pasaron factura, segundo sinalou: "42% de paro ou 275 millóns de débeda", dixo. "Nas políticas failles falta sur, porque perderon o norte", dixo o coñecido popularmente como Kichi, que recolleu a luva de adherirse á rede de cidades refuxio. "Temos dereito a traballar sen que iso sexa sinónimo de escravitude", selou un dos alcaldes máis aclamados da tarde, cun constante ton poético.

Desde Iruña, Joseba Asiron, falou en nome dos "euskaldunes minorizados" durante anos na capital navarra. O alcalde de EH Bildu referiuse explicitamente ao 27S como un horizonte ilusionante para os cataláns e asegurou que "a liberdade de Catalunya é a liberdade de Euskal Herria e a liberdade de todos os pobos".

Joseba Asiron (Iruña) ve no 27S un horizonte ilusionante "para a liberdade de Catalunya, de Euskal Herria e de todos os pobos"

As alcaldesas e alcaldes visitaron Barcelona no marco do primeiro encontro municipalista de cidades que apostan por un cambio nas políticas públicas e que a cidade acolle entre venres e sábado. Tal e como lembraron os diferentes alcaldes invitados, o obxectivo do encontro é liderar un cambio de políticas para mellorar a calidade de vida da cidadanía e combater a pobreza e as desigualdades, "apostando por unha administración máis transparente e con participación cidadá e por un modelo economicamente, social e ambiental sustentable".

O acto terminou igual que comezou, con Ada Colau parafraseando o cantautor Jaume Sisa, como antes fixera o tenente de alcalde Gerardo Pisarello: "A nosa casa é a vosa casa se é que hai casas de alguén". Pisarello, que oficiou o acto, falou en catalán, en galego, eúscaro, e castelán para recibir aos chamados "alcaldes do cambio", en acto emotivo e cheo de simbolismo que debuxa un novo escenario de relacións entre cidades.

Martiño Noriega e Manuel Carmena, no acto de Barcelona CC-BY-SA Sandra Lázaro
O público, no acto de 'Cidades polo Ben Común' Dominio Público @bcnencomu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.