Noriega: "Estou convencido, imos vencer por unha cuestión de xustiza"

Martiño Noriega na presentación de Compostela Aberta CC-BY-SA Praza Pública

Compostela Aberta presentou ao público a súa candidatura. Foi nunha sesión vermú no seu local da Praza do Toural. O encargado de presentar o acto foi un dos membros do dúo cómico Os da Ría, Carlos Meixide. Meixide afirmou retranqueiramente estar preocupado pola "xestión de parques e xardíns do concello porque Martiño No Riega".

O recordo ao 25 de abril da Revolución dos Cravos foi unha constante en todas as intervencións. Os primeiros en falar, co local social cheo, foron os pechacancelas da lista, a actriz Comba Campoy e o que fora edil con Xerardo Estévez, Víctor Ferreira. Campoy afirmou que era ·"marabilloso" presentar a candidatura cun "cravo na man". Ferreira afirmou que aceptara ir na lista por ser "solidario" con Noriega, cos funcionarios do Concello e pola comunidade educativa. Tamén afirmou que polo "motivo egoísta da mala conciencia" e exhortou ao público a non caer en discursos "derrotistas" pois "non levan a nada".

O recordo ao 25 de abril da Revolución dos Cravos foi unha constante en todas as intervencións

Tras as intervencións do seguinte tramo de lista foi o turno das pandereteiras Fillas Bravas, unha produción da compañía Chévere, que para a ocasión compuxeron unha canción que dicía: No Concello de Santiago/foron todos imputados/colocáronlles o alcalde/e un goberno remendado.

Proxecto 'do pobo e para o pobo'

Logo da actuación retomaron a palabra os sete primeiros candidatos. Todos coincidiron na necesidade de rexenerar a cidade, de loitar contra a corrupción e do liderádego compartido. Tamén expuxeron a necesidade de empoderar á cidadanía e facer do goberno de Santiago un "goberno de todos". O número cinco, Xan Duro, quixo facer unha mención aos seus compañeiros de plataforma que "turraron do proxecto cando ninguén daba un peso por el". Pola súa banda a cuarta na candidatura, Branca Novoneyra, quixo subliñar a importancia de recuperar o "espazo da cultura" para que a "música e as artes volvan aos locais".

"Contra a desmemoria, memoria; contra a indignidade, exercicio republicano da dignidade; contra a privatización do Concello do Partido Popular, goberno de todas e de todos e contra a baixa estima, orgullo de cidade, cidade para os agredidos"

Martiño Noriega foi o último en poñerse diante do micrófono. O candidato a alcalde afirmou que o de Compostela Aberta era un "proxecto participado e colectivo de cambio e transformación". Subliñou que desde a candidatura reivindícano "do pobo e para o pobo". Noriega apelou á brevidade e explicou que o proxecto que encabeza "non vende motos". "Contra a desmemoria, memoria; contra a indignidade, exercicio republicano da dignidade; contra a privatización do Concelo do Partido Popular, goberno de todas e de todos e contra a baixa estima, orgullo de cidade, cidade para os agredidos", enumerou o candidato. "E todo iso cun sorriso e cunha equipa de garantías", engadiu.

"Compostela Aberta é un proxecto participado e colectivo de cambio e transformación"

O candidato afirmou que a candidatura de Compostela Aberta vai "reivindicar a Ánxel Casal e facer un cambio, non de caras, senón de cidade". "Estou convencido, imos vencer e non por unha cuestión futbolística senón de xustiza", concluíu Noriega mentres o público berraba ¡alcalde! ¡alcalde! ¡alcalde!.

Foi un dos integrantes do grupo Ataque Escampe o encargado de poñerlle música ao momento do vermú. E quen tamén quixo pasar a saudar foi Leo Bassi dentro do seu "exorcismo" para "liberar" Santiago do PP.

Comba Campoy e Marta Lois, dúas das candidatas da lista CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.