Nova Escola Galega ve na prohibición dun debate electoral no IES de Foz un "ataque á liberdade de cátedra"

Exterior do IES de Foz © Google Maps

A pasada semana estaba prevista a realización no IES de Foz dun debate electoral, no que ían participar todas as candidaturas municipais da localidade, e que xa tivera lugar antes dos comicios de 2011 e 2015. O evento contaba co apoio da Dirección do centro educativo e estaba concibido como unha actividade formativa para o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. 

NEG critica que "a inspección educativa non pode ser un medio rancio, autoritario e burocrático de control negativo da liberdade de cátedra"

Porén, Inspección Educativa, dependente da Consellería de Educación decidiu suspender o debate, supostamente en resposta ás críticas dalgúns pais e nais que argumentaron que os rapaces e rapazas non teñen aínda a posibilidade de votar. A suspensión xerou críticas entre todas as forzas políticas participantes; algunha, coma o BNG, chegaron a falar de "censura" e entre as restantes listas todas destacaron que non vían problema na realización da actividade.

Agora, Nova Escola Galega (NEG) vén de facer público un comunicado no que denuncia a suspensión do debate e acusa á Consellería de Educación dun "ataque á liberdade de cátedra". A entidade destaca que o vento estaba concibido "como unha iniciativa interna de formación, relacionada coa actividade política e a vida social, económica e cultural que se articula a través das Institucións democráticas da administración local" e que o seu obxectivo era "promover unha educación aberta e problematizadora en relación co seu contexto".

"O alumnado tamén é veciñanza á que hai que formar no senso ético e cívico, o que é hoxe unha responsabilidade formativa que transcende aos centros, pero que tamén os inclúe"

NEG critica que "a inspección educativa non pode ser un medio rancio, autoritario e burocrático de control negativo da liberdade de cátedra" senón que "ten a capacidade para informar e reforzar, neste caso, sobre a correcta actuación do centro a algunhas familias posiblemente mal informadas sobre o conxunto das tarefas educativas e as súas implicacións".

"Somos conscientes da responsabilidade educadora que comporta a liberdade de cátedra en relación cos dereitos da infancia e da adolescencia, a autonomía e a liberdade de conciencia", remata a entidade, que destaca que "o alumnado tamén é veciñanza á que hai que formar no senso ético e cívico, o que é hoxe unha responsabilidade formativa que transcende aos centros, pero que tamén os inclúe".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.