Novos recortes e un paso máis na estratexia recentralizadora do Goberno

Feijóo e Rajoy, na saída da Vuelta en Vilanova de Arousa © Ana Varela

Unha serie de medidas recentralizadoras, que forman parte dunha estratexia contra o autonomía e que teñen na proposta do Goberno central de exixir un novo recorte na capacidade de gasto das comunidades "o último ataque". Así o denuncia o BNG, que vén de lanzar a "voz de alarma" ante o que considera unha campaña estudada do PP para "minguar a capacidade de autogoberno do país" e afondando "nun proceso que conduce a unha Galiza cada vez máis anémica no exercicio das súas competencias".

O novo recorte de gasto imposto ás autonomías sería "o último ataque" dunha estratexia recentralizadora liderada polo PP

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu de que esta última proposta do Executivo central é "o último ataque" que se enmarca dentro dunha estratexia recentralizadora máis ampla na que se inclúen outras medidas como a intención de reducir número de escanos no Parlamento galego, o desleixo da Xunta ante a desaparición do sistema financeiro galego e a venda de Novagalicia Banco a outra entidade ou fondo estranxeiro, a negativa a reclamar un sistema de financiamento propio, os ataques ao galego ou a imposición dunha reforma local que reduce a autonomía local, centraliza as competencias e fortalece entidades "anacrónicas" como as deputacións provinciais.

O Bloque lembra que este novo recorte no gasto das autonomías por unha cifra global de 8.000 millóns de euros no prazo de dous anos "suporá para Galiza un recorte de 400 millóns de euros na súa capacidade de gasto e, polo tanto, na súa capacidade de investimento". "É un novo ataque á capacidade de autogoberno para exercer as nosas competencias e atender as necesidades dos sectores producitos, dos servizos públicos e da cidadanía do país", di Vence.

O BNG entende que as medidas van máis aló de cumprir coa 'troika' e serven para minguar o autogoberno aproveitando a crise

Desde a formación nacionalista enténdese que estas medidas de recorte van máis aló que cumprir coas exixencias da troika, senón que supoñen tamén o aproveitamento da crise para esvaecer o autogoberno e as capacidades de decisión das autonomías, especialmente das nacións históricas, quitando competencias e recentralizando outras en plena expansión do proceso soberanista noutros territorios.

Xavier Vence solicitou a Núñez Feijóo que "non supedite os intereses de Galiza á voracidade de Madrid e que non asuma esa nova imposición". Segundo o Bloque, o Debate sobre o Estado da Autonomía desta semana foi un exemplo máis "revelador" da estratexia conservadora de "minusvalorar" o autogoberno e as competencias do país. As continuas alusións despectivas do presidente da Xunta ao proceso soberanista catalán ou ás vinculacións do BNG e doutras formacións con grupos políticos soberanistas afondaron nesta estratexia.

A reforma local, a redución de escanos ou o desleixo ante a desaparición do sistema financeiro galego forman parte desta campaña recentralizadora

Para Vence, a intención de reducir o número de escanos no Parlamento galego, "é o mesmo que reducir a capacidade lexislativa, a pluralidade políticas en aras dos intereses electorais do PP”. “O BNG quere que o Parlamento sexa un fiel reflexo da sociedade e que os votos dos galegos teñan o mesmo valor en calquera parte do país”, alegou.

Ademais, tamén cre que a renuncia expresa de Feijóo a loitar para que Novagalicia Banco se converta en banca pública galega e a negativa para reclamar un sistema de financiamento propio van na mesma dirección de "minusvalorar o autogoberno de Galiza a favor dunha recentralización nefasta para o futuro do país". A política lingüística que reduce a presenza do galego ou o apoio desde Madrid á reforma local son dous exemplos máis dunha estratexia que vén de lonxe e que continuará aproveitando os recortes derivados da crise.

Feijóo, no seu escano, con Puy en segundo termo © Parlamento de Galicia
Xavier Vence, voceiro nacional do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.