Núñez Feijoo despide o 2014 desbordando optimismo

Alberto Núñez Feijoo, nun momento da súa mensaxe de fin de ano © Xunta

O presidente da Xunta pronunciou este mércores a xa tradicional mensaxe de fin de ano, e no conxunto das súas palabras a idea clave que podemos tirar é a do optimismo. Un optimismo desbordante ante o 2015, mesmo no referido á situación económica.

Dende o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, no Porriño, Alberto Núñez Feijoo salientou que “a Galicia que decrecía economicamente é agora unha Galicia que aspira a crecer un 2% o próximo ano e a Galicia que destruía emprego é agora unha Galicia que está empezando a crear emprego”. Engadiu, iso si, que isto “non é dabondo para levar a tranquilidade a tantos fogares con problemas” pero “é un limiar necesario”. Para, a seguir, enumerar unha serie de vitorias estatísticas, coma a “mellor marca de exportacións e balanza comercial” ou o incremento da débeda pública por debaixo da media das autonomías.

No seu optimista discurso non houbo mencións aos centos de milleiros de galegos e galegas en situación de pobreza, pero si pasaron dende as recentes cifras de visitantes ata os contratos en automoción e estaleiros

No seu optimista discurso non houbo mencións aos centos de milleiros de galegos e galegas en situación de pobreza, pero si pasaron dende as recentes cifras de visitantes (“este ano batemos o récord de viaxeiros internacionais”) ata os contratos en automoción e estaleiros (“os anuncios recentes de contratos e investimentos nestes sectores non son unha casualidade, nin un regalo. Competiamos cos mellores do mundo, e gañamos”).

Tamén a corrupción, da que se limitou a afirmar que “xuntos podemos gañar unha batalla crucial que atinxe á limpeza da nosa vida pública” e que “existe a forza necesaria para vencer individuo que militan no seu interese persoal. Está na indignación cidadá que producen, tamén na dos cidadáns que nos dedicamos á política e que asistimos a como se desvirtúa o servizo público polo que tratamos de dar o mellor de nós mesmos”.

Sobre a corrupción política limitouse a dicir que “xuntos podemos gañar unha batalla crucial que atinxe á limpeza da nosa vida pública”

Núñez Feijoo mesmo fixo referencias á mocidade, a pesar das estarrecedoras cifras de desemprego xuvenil e de emigración: “Galicia é a catedral de Santiago; Galicia é este Centro Tecnolóxico; Galicia son as mozas e mozos. Pasado, presente e futuro”. E tamén ao idioma galego, sobre o que dixo que “Galicia é tamén unha lingua, unha lingua que expresa o que fomos, o que somos e o que queremos ser” e para o que pediu “recuperar” o clima de “complicidade afectiva que se sobrepuxo ás dificultades”. Un discurso baleiro de contido no que non houbo mención ao descenso de falantes,  nin a medidas concretas para reverter esa situación; tan só un “todos sabemos que o galego nos enriquece, e mesmo nos facilita estar no mundo con boas ferramentas expresivas”.

Núñez Feijoo gabouse igualmente de "dicir a verdade" sinalando que "mentres a demagoxia cae no simplismo e trata o pobo como menor de idade, a misión do gobernante democrático é dicir a verdade, con toda a súa complexidade, a unha cidadanía adulta".

Núñez Feijoo: "A misión do gobernante democrático é dicir a verdade, con toda a súa complexidade, a unha cidadanía adulta"

O presidente da Xunta abriu o seu discurso destacando que “nos transos máis aciagos, Galicia non parou de esforzarse, de investigar, de estudar, de emprender” e que “Galicia atravesou unha crise, pero o noso xeito de ser e de facer nunca estivo en crise. Os nosos valores mantivéronse en pé”. E pechouno cunha mensaxe semellante, falando “dunha Galicia que nunca se resigna, dunha Galicia que escribe o seu destino. Seguirémolo facendo neste 2015” e concluíndo “que o xa avanzado foi na dirección axeitada”.

O presidente da Xunta, nun momento da súa mensaxe de fin de ano © Xunta
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.