"O 15M é unha reivindicación da política no sentido máis clásico"

Alberto Garzón CC-BY-NC-ND Rocío Hirschfeld

O deputado de IU Alberto Garzón participou este martes en distintos actos de AGE na Coruña e Ferrol e asistiu ao xuízo do Prestige, no que a coalición está personada como acusación. Garzón, economiste moi vinculado á esquerda social a través de Attac e o 15M, cre inminente o rescate e reclama "rachar coa troika para reformular o modelo de sociedade".

"Ninguén cre os novos orzamentos, ten previsións de ingresos imposibles, e iso vai supor que dentro dun par de meses se presenten novos recortes"

Podemos dar por feito que vai haber rescate en novembro? Que vai supor?

O rescate vaise producir. Pero nós non consideramos que sexa un rescate senón que é máis ben un secuestro. Son cartos que se dedican a salvar os bancos e a seguir pagando a débeda e que xera condicións estritas sobre a economía real e sobre todo sobre os servizos públicos. Estamos ante un segundo rescate, pois xa houbo unha intervención previa que fixo que houbera un gran recorte no ensino e na sanidade xusto despois da presentación dos orzamentos do pasado ano. Ninguén cre os novos orzamentos, ten previsións de ingresos imposibles, e iso vai supor que dentro dun par de meses se presenten novos recortes. E presentaranse en calquera momento pero sempre cando menos prexudique os intereses partidistas do Partido Popular o mesmo que sucedeu o pasado ano coas eleccións en Andalucía. O rescate vai ter as mesmas consecuencias que en Grecia: redución das pensións, descenso dos salarios, aumento da xornada laboral ou flexibilización do mercado de traballo.

"Xa cos instrumentos que temos hoxe poderiamos facer unha política diferente. Pero necesitamos rachar coa troika para reformular o modelo de sociedade"

Hai alternativa ao rescate e aos recortes?

Por suposto que hai alternativa, o que hai que ter é a vontade de poñela en marcha. Realizando unha reforma fiscal podería obterse diñeiro abondo para evitar os recortes en sanidade e ensino e centrar o aforro na racionalización do gasto público. O que fai falla é impoñerse á troika, negociar cara a cara e esixirlle que deixe de impoñer recortes e que permita que o BCE lles empreste cartos aos países, o mesmo que llos está emprestando aos banco. O primeiro paso é rachar coa troica, como propoñía Syriza en Grecia. Porque necesitamos novos instrumentos para poder facer unha política alternativa. Xa cos instrumentos que temos hoxe poderiamos facer unha política diferente. Pero necesitamos rachar coa troika para salvar a sanidade e o ensino e para reformular o modelo de sociedade.

"A esquerda alternativa reconfigúrase entendendo que o importante son as ideas e o programa e non tanto as siglas. O que importa é levar a cabo un programa que permite cumprir unha esperanza que a cidadanía estaba agardando"

Está rachando o bipartidismo en España?

Estamos asistindo ao desplome dos dous grandes partidos. O PP desgástase por mor dos axustes e o PSOE por ter feito as mesmas políticas que o PP, por non terse diferenciado. A esquerda alternativa reconfigúrase entendendo que o importante son as ideas e o programa e non tanto as siglas. O que importa é levar a cabo un programa que permite cumprir unha esperanza que a cidadanía estaba agardando. A cidadanía o que quere é unha alternativa factible e non un conxunto de partidos pelexando continuamente. Iso vaise consolidando pouco a pouco e permite albergar a esperanza de que estamos entrando na fase de dunha alternativa moi sólida a pesar de proceder de tradicións distintas. E vaise facendo pouco a pouco como sucedeu en Grecia, onde Syriza primeiro obtivo o 4% dos votos e despois o 27%.

Como ves as eleccións en Galicia?

O PP quere que estas eleccións sexan unha reválida de Mariano Rajoy. Pero Feijoo está enganando a cidadanía cunhas informacións económicas que non cre ninguén. E a verdade saberase ao dia seguinte das eleccións. E mentres a cidadanía está falando dos temas que lle preocupan: sanidade, ensino ou servizos públicos, estase decatando da realidade e está saindo á rúa a demandar a verdade.

"O 15M evoluciona e muta e vai perfilando a súa posición política. Deste xeito perde actividade na rúa pero gaña en solidez e vaise facendo máis critico"

O 15M definiuse como un organismo vivo e evolucionou, mutou moito no seu ano e medio de vida. Como defines o seu momento actual e como cres que vai evolucionar?

O 15M manifestou a frustración da xente e iso era case todo o que tiñan en común. Era un colectivo moi heteroxéneo que dicía 'basta xa' a distintos problemas, cada un diferente en función da súa tradición política ou das súas circunstancias. O 15M evoluciona e muta e vai perfilando a súa posición política. Deste xeito perde actividade na rúa pero gaña en solidez e vaise facendo máis critico. Este movemento do 25S, son as mesmas persoas do 15M, terá unha continuación o 27 de outubro en Madrid cunha concentración contra os orzamentos e propoñendo uns orzamentos alternativos.

"Despois de catro anos de crise e nun momento no que a xente se repolitizou completamente e cada fala máis de política e economía o 15M converteuse nunha forza fundamental"

Agora é máis político?

O 15M mutou e madurou moito. E xa non ten nada desa antipolitica que podía reflectir unha parte do 15M nun comezo. Agora é unha reivindicación da política no sentido máis clásico. Nun contexto no que as decisións as toman institucións ás que non votamos, coma os bancos alemáns, cando o 15M propón rodear o Congreso e critica as institucións políticas, non vai en contra da política, senón que demanda máis política, un novo movemento constituínte e uns orzamentos máis sociais. Esta forza cristaliza en moitos movementos distintos e tamén cristaliza no ascenso en votos dos partidos que se identifican con ela. Non podemos entender o ascenso de IU sen ter en conta isto. Despois de catro anos de crise e nun momento no que a xente se repolitizou completamente e cada fala máis de política e economía o 15M converteuse nunha forza fundamental que reclama democracia non só política senón tamén económica.

Alberto Garzón CC-BY-NC-ND Rocío Hirschfeld

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.