A existencia dunha maioría de centro-dereita no Parlamento de Galicia é o máis frecuente na historia da autonomía. De feito, a preponderancia do centro-esquerda só se traduciu en escanos emanados das urnas nunha ocasión, os comicios de 2005, cando PSdeG e BNG sumaron a metade máis un dos escanos -25 máis 13- avalados polo 51,6% dos votos. Nos seguintes comicios, os de 2009, os sufraxios de socialistas e nacionalistas aínda pesaron un chisco máis que o PP, un 47,03% fronte ao 46,68% dos conservadores. En 2012 a correlación de forzas xa escorou cara á dereita e, agora, tras os comicios do 25S, Galicia terá o lexislativo con máis peso da dereita dende a fin do fraguismo.
As forzas de esquerda representan no novo Parlamento 2,22 puntos menos que o PP
O reconto provisional das eleccións do pasado domingo deixa o PP cun 47,53% dos votos. Supón un medre de case dous puntos con relación a hai catro anos e, malia estar aínda lonxe do 52,51% da derradeira maioría absoluta de Manuel Fraga, a proporción de sufraxios obtidos é a maior para a dereita dende o ano 2001. Así, aínda que os deputados e deputadas da esquerda representan unha porcentaxe de votos un chisco superior que en 2012 -PSdeG, AGE e BNG sumaban o 44,62% e agora En Marea, socialistas e Bloque, o 45,31%-, a distancia entre ambos bloques é agora de 2,22 puntos, mentres que hai catro anos era de 1,17. A esquerda avanza un chisco, pero a dereita avanza máis.
Esta circunstancia prodúcese nun contexto no que as forzas políticas que obtiveron representación parlamentaria concentran o 92,84% dos votos. Son 2,4 puntos máis que hai catro anos, pero moitos menos que en 2005, cando a forte concentración do voto da esquerda en PSdeG provocou que sentasen no Pazo do Hórreo representantes que, en conxunto, estaban avaladas por case o 96,7% dos votos do electorado. Outro efecto colateral da maior dispersión do voto é que a distancia entre a primeira e a segunda forza en número de sufraxios, neste caso PP e En Marea, é a maior tamén dende a derradeira absoluta do fundador dos populares.
Estas avultadas marxes para os de Alberto Núñez Feijóo danse, paradoxalmente, despois de catro anos nos que o PPdeG descendeu aos seus menores niveis de apoio cidadán dende a transformación de Alianza Popular no actual Partido Popular. Non en van, as eleccións europeas de 2014 supuxeron unha abrupta caída ata o 35,19% dos sufraxios e un ano despois, nas municipais de 2015, apenas existiu recuperación, ficando no 35,73%, e nas xerais do mesmo ano, un chisco por riba do 37%.
O PP galego caeu nas europeas de 2014 e municipais de 2015 ata a contorna do 35%, o peor resultado en Galicia dende a fundación do partido
Os indicios de remonta foron máis obvios na repetición das xerais, o pasado xuño, e culminaron co devandito 47,53% deste domingo. No que atinxe ao resto de forzas, todas as formacións que teñen asento no novo Parlamento empeoran a súa porcentaxe de votos a respecto das dúas convocatorias das xerais. No entanto, En Marea mellora notablemente a porcentaxe de votos obtida por AGE en 2012 de algo menos do 14% a algo máis do 19%. O BNG, pola súa banda, ficou algo máis dun punto por baixo das anteriores eleccións galegas pero, no entanto, recupera máis de cinco puntos a respecto das últimas xerais.